sábado, 13 de decembro de 2008

Novo cinema arxentino

Todo isto comezou hai máis ou menos dez anos. Arxentina, un dos alicerces da creación fílmica latinoamericana xunto a México e Brasil, comezaba a superar os ecos da ditadura e dos seus mitos tradicionais, de Gardel a Perón, para amosarlle ao mundo unha faciana máis viva e moderna que rachaba cunha produción “obsoleta no estético, falsa no temático e ineficiente no económico”, en palabras do crítico Quintín. Non se trataba de esquecer as miserias do pasado senón de recoñecer tamén os monstros do presente, caso da corrupción e das diferencias sociais asumidas polo sistema, para retratalos cunha concepción formal contemporánea, que non ignora o paso do tempo. Rapado de Martin Reitjman adiantou os sinais de cambio alá por 1992, mais aínda tardaría seis anos en chegar un dos títulos fundacionais, Pizza birra faso, filme codirixido por Bruno Stagnaro e Adrián Caetano que reflectía de maneira naturalista a vida cotiá dun grupo de mozos que sobreviven a forza de cometer pequenos delictos. As magníficas Bolivia e Un oso rojo -e mesmo Crónica de una fuga, aínda que teña unha factura máis convencional- consolidaron a Israel Adrián Caetano coma un dos cineastas arxentinos máis importantes.
Case en paralelo avanza a carreira de Pablo Trapero, que debutou a finais dos noventa con Mundo grúa e continuou a facer con El bonaerense ou Familia rodante un cinema áspero e duro de temática social que non cae no erro de transmitir mensaxes moralistas. O seu último traballo, Leonera, competiu no festival de Cannes este ano; compartiu sección oficial cunha película extraordinaria de Lucrecia Martel, La mujer rubia, máis densa e sutil que as anteriores La ciénaga e La niña santa, e quizá por iso moito peor entendida.
Despois da estimulante Balnearios, Mariano Llinás recibiu críticas ditirámbicas pola monumental Historias extraordinarias, que se verá no próximo Festival de Las Palmas. A bonaerense Albertina Carri sorprendeu en 2003 con Los rubios, un brillante exercicio de reconstrución e representación que explora o horror da ditadura e a traxedia dos desaparecidos a partir da experiencia persoal da directora, que perdeu os pais sendo unha nena. Moito máis decepcionante foi Géminis, un vulgar melodrama sobre o incesto. Sucede o contrario con Anahí Berneri, que despois da prescindíbel Un año sin amor dirixiu en 2007 a sublime Encarnación, sobre unha actriz madura cuxa época de esplendor xa pasou e a relación que mantén coa súa sobriña, fascinada polo glamour que aquela representa. Unha alfaia repousada e audaz chea de exquisita sensibilidade e ironía que conta entre os seus guionistas con Sergio Wolf, actual director do BAFICI e autor tamén dun interesante documental, Yo no sé qué me han hecho tus ojos.
A pletórica Nueve reinas creou grandes esperanzas sobre Fabián Bielinsky, que faleceu dun ataque ao corazón uns meses despois de presentar o seu seguinte filme, El aura, acollido con disparidade de opinións. Podería ter representado unha vía intermedia entre o cinema de autor máis rigoroso e os pasteis de Juan José Campanella tipo El hijo de la novia, igual que XXY de Lucía Puenzo ou as películas de Daniel Burman, que nos últimos tempos parece ter perdido a frescura da deliciosa El abrazo partido e demostra unha preocupante tendencia á repetición de certas fórmulas. A mesma frase é aplicable para Carlos Sorín, gabado sen moita xustificación a conta de Historias mínimas e que desde entón non volveu facer nada medianamente valioso, no caso de que aquela o fose. Os filmes de Sorín e Burman adoitan ter distribución comercial no noso país, de maneira que para moitos espectadores eles dous han ser os directores arxentinos máis recoñecíbeis. Non deixa de ser curioso que do novo cinema arxentino o que se coñece en España é xustamente o máis vello e impersoal, en boa medida porque é o que máis se parece ao audiovisual que se fabrica no estado. Iso explica tamén o escaso coñecemento que aquí hai das catro obras mestras de Lisandro Alonso, La libertad, Los muertos, Fantasma e Liverpool, un autor cuxa aparición é o mellor que lle pasou ao cinema no que vai de século.

Martin Pawley. Publicado o sábado 13 de decembro de 2008 en "Nós", suplemento de cultura do Xornal de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario