xoves, 31 de decembro de 2009

Dez filmes para o 2010

Quedades avisados: 2010 traerá a mellor colleita da historia do audiovisual galego. Moitos dos nosos máis interesantes cineastas (esquezamos dunha vez a etiqueta de "emerxentes": non "serán", xa "son") presentarán traballos ao longo do ano que vén. Aquí vos deixamos unha listaxe inicial de dez obras (por orde alfabética) que agardamos con expectación e que nos han proporcionar, aquí e acolá, inmensas alegrías:

Arraianos, de Eloy Enciso. Filme co-escrito e producido por José Manuel Sande que explora con espírito straubiano o territorio fronteirizo do Couto Mixto a partir dun texto de Jenaro Marinhas del Valle. [MP]

Canedo, de Vicente Vázquez e Usue Arrieta (QQ). Celebración da identidade intelixente, gozosa e afastada de tópicos que nace como unha sofisticada performance artística de regreso ás orixes e remata cunha verbena a ritmo de Hidrogenesse. A maior sorpresa de 2010. [MP]

Dous fragmentos / Eva, de Ángel Santos. Paseos, encontros e despedidas na Compostela actual nunha historia de (des)amor creada polo máis francés dos cineastas galegos. No reparto, Fernando Tielve, un fenómeno. [MP]

Entre linguas, de Eduardo Sánchez Maragoto, Juan Varela Aveledo e Vanesa Villaverde. Filme colectivo que aprofunda en cuestión filolóxicas cun atinado carácter científico mais sen renunciar a formas documentais máis ambiciosas con influencias da Pompeu Fabra. [XG]

Fatum, de Pablo Millán. Síntese dun proxecto máis complexo no que Millán mestura estilos de animación para analizar os medos da humanidade. [XG]

Gato encerrado, de Peque Varela. Animación de recortes que fabula coa idea das moitas vidas que ten un gato para debullar, con extraordinaria clarividencia, a sociedade contemporánea. [XG]

Manuscritos Pompeianos, de Marcos Nine. Curtametraxe que reúne infinidade de pintadas e graffitis en lugares públicos para facer con eles un estudo da expresión urbana en diferentes países do mundo cun impecábel traballo de posprodución. [MP]

Territorios, de Lara Bacelo. Diario filmado que serve de catarse persoal para a directora, que amosa os seus sentimentos entrecruzados nunha poliédrica reflexión sobre a realidade que a rodea. [XG]

Todos vós sodes capitáns, de Oliver Laxe. Artefacto que transcende e esgaza as barreiras entre a ficción e documental para redefinir con inusitado acerto a verdade cinematográfica. Unha das obras capitais de 2010. [MP]


Teaser de Vikingland


Vikingland, de Xurxo Chirro. Traballo monumental de apropiación de material alleo que establece unha curiosa transposición do Moby Dick de Herman Melville combinando a épica, a análise da emigración e a reflexión metalingüística. [MP]

P.D. Esta é unha listaxe non exhaustiva; agardamos ansiosamente quedarnos curtos e rectificala dentro duns meses engadindo outros títulos.

Xurxo González [XG] e Martin Pawley [MP]

Nota: este sábado en Xornal de Galicia, artigo sobre o audiovisual galego que veremos en 2010

mércores, 30 de decembro de 2009

Dez anos coa Lei na man

En novembro o Fórum da Academia do 2009 falou sobre As regras do xogo, entre elas a necesidade de cambiar a Lei do Audiovisual de Galicia (Lei 6/1999). Malia a variedade dos convidados (profesionais e políticos) non houbo ninguén que fixera unha análise polo miúdo do devandito texto legal. Imos pois a facer esa escura mais necesaria labor.

No preámbulo da orde faise referencia á supeditación a leis doutras administracións; algunhas delas permanecen inmaculadas mais hai outras que sufriron evolución, como as europeas, ás que é preciso axustarse. Así é que no tema das axudas á produción Galicia adaptouse a normativa europea en 2008, cousa que non fixo o estado español, e que é unha das causas polo que anda a abanear o ICAA. No mesmo prólogo fálase de tres organismos: o Consorcio, o Consello Asesor de Telecomunicacións e da Comisión do Usuario, unhas entidades que nalgún caso nin naceron e noutros amosaron certa inoperancia á hora de desenvolver os seus cometidos.

No Artigo 1º fálase do obxecto da lei, cunha serie de definicións que se ve a primeira vista que ficaron obsoletas ao non nomear os contidos interactivos, a TDT, internet… Malia estas carencias no futuro habería que procurar redactar textos que intentasen atallar o que aínda está por vir xa que este tipo de regramentacións sempre irá ao rebufo dos trepidantes avances tecnolóxicos que sacoden ao sector.

No Artigo 2º acóutase o ámbito de aplicación ao territorio galego, mais estamos dentro da deriva da globalización e non habería que limitar a súa actuación a Galicia, xa que pode haber producións que se desenvolvan fóra dela. No Artigo 3º dise que o exercicio de competencias correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, unha dependencia que explica que cada cambio de goberno cause unha galerna no sector xa que entre os seus cometidos están a definición da política, execución de programas e accións, elaboración de ornamentos, elaboración de proxectos e control da lei. Isto supón eliminar do panorama galego un certo parámetro que precisa con desesperación: a continuidade.

Dentro dos principios xerais da actividade que veñen detallados no Artigo 4º hai que facer referencia á normalización da lingua galega, que a pesar dos esforzos dos últimos anos deixa moito que desexar tanto no que atinxe á produción como á exhibición. Tamén é salientábel a intención de favorecer a presenza da muller nos distintos roles de traballo do sector. Dentro da liñas fundamentais de acción institucional que reflicte o Artigo 6º, o punto 1.a fala de coordinación entre os diferentes departamentos da Xunta de Galicia e organismos dependentes. Este é outro punto de déficit flagrante durante a década, se ben si se cumpliu co apoio a animación tal como indica o punto 6.

O Artigo 7º tamén é polémico a máis non poder porque fai referencia a outra orde que tamén precisa ser adecuada aos novos tempos: a Lei da Radio e Televisión de Galicia (Lei 10/1988). O papel da CRTVG no medio audiovisual ten que regularse de xeito que resalte a sintonía coa produción audiovisual.

No Artigo 8º tamén urxen certas actualizacións: os criterios culturais veñen marcados pola UE, cómpre innovar na aplicación didáctica do audiovisual intentando adiantarse aos hábitos da mocidade, os maiores consumidores de audiovisual (Audiovisual nas aulas?, Curtas na rede?); a consolidación de baremos de participación de profesionais galegos nas convocatorias de axudas; consulta coas asociacións de profesionais implicados; definir a causística da coprodución; promover actividades de investigación e conservación do patrimonio audiovisual (Memoria do século XX); buscar alternativas aos circuitos de exhibición tradicionais (Cinemas Dixitais?) e afondar nas relacións con Portugal tal como indica o último punto.

O Artigo 9º da lei insiste en definir o Consorcio Audiovisual de Galicia, unha institución que non viu cumplidas as expectativas coas que foi creado, argumentación que tamén valería para o Consello Asesor das Telecomunicacións e do Audiovisual de Galicia que protagoniza o Artigo 13º. Mentres, o Artigo 10º dedicado á promoción e a difusión parece que está a falar de proxectos de contrastada valía (Cinemas Dixitais? Flocos.tv?) mais queda orfo no tocante á conflictiva política de festivais. No Artigo 11º fala das axudas aos cinemas rurais, unha convocatoria erradicada pola deriva apocalíptica do sector. Por último, nas disposicións adicionais o texto volve referirse a uns textos legais que tamén son suceptíbeis de ser reformados (UE, TVG e CGAI).

En resumo, a Lei do Audiovisual de Galicia naceu con unanimidade política mais con poucos anos de vida, xa que a maior parte do seu contido non ten hoxe vixencia ou, incluso, non se chegou a aplicar. É dicir, o audiovisual galego é un edificio que foi gañando andares partindo dun solar con signos de inestabilidade.

Xurxo González

xoves, 17 de decembro de 2009

Si, si, ACAPI, con "c"

As veces, xorden cousas as que se lle asignan siglas significantes, contidos nominais que a xente, ao final, escoita e non sabe exactamente de onde veñen ou se confunden con outras alterando moitísimas veces a súa esencia. O pasado venres, día 11 de decembro -día no que nacía Acto de Primavera-, asistín ao outro “primeiro acto” público de ACAPI, Asociación Cultural Audiovisual Película Invertida. Unhas siglas conscientes do xogo irónico con outra asociación con máis anos de existencia no audiovisual galego. Este baile de letras con parecida sonoridade alimenta un debate que abre fendas nunha mentalidade arraigada ao longo de moitos anos.

Segundo escoitei na presentación ACAPI é unha asociación cultural que agrupa a creadores e técnicos do audiovisual de toda Galicia, sobre todo xente nova, que intenta facerse un oco no difícil panorama do sector. Durante o acto deuse lectura a súa declaracións de intencións:



1. Película invertida non é unha produtora, é unha idea que intenta agrupar a socios que comparten unha mesma filosofía de traballo.
2. Unha filosofía baseada na colaboración no audiovisual e no rexeitamento ao conformismo.
3. Unha filosofía que non vai contra nadie mas que non quere viciarse dun sistema colapsado.
4. Unha filosofía consciente en canalizar o potencial creativo.
5. Coordinación dos recursos humanos e técnicos
6. Xestión dos recursos en prol do crecimiento profesional.
7. Unha alternativa que quere proporcionar máis liberdade creativa.
8. Un punto de fuga indispensable
E ata aquí as palabras…


Non cabe dúbida que é complicada a práctica audiovisual en soidade, iso só está na man dalgúns “outsiders” que sacrifican algúns aspectos da súa obra en favor do control da súa obra. Mais a realización industrial arrastra a tradicional inercia do traballo en grupo e, aínda por riba, xerarquizado. Esta capacidade de colaboración nun proxcto normalmente ven auspiciado polo interese dunha produtora. Son estas empresas as que deciden salomonicamente que proxectos saen adiante e cales non. Nos últimos anos houbo a posibilidade de materializar proxectos de “creadores individuais”, unha figura que, por desgraza, non lle sentou ben ao tecido industrial galego máis consolidado. A figura da “asociación cultural audiovisual” que aparece agora pretende dar un paso máis neste senso e irromper no mundo da creación audiovisual cunha fórmula de cobertura legal na que prime o acceso a oportunidades.

O anterior parágrafo apunta o feito de que as novas xeracións de profesionais teñen que intentar abrirse un oco no sector por medio, porque non dicilo, de subterfuxios. Hai pouco entereime de que a un dos talentos máis sólidos do audiovisual galego non lle quedou outra que facer unha produtora. Outra amiga recentemente fixo o mesmo, e recibiu críticas por parte de “nomes consolidados” por “atomizar” o sector. Todo o mundo é consciente deste feito, mais que levou ao sector audiovisual galego a ter máis produtoras que Portugal?

Desde o comezo o sector audiovisual en Galicia levou moi en serio iso de ser “galego”, é dicir, que no seu desenvolvemento pesaron moito cuestións inherentes á súa idiosincrasia que é a de non querer saber nada de ideas e proxectos alleos, evitar a sinerxia, facer as cousas propias, buscar cadanseu anaco do panorama industrial; en suma, iso que se dá en chamar despectivamente o “leirismo” e que entronca directamente co carácter individualista do galego que, segundo os historiadores, ven desde os tempos dos castrexos. Porén esta idea, lonxe de ser combatida, foi potenciada e instituída como a pincipal regra do xogo e todo o mundo que quere entrar nela ten por desgraza que constituír o seu propio vehículo xurídico.

Aplaudo pois a ousadía de ACAPI para buscar novas saídas nun sistema certamente colapsado cunha iniciativa onde primen máis os feitos que as palabras. Ao mesmo tempo, alerto a outras asociacións sen “c” das difíciles perspectivas que hai no horizonte. Polo tanto, é de agardar que a tendencia fragmentaria intente reconducirse cara outra máis unificadora e forte que dea máis garantías ao sector. Até que isto aconteza só valerá escribir o audiovisual galego con “c”, é dicir, con coraxe, contumacia e corazón.

Xurxo González

venres, 11 de decembro de 2009

101 Actos de Primavera!

oliveira no asasino


Outro 11 de decembro, outro aniversario de Manoel de Oliveira e desta volta xa van 101. Facémonos eco da efeméride para render merecida homenaxe ao cineasta portugués e con ela darmos o sinal de saída a este espazo en Internet que pretende ser un lugar de reunión das voces do audiovisual galego e un punto de apoio para a produción propia, coa vontade de promovela e difundila sen renunciar a un espírito crítico.

Ante as máis que posíbeis acusacións de localismo queremos, desde o principio, fixar referentes que sexan de utilidade para o desenvolvemento da creación galega. Por iso como primeira nova facémonos eco dos 101 anos que hoxe fai Manoel de Oliveira. A sona mediática acadada pola súa inusual lonxevidade non sempre favorece un achegamento correcto á súa obra. O cineasta portugués estrea este mes en España a longametraxe Singularidades de Uma Rapariga Loura case coincidindo coa celebración da súa data de nacemento. Nós non imos ser menos. Damos aquí inicio a unha xeira “beta", o que poderíamos chamar "acto de outono”, coa intención expresa de coincidirmos no tempo con tan importante acontecemento. Tralo outono virá o inverno e será despois deste cando cobre a súa forma definitiva o noso Acto de Primavera.

Adoita haber discusións á hora de poñerlle nome a un proxecto, mais non foi o caso: houbo total acordo para denominar a páxina co título do filme que en 1963 marcou un antes e un despois na carreira de Manoel de Oliveira. Xa haberá tempo de facer análises polo miudo, mais a escolla vén dada pola radical modernidade dunha fita que aínda agora deixa vellos a moitos cineastas contemporáneos. Si podemos adiantar algúns aspectos do filme que nutrirán os debates desta páxina: a fronteira entre o documental e a ficción, a maneira de poñer en imaxes a literatura, a natureza da representación, a violentación dos xéneros, a apropiación do proceso de produción, o feito cinematográfico como esparexedor de significados, o respecto da tradición mirada a través dun prisma moderno, o destaque do local adheríndoo a contextos mundiais e, sobre todo, a grande ensinanza do mestre Oliveira: a súa paixón polo cinema. Aínda hoxe lembro o a rodaxe de Palavra e Utopía (2000) en Coimbra ou a súa escalada pola Porta dos Carros en Santiago de Compostela na que demostraba unha vitalidade insultante.





Comeza, pois, unha nova travesía polo audiovisual galego na que haberá oportunidade para pensar a imaxe e os métodos cos que materializala afastándonos de vitimismos e eternos fracasos. Partimos da festividade do 11 de decembro para buscar unha luz que ilumine o noso camiño, coma o faro que abre e pecha Douro, Faina Fluvial. Porque nunca está de máis destacar as excelencias creativas dun cineasta capital na Historia do Cinema, e porque grazas a súa perseverancia solventou todo tipo de problemas que se cernen sobre a práctica cinematográfica: a ausencia de subvencións, a falta de apoio da industria, a soidade do creador, a innovación formal, a singularización conceptual, a crítica adversa…

Desde 1929 Oliveira fixo cinema superando unha morea de atrancos que non puideron arredalo de construír un legado cinematográfico de medio cento de filmes. Na actualidade está a preparar a súa próxima longametraxe, O Estranho Caso de Angélica, coa que reactualiza un guión escrito nos anos 50 que nunca tivo ocasión de materializar. Nós, ao igual que Oliveira, cremos na constancia e cremos na vontade creativa sobre calquera cousa. Isto aprendéunolo un cineasta nado no Porto que morou na Galiza na súa adolescencia, e que por iso mesmo podemos facer noso para convertilo nun modelo a seguir na actualidade.

Esta posta en valor da obra de Manoel de Oliveira é a primeira pedra sobre a cal colocaremos máis adiante moitas outras, diferentes en cor, tamaño e procedencia, para intentar aportar algo de racionalidade na práctica cinematográfica galega e introducir nela os grandes debates que fan abanear o panorama internacional.

Xurxo González

domingo, 29 de novembro de 2009

A celebración da ledicia cotiá de La Pivellina gaña o Festival de Xixón

Apostar por La Pivellina era apostar sobre seguro: como dixen o venres, é a clase de filme que atrapa calquera tipo de espectador, os duros e os tenros. Tamén cativou os membros do xurado internacional da 47 edición do Festival de Xixón, integrado por Lenny Abrahamson, Kiko Amat, Christine Dollhofer, Andrés Gertrúdix e Lucía Puenzo, que decidiron outorgarlle o Premio Principado de Asturias, o principal do certame, á fabulosa longametraxe de Tizza Covi e Rainer Frimmel “pola súa inaudita celebración da felicidade cotiá” e a súa “ollada íntima e emocionalmente honesta”. A potente presenza de Patrizia Gerardi conmoveu igualmente o xurado, que lle concedeu o galardón á mellor actriz por construír o seu personaxe no filme “con detalles, convicción e unha infinita complicidade coa cámara”.

O Premio Especial, o segundo en importancia do palmarés, foi para Le roi de l’evasion de Alain Guiraudie, “un explosivo e demente festín que festexa con gran irreverencia todo o que é importante” e que nos achegou os máis valiosos momentos de comedia (algo perralleira) da competición. Menos afortunada é a decisión de recoñecer a Lynn Shelton como directora pola irrelevante Humpday, peliculiña inofensiva con etiqueta Sundance que marcha de Xixón con outro premio para os actores Mark Duplass e Joshua Leonard.

O mellor guión levárono Philippe Lioret, Emmanuel Courcol e Olivier Adam por Welcome, o benintencionado e con certeza útil relato do drama da inmigración, resolto iso si con imperdoábel torpeza. O palmarés complétase co Premio Gil Parrondo á mellor dirección artística para Gustavo Ramírez pola uruguaia Mal día para pescar. O xurado esqueceu os outros traballos que, xunto a La Pivellina, elevaron o nivel dunha edición máis ben frouxa: Wakaranai de Masahiro Kobayashi e sobre todo Morrer como un homem, o filme máis sólido dos que até agora fixo o cineasta portugués João Pedro Rodrigues.



Ricardo Menéndez Salmón, Elisabet Cabeza e Gabe Klinger acordaron como gañadora do premio de non ficción ou documental a película Sahman (Fronteira) do armenio Harutyun Khachatryan. Silvia Grijalba, Pablo Agüero e Alberto Ferreiro, xurados da categoría de curtametraxes, optaron por Bingo de Timur Ismailov, produción holandesa.

Na nova sección Rellumes o galardón decidiuno o voto do público, que se decantou por Barking water de Sterlin Harjo. O xurado da federación da prensa cinematográfica internacional, a Fipresci, mirou cara a Romanía, un dos focos imprescindíbeis do actual cinema europeo, para premiar a Bobby Paunescu pola excelente Francesca. Por último, o xurado da mocidade elixiu como mellor longametraxe a xa citada de Philippe Lioret, Welcome, e como curtametraxe L’homme est el seul oiseau qui porte sa cage do cineasta francés Claude Weiss.

Así remata un festival que coa inminente marcha do seu programador Fran Gayo pecha unha etapa indiscutibelmente espléndida. En calquera caso, Xixón seguirá a ser unha cita obrigada para todos os amantes do cinema cada mes de novembro.

Martin Pawley. Publicado o domingo 29 de novembro de 2009 en Xornal de Galicia

sábado, 28 de novembro de 2009

Festival de Xixón 2009: Estraños no paraíso

Os organizadores do Festival de Xixón decidiron introducir unha nova sección competitiva, Rellumes, de definición imprecisa e que vén completar a programación oficial cunha aposta semellante polo cinema de autor. O curioso é que foi en Rellumes onde pasou o mellor filme do certame, A religiosa portuguesa de Eugène Green, un dos títulos fundamentais deste 2009. Ambientada en Lisboa, cidade que acaba por ser a verdadeira protagonista da película, A religiosa portuguesa ten por personaxe central unha actriz, Julie, interpretada por Leonor Baldaque, a neta de Agustina Bessa-Luis, que chega á capital portuguesa para rodar un filme de época. A viaxe propicia o contacto con diferentes personaxes, nomeadamente unha monxa nova que reza cada noite nunha capela –a fabulosa Ana Moreira– e un neno de exquisitos modais –Francisco Mozos– ao que se sente especialmente unida; a rodaxe en Lisboa acabará sendo para Julie unha experiencia reveladora que transformará a súa vida para sempre.



Filme elegante, repousado e transcendente coma un conto de Eça de Queirós, A religiosa portuguesa é unha obra deliberadamente antinaturalista con intérpretes que miran directamente á cámara e declaman os seus textos. Subxugado pola beleza luminosa da cidade, Eugène Green constrúe escenas de extrema fermosura sen renunciar ao humor sutil nunha película que tamén pode verse como unha homenaxe retranqueira a Manoel de Oliveira. Camané e a colosal Aldina Duarte fan ademais dúas aparicións especiais facendo o que mellor saben: cantar fados.

Tamén en Rellumes gozamos cun estraño artefacto xaponés, Nikotoko Tou, unha curiosa mediometraxe dirixida e interpretada por Takuya Dairiki e Takashi Miura, co actor Keisuke Matsuda como terceiro membro dun equipo que empeza e remata con eles. Durante tres cuartos de hora verémolos aos tres agardando no porto por un barco, logo a bordo do mesmo pasando o tempo na cuberta, e despois xa na illa de destino, un espazo despoboado de paisaxe agreste. Fotografada en branco e negro con planos xerais nos cales os personaxes humanos son un simple detalle que se dilúe na natureza, ao máis puro estilo Albert Serra, mentres en off escoitamos os seus diálogos, ás veces filosóficos, ás veces escatolóxicos, A illa de Nikotoko é unha obra tan modesta como encantadora destinada a inspirar simpatía entre os espectadores menos adormentados do festival.

Na competición de documentais, Blow Horn, a segunda película como director do audaz produtor Lluís Miñarro, que testemuña con corrección a viaxe á India dun grupo de budistas cataláns á saída dun retiro espiritual de máis de tres anos; Here, do cineasta de Singapur Ho Tzu Nyen, que non acaba de acertar con este xogo entre a realidade e a ficción ambientado nun psiquiátrico, ou a absurda De vilde hjerter (Os corazóns salvaxes) do danés Michael Noer, que acompaña un grupo de moteiros descerebrados nun percorrido por media Europa até Polonia, onde se dirixen para dar un concerto.

Martin Pawley. Artigo publicado o sábado 28 de novembro de 2009 en Xornal de Galicia

venres, 27 de novembro de 2009

Festival de Xixón 2009: O único que queda é o amor

Non sairemos de dúbidas até mañá, mais apóstolles un café a que La pivellina acaba levando algún premio gordo neste Festival de Xixón. O filme de Tizza Covi e Rainer Frimmel é un soño para calquera festival, a clase de película que vai gustar da mesma maneira aos culturetas profesionais e ao público que cae de paso na sala, hipnotizados todos desde a primeira escena pola presenza poderosa e roiba de Patrizia Gerardi na pel dunha artista de circo que atopa unha nena de dous anos abandonada nun parque. Sabedora de que non pode deixala soa lévaa con ela á caravana onde vive e descobre entre as súas roupas unha nota da nai na que afirma que volverá axiña para recollela. Coa axuda de Tairo, un veciño adolescente, e a pragmática oposición do home, Walter, Patrizia faise cargo da cativa e coida dela á espera de que o asunto se resolva, nunha experiencia que acaba por resultar un gozoso e inesperado estímulo para unha muller que xa non está en idade de ter fillos.



O que fai grande La Pivellina é a maneira na que sortea todos os riscos potenciais da súa trama e a súa ambientación. É naturalista mais non ten necesidade de amosar trapos sucios; toca emocións esenciais sen caer na sensiblería melodramática; fala da familia, si, mais dunha nada convencional, cun trío memorábel -Patrizia, Tairo e a nena Asia- que nin sequera está ligado por lazos de sangue. Emprega como contexto escénico un parque de caravanas e o ambiente bohemio dos profesionais ambulantes, mais non pretende extraer poesía cutre dese espazo e moito menos recrearse na súa hipotética sordidez. Non é moralista, mais presenta heroes cotiáns que non van marchar facilmente da nosa memoria.

É abraiante o resultado obtido cos seus actores por Tizza Covi e Rainer Frimmel, que reparten entre os dous os labores de dirección, guión, produción, montaxe e fotografia. Incríbel o que conseguen con Asia, a habilidade coa que integran en cada escena as reaccións imposíbeis de manipular dunha picariña que non chega a trinta meses. Digna de aplauso por escapar dos subliñados e dos excesos, por inserir pingas de humor xusto onde deben estar, por facer da normalidade unha virtude, La Pivellina será un dos títulos de referencia deste Festival de Xixón por unha razón fundamental que non adoita ser citada nunha crítica de cinema: por todo o amor que leva dentro.

Martin Pawley. Publicado o venres 27 de novembro de 2009 en Xornal de Galicia

xoves, 26 de novembro de 2009

Festival de Xixón 2009: Mentiras e gordas

Polas diferentes seccións do festival hai varios filmes con comentario pendente, entre eles a primeira gran favorita para os premios, La pivellina, mais en verdade a actualidade das proxeccións ficou nun segundo plano trala feliz noticia que soubemos o martes pola noite: a decisión da Comisión Europea de tramitar de maneira ordinaria e non con carácter de urxencia a Orde Ministerial que desenvolve a Lei do Cinema. Unha orde cociñada por Ignasi Guardans coa intención confesa de reducir o número de producións españolas recortando por onde máis doe ao introducir como criterio esencial á hora de adxudicar subvencións o orzamento dos proxectos e deixar fóra das axudas automáticas aquelas que non son suficientemente caras segundo a mentalidade liberalona do ex-eurodeputado de CiU.

O problema é que na UE parecen ter claro que en favor da libre competencia a única xustificación para as axudas públicas son os criterios de corte cultural e non as razóns industriais, e dentro delas deben ser prioritarios os aspectos que admiten ser avaliados de maneira obxectiva. Disto pode falarlles moito e ben Manolo González, responsábel durante o bipartito da Axencia Audiovisual Galega, que tivo que negociar o modelo galego de subvencións practicamente liña a liña. Un amigo que participou nunha das comisións que valorou este ano proxectos para o AGADIC queixábase de que as bases eran tan ríxidas que apenas había espazo para desmarcarse delas e promover obras á marxe de que se axustasen ou non ao rigorosísimo mandato da Consellería, que premia as adaptacións literarias, as rodaxes en territorio europeo e a pertenza dos cineastas a calquera dos estados membros da UE. Un guión orixinal dun cineasta galego ambientado en Marrocos pode optar ás axudas, mais recibirá con seguridade menos puntos que unha adaptación dun conto de Rafael Dieste rodado en Berlín por unha directora francesa. Isto pode gustarnos máis ou menos, mais esa é a tendencia que impón a Comisión Europea e se é de obrigado cumprimento para as axudas ao audiovisual na Alemaña ou no noso país, tamén debe aterse a ela o Ministerio de Cultura español.

Mais no Ministerio actuaron con soberbia e con precipitación, como se ter anos de experiencia nos despachos de Bruxelas lle dese a calquera carta branca para facer o que lle pete. Ignasi Guardans e a ministra Ángeles González-Sinde cometeron a ousadía de publicar a orde sen agardar polo visto e prace comunitario, e agora fican sen marco legal de ningunha clase para convocar subvencións, cousa que pon dos nervos a xente como Gerardo Herrero, que nunhas obscenas declaracións a El País -matizadas e corrixidas ao longo da tarde, mais sen mudar o esencial do seu discurso- califica de idiotas a “algúns” dos Cineastas contra la Orden, plataforma de cidadáns que se opoñen a esta demencial reforma, moitos dos cales -e reproduzo textualmente as súas palabras- “lo único que saben es chupar del bote y hacer películas que no interesan a nadie”. Por se non o sabían, quen di iso é un produtor cuxas longametraxes recibiron millón e medio de euros do goberno galego entre 2000 e 2006.

Martin Pawley. Publicado o xoves 26 de novembro de 2009 en Xornal de Galicia

mércores, 25 de novembro de 2009

Festival de Xixón 2009: A alegría está no campo

Se onte puxen Welcome como exemplo da tendencia populista do festival de Xixón, hoxe toca falar de Ahasin Wetei ('Entre dous mundos') como representación de todo o contrario, dunha liña dura, hermética e neste caso non necesariamente pertinente. O cineasta de Sri Lanka Vimukthi Jayasundara proporciónanos hora e media de fermosas imaxes de planificación sofisticada e ás veces un chisco circense, mais custa sentir simpatía por un filme tan enigmático, metafórico e impenetrábel coma este. O estraño percorrido que fai o protagonista, que comeza caendo literalmente á auga desde o ceo, lévanos dun escenario de violencia urbana, quizá un eco do longuísimo conflito civil que rachou o país durante case trinta anos, cara a selva, non menos ameazadora e misteriosa. O real e o mitolóxico confúndense nunha obra difícil de dixerir que enche o oco que sempre hai reservado para o exotismo festivaleiro.



Bastante máis divertida, aínda que non o suficiente, é Le roi de l'évasion ('O rei das fugas'), do francés Alain Guiraudie, que nos traslada á Francia rural dos nosos días. O personaxe principal, Armand Lacourtade, encarnado por un magnífico Ludovic Berthillot, xa deixou atrás os corenta anos e está insatisfeito coa sua vida, o seu traballo e as súas relacións (homo)sexuais. Unha noite coñece unha rapaza, Curly (Hafzia Herzi, actriz de La graine et le mulet), e entre eles se desata unha inesperada paixón amorosa que choca coa oposición de toda a xente ao seu redor. Agradécese o ton deliberadamente transgresor no retrato desinhibido que o filme fai do desexo sexual de calquera clase e a calquera idade, así como a vontade provocadora dun director que afirmou ter feito unha película “anti Sarkozy”, pero aínda recoñecendo as virtudes dun guión máis feitiño que brillante, o conxunto resulta un chisco inane e esquecíbel.



Fóra da sección oficial aparecen as primeiras boas noticias. La mujer sin piano, presentada en setembro no Festival de Donostia e hai unhas semanas en Cineuropa, xustifica por si soa a viaxe a Xixón, experiencia que ademais se ve enriquecida pola presenza do director, Javier Rebollo, que non só é un gran artista senón tamén un gran cinéfilo, cousa esta menos habitual do que lles puidera parecer. O elegante e alucinado vagabundear nocturno por un Madrid cheo de verdade dunha Carmen Machi a medio camiño entre Buster Keaton e Giulietta Massina -díxoo Rebollo- ofrécenos unha continua lección de cinema no uso do son -comparábel ao da portentosa En la ciudad de Sylvia de Guerín-, o traballo fotográfico, a prodixiosa composición de cada plano. La mujer sin piano é tamén a demostración de que se poden facer obras mestras con moitísimos menos cartos dos que Ignasi Guardans cre necesarios para facer unha película.

Martin Pawley. Publicado o mércores 25 de novembro de 2009 en Xornal de Galicia

luns, 23 de novembro de 2009

Festival de Xixón 2009: O pequeno é fermoso

Apuntabamos onte o complicado equilibrio entre filmes de éxito previsíbel e obras dirixidas a públicos minoritarios que caracteriza a sección oficial do Festival de Xixón. Por cada Liverpool de Lisandro Alonso –xusta gañadora en 2008, e tamén a película peor valorada polo público de Cineuropa– hai sempre algún pasteliño destinado a provocar cálidos aplausos.



Así arrancou a xornada do domingo, cargada de boas intencións. Welcome, do francés Philippe Loiret, narra a historia dun inmigrante novo que tenta chegar ilegalmente ao Reino Unido desde a cidade portuaria de Calais. Bilal, que así se chama, vén desde o Kurdistán iraquí fuxindo da guerra e co desexo de reencontrarse coa súa namorada, que vive en Londres coa súa familia. Despois dun intento frustrado de abandonar Francia oculto nun camión, e consciente de que dese xeito non lle vai ser posíbel chegar ao seu destino, Bilal decide prepararse para unha aventura arriscada e tola: a de cruzar o Canal da Mancha a nado. No seu desesperado esforzo contará coa colaboración dun profesor de natación (Vincent Lindon) que está en pleno proceso de divorcio mais aínda segue namorado da súa esposa.

É evidente que a inmigración é un dos asuntos esenciais do noso tempo e que unha sociedade que babexa pola libre circulación do capital coa mesma enerxía coa que nega a libre circulación das persoas é unha sociedade enferma. A bondade da causa que defende Welcome non a discute ninguén, e mesmo podemos detectar na película algúns aspectos valentes, en particular a súa visión crítica da represión do estado francés sobre as persoas que dan asistencia humanitaria aos inmigrantes ilegais; mais o conxunto é extremadamente previsíbel, telenovelesco e tosco, un produto perfecto para incluír en calquera ciclo de temática social pero exento de virtudes cinematográficas e polo tanto impropio dunha competición do nivel que desexamos para Xixón.



Unmade beds foi pola contra unha agradabilísima sorpresa dentro da sección Enfants Terribles. A segunda longametraxe do arxentino Alexis dos Santos despois de Glue presenta en paralelo as vidas londinenses de Vera, unha rapaza belga afectada pola fin dunha relación de parella, e Axl, un mozo español con certa facilidade para espertar en camas alleas (as camas desfeitas do título) e empeñado en atopar o seu pai, que o abandonara de pequeno. Filme feito para gustar, Unmade beds é unha demostración de intelixencia por parte dun director con oficio que resolve con habilidade e sen complicarse demasiado un relato de encontros, desencontros, amores e amizades guiado por unha banda sonora inzada de cancións destinadas a atrapar o espectador pola vía fácil e cun estupendo reparto no que merece ser destacada a perfecta interpretación de Fernando Tielve, recente coprotagonista dunha das longametraxes de produción galega máis prometedoras do ano que vén, a de Ángel Santos, Dous fragmentos / Eva.

Martin Pawley. Publicado o luns 23 de novembro de 2009 en Xornal de Galicia

domingo, 22 de novembro de 2009

Festival de Xixón 2009: Cineastas contra fascistas

No texto de presentación que escribiu para o catálogo o director do Festival Internacional de Cinema de Xixón, José Luis Cienfuegos, advirte xa na primeira liña de que este é un ano “bastante atípico”. Fai referencia á falta da sede emblemática do certame, o Teatro Jovellanos, actualmente en obras, que motivou a dispersión das proxeccións por outros espazos da cidade; mais calquera afeccionado atento pode darlle a ese adxectivo outras interpretacións. Xixón é o máis prestixioso dos festivais do estado, un acontecemento de culto que combina con coidadoso equilibrio as propostas máis esixentes do cinema contemporáneo con produtos de corte popular sen caer nunca nese perralleirismo característico doutras citas da axenda cinéfila. Xixón é unha visita obrigada para os culturetas, si, mais a súa programación consegue meter dentro das salas setenta e cinco mil espectadores, unha cifra realmente espectacular se consideramos as dimensións da cidade. É o festival favorito de moitos, empezando por min, mais non vou negar que os contidos xerais desta edición non inspiran gran alegría, en parte pola escasa forza dos ciclos e retrospectivas, con Fatih Akin como principal (e dubidoso) reclamo. Concordamos, pois, con Cienfuegos en que é un ano atípico, quizá mesmo de transición, unha oportunidade tamén para cuestionarse cousas e repensar modelos, en especial nun momento en que coa escusa da crise económica o investimento en cultura é non xa cercenado senón abertamente cuestionado en moitos foros.



A falta de entusiasmo sempre queda agardar polas sorpresas. Algunhas relativas, como acontece con Francesca, o filme do romeno Bobby Paunescu que saltou ás portadas dos medios de comunicación de todo o planeta trala cancelación de varios pases no festival de Venecia a pedido da neta de Mussolini, Alessandra, que se consideraba insultada por unha frase do guión e chegou a emprender accións legais para frear a distribución do filme: por sorte para todos a neta e herdeira ideolóxica do líder fascista non tivo éxito coas súas pretensións.

É doado ver nesta película a pegada d'A morte do señor Lazarescu, a obra mestra de Cristi Puiu que colocou de novo no mapa o cinema feito en Rumanía e da cal foi produtor o propio Bobby Paunescu. Contada como aquela a base de poderosos planos secuencia, Francesca narra a historia dunha muller nova -unha deslumbrante Monica Birladeanu- que quere emigrar a Italia na procura dun mellor porvir, un intento que choca con múltiples dificultades, entre elas a de reunir os cartos para pagarlle á xente que lle atopará o traballo e as derivadas dos turbios asuntos nos que está metido o seu mozo. Na liña Lazarescu o filme fai un retrato descarnado, vigoroso e austero, mais non miserabilista, das contradicións que vive un país no que o cambio da ditadura á democracia non supuxo, antes polo contrario, a desaparición da pobreza e da corrupción. Non é xenial, desde logo, mais case o parece comparada coa covarde e por momentos reaccionaria Humpday de Lynn Shelton, a inevitábel tontada indie da sección oficial.

Martin Pawley. Publicado o domingo 22 de novembro de 2009 en Xornal de Galicia

luns, 12 de outubro de 2009

Cen películas na procura dun modelo

"Non podemos permitirnos o luxo de ter tantos festivais en Galicia”. Díxoo esta semana Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios. A pregunta de se hai espazo para “tantos” festivais é pertinente; o que me asombra é que non se aplique por igual ás festas gastronómicas ou ás verbenas, poñamos por caso. Podemos permitirnos o luxo de ter tantas verbenas en Galicia? Pois, como cos festivais, depende.

O importante non é o número, senón comprobar os seus resultados, valoralos en termos cuantitativos e cualitativos. A parte dos números é doada: trátase de medir canta xente asiste e a opinión que leva, boa ou mala; e tamén os cartos que custa, para determinar se a relación entre medios e fins é a desexábel. Testar a calidade non é tan doado, mais todo é poñerse: hai que establecer uns parámetros de avaliación e ir vendo en que medida se cumpren. A repercusión entre os especialistas na materia, por exemplo, ou o grao de coñecemento fóra do ámbito local e o interese que a actividade ten de seu, pola súa orixinalidade e vontade de abrir camiños ou pola súa conexión cos creadores máis activos que aparecen aquí e acolá.

No que atinxe aos festivais galegos ninguén parece cuestionar os bendicidos polo éxito popular, caso de Cineuropa, ou aqueles que apostaron pola especialización, coma o Play-Doc de Tui ou o Amal en Santiago. As dúbidas que apunta Alfonso Cabaleiro ao falar da necesidade de “reordenación” van referidas á multiplicación de certames polo país adiante nos últimos anos; multiplicación que por outra parte revela o sinxelo e barato que é organizar unha mostra destas características mesmo por parte de pequenos concellos, que ademais puideron beneficiarse na pasada lexislatura dunha política de axudas transparente na que a Administración repartiu cartos atendendo ao xuízo dunha comisión independente e non a forza de conversas a porta pechada nos despachos. En todo caso, insisto unha vez máis, o problema non é a cantidade, é a calidade. Non debemos ter vinte festivais clónicos que enchen horas e horas con filmes inanes ao tempo que encaixan a produción galega nunha reserva marxinal; mais si poderemos permitirnos o luxo de ter vinte ou máis se eses festivais teñen utilidade pública, se contribúen á aumentar a diversidade cinematográfica, se lle achegan ao espectador galego un material valioso que doutro xeito non chegaríamos a coñecer, e o que é máis importante, se apostan pola produción propia non por caridade nin por chauvinismo, senón en virtude dos seus valores artísticos.

E que pasa co Festival de Ourense? Consolidado polo paso do tempo –hoxe comeza a edición número catorce– o natural é pensar que é e será por moito tempo o gran festival galego, con permiso de Cineuropa, que até agora non puido dar o salto cara a un formato máis ambicioso. Ourense ten un orzamento xeneroso, oficialmente uns seiscentos mil euros o ano pasado, unha cifra menor mais comparábel en orde de magnitude á que dispoñen en Xixón, que non chega aos novecentos mil euros e rexistra a abraiante cifra de setenta e cinco mil espectadores.

As comparacións son odiosas e innecesarias, mais axudan a entender os feitos. O problema de Ourense non é tanto a falta de medios como a vaguidade do seu modelo. Á marxe da maior ou menor fortuna da súa ampla e variada programación, o OUFF melloraría significativamente se definise unhas intencións claras, se marcase un rumbo fixo, o que fose, e traballase nel arreo, buscando elementos diferenciais que acabasen por facer do festival un obxectivo preferente para determinados autores.

MANTER O NIVEL

Mercar todas as terminacións de lotería coa intención de asegurar un reintegro non é unha estratexia gañadora. É extremadamente difícil manter un alto nivel de calidade en cinco seccións competitivas paralelas; pode soar a frauta unha vez, mais a medio e longo prazo é imposíbel ser unha referencia ao mesmo tempo en ficción, documentais, curtametraxes, animación e novos medios, e menos coa durísima competencia dos outros festivais que hai nesta altura do ano –e o certo é que a competencia é dura en calquera época–; e por outra parte, xa non ten sentido establecer compartimentos estancos nunha programación: os muros que separan unhas seccións das outras véñense abaixo. En cal delas meteríamos un filme coma Valse con Bashir?

Aínda así, entre as dúascentas producións presentadas no festival sempre hai necesariamente contidos de interese, incluso entre as discutíbeis e algo collidas polos pelos seccións temáticas, nas que atopamos títulos tan apetecíbeis coma o brasileiro Filmefobia de Kiko Goifman. Na competición de longametraxes destaca a presenza da alemá Alle anderen, dirixida por Maren Ade, premiada na Berlinale e no Bafici.

Entre os documentais, o excelente Intimidades de Shakespeare e Victor Hugo de Yulene Olaizola, xa visto en Santiago e Tui; Alicia en el país de Esteban Larrain, gañador en Punto de Vista, e o dinamarqués Burma VJ de Anders Hogsbro Ostergaard, candidato este ano aos premios do cinema europeo. A sorpresa vén na sección Novos media, que inclúe unha peza de Ken Jacobs, o autor da mítica Tom, Tom, the piper’s son. En Ourense poderemos ver a súa curtametraxe Hot dogs at the Met, formada por imaxes estereográficas animadas nas que o efecto de tres dimensións conséguese sen o uso de gafas especiais.

Catro citas imprescindíbeis no Festival Internacional de Cine de Ourense

NORMAN MCLAREN
Ourense réndelle homenaxe ao xenial Norman McLaren (1914-1987), nacido en Stirling, Escocia, mais residente en Canadá desde 1941, país no que desenvolveu unha fértil carreira no campo do cinema de animación. Gañou en 1953 o Oscar ao mellor documental por un filme que non é tal, Neighbours, lúcida parábola contra o militarismo e a guerra.

CINCUENTA ANOS EN EL ANDAMIO
A tarde do venres 16 está protagonizada polo filme El andamio de Rogelio Amigo e o magnífico documental de Ángel Rueda 50 años en el andamio, que relata o redescubrimento dunha curtametraxe amateur que co seu compromiso ideolóxico abriu unha fenda de luz na longa noite de pedra. Unha obra libre que mantén intactos todos os seus valores.

EDUARDO BLANCO AMOR
O cincuentenario da publicación d’A esmorga é a escusa para lembrar o escritor ourensán Eduardo Blanco Amor, que redactou un guión sobre a súa mítica novela e acabou colaborando con Gonzalo Suárez na escritura de La parranda, que poderá verse o xoves 15 no Teatro Principal, con presentación a cargo de Pepe Paz e José Manuel Sande.

HOMENAXE A ELOY LOZANO
O director e fundador do OUFF Eloy Lozano, falecido en abril deste ano, é obxecto dunha merecida homenaxe por parte da organización do festival. O martes 13 no Teatro Principal proxectaranse os seus filmes Quen son? e Negra sombra, nun acto no que participarán familiares, amigos e profesionais vencellados ao cineasta.

Martin Pawley. Publicado no suplemento Nós de Xornal de Galicia o 12 de outubro de 2009

Para que serve un festival de cinema?

Rectifico: para que debería servir hoxe un festival de cinema? Na orixe dos dous grandes certames de referencia, Cannes e Venecia, as motivacións cinéfilas non eran as de maior peso: os festivais respondían a intereses de promoción turística e sobre todo no caso francés é obvio que funcionaron. Aínda que lendo a prensa galega non o pareza, van máis xornalistas acreditados cada ano a Cannes que a un mundial de fútbol; a súa utilidade como ferramenta publicitaria é incontestábel.

Logo están os filmes. Aos festivais acudimos para ver películas, moitas e moi diversas. Ou así era antes, polo menos. Fronte ao cada vez máis cativo mercado convencional, as filmotecas e os festivais de cinema convertíronse no destino predilecto dos afeccionados na procura de contidos non comerciais, que facían (faciamos) da inxesta masiva de títulos un obxectivo vacacional prioritario. E niso foi que descubrimos internet, coa consecuente democratización da oferta cultural que transformará para sempre o consumo de produtos artísticos. Un consumo que xa non depende do capricho dos intermediarios e descoñece a noción de fronteira. Á mesma hora que o xurado do Festival de Donostia anunciaba que a Cuncha de Ouro a levaba Cidade de vida e morte, calquera usuario con banda larga podía facerse sen dificultades cunha copia dese filme chinés, xa editado en DVD a miles de quilómetros de aquí. Ter acceso en pouco tempo a parte da programación dun festival é algo ao alcance de calquera persoa que poña o suficiente empeño; se iso empeza a suceder cos certames de primeira división, os que poden permitirse o luxo de esixir estreas, que non acontecerá cos de tamaño pequeno ou mediano, condenados a proxectar películas que levan xa moitos meses en circulación.

Que facemos cos festivais, entón? Acabamos con eles? Non, por suposto. Seguen a ser necesarios, ousaría dicir que agora máis que nunca, sempre e cando satisfagan dúas condicións esenciais. A primeira clave é “selección”: o festival debe estar guiado polo rigor para facer unha boa peneira, para escoller entre a morea de obras presentadas aquelas que merecen especial atención. O espectador confía no criterio dos programadores e aforra tempo ocupándose só daqueles filmes que estes lle presentan, desbotando todos os demais. Se a selección é deficiente o festival é un instrumento completamente inútil.

A segunda é “encontro”. En efecto, o festival é o lugar onde entra en contacto o creador co seu público, de maneira ordenada en coloquios e presentacións, ou de xeito menos regrado polas noites nos bares. Ese é o verdadeiro obxectivo que debería inspirar calquera certame cinematográfico, independentemente das súas dimensións: o de servir de punto de reunión para todos os membros da tribo, os cineastas e os espectadores, os organizadores e os críticos. Esa mestura é enriquecedora no plano persoal e creativo; ferven as ideas, nacen proxectos de colaboración ou simplemente se comparten unhas cañas, que non é pouco. Mais –xa o dixen moitas veces– para encontrármonos é preciso que haxa unha boa razón, e as razóns neste caso seguen a ser os filmes e os seus autores: sen eles non hai nada que facer. Para facer un bo festival é imprescindíbel ter bos filmes. E xente. Boa xente.

Martin Pawley. Publicado no suplemento Nós de Xornal de Galicia o sábado 12 de outubro de 2009

sábado, 19 de setembro de 2009

Un ollar perturbador sobre o desastre: A deleiba do mundo

Xerais publica en galego "A deleiba do mundo", un ensaio de Amin Maalouf que é ao tempo unha confirmación do desarranxo global do capitalismo e un canto á esperanza, a constatación emocionada de que outro rumbo é posíbel

“Entramos no novo milenio sen compás”. Desde a primeira liña Amin Maalouf deixa ben claro o seu desacougo ante o estado actual do mundo. É o berro de desesperación dun intelectual apaixonado pola razón e o coñecemento, que ve coma estes conceptos son postos en cuestión en máis partes do planeta das que nos gustaría recoñecer. Dun amante da liberdade que mira con tristura como deixou de ser un valor indiscutíbel para ser cercenada aquí e acolá con argumentos falsarios. A deleiba do mundo é o relato perturbador e inquietante do desastre económico, político, ecolóxico e ético do tempo en que vivimos e de como chegamos a el, mais se tan só fose iso non serviría para moito. O que fai do maxistral ensaio do escritor libanés unha ferramenta imprescindíbel é a súa condición de canto de esperanza, a súa emocionada certeza de que é posíbel atoparmos un rumbo diferente.

“Un fracaso pode revelarse providencial, e un éxito pode chegar a ser calamitoso”, di nunha das seccións do libro, ‘As vitorias enganosas’. A desintegración do bloco soviético supuxo o triunfo global do capitalismo, convertido no “único modelo”, mais marcou o inicio dunha deprimente carreira polo crecemento económico ultrarrápido que derivou en poucos anos na peor crise financeira da historia.

A fin da Guerra Fría e do “equilibrio do terror” que construíron durante décadas os dous grandes bloques deu paso a unha humanidade sometida a unha ameaza máis xeralizada e menos concreta, un terror difuso que serve de escusa para xustificar o recorte dos dereitos civís. Dun mundo marcado polas discrepancias ideolóxicas pasamos a outro definido polas diferenzas identitarias, nomeadamente as de carácter relixioso, onde o sentimento de grupo se constrúe mais por negación e por oposición que por verdadeira convición; un fenómeno especialmente acusado no espazo árabe-musulmán, antonte un territorio de convivencia e hoxe visto coma un inferno poboado por fanáticos a ollos de calquera occidental afeito ás interpretacións superficiais.

DÚAS CIVILIZACIÓNS

Nacido en Beirut e residente desde hai trinta anos en Francia, Amin Maalouf séntese fillo de dúas civilizacións mais capaz de ver os defectos dos seus pais, de recoñecer as culpas de Oriente e as de Occidente, debulladas ao longo de páxinas apaixonantes, especialmente valiosas cando relatan, como sucede no capítulo ‘As lexitimidades perdidas’, a historia recente de Oriente Medio, as oportunidades esmagadas e a serie de feitos –sobre todo de derrotas– que explican a situación dos nosos días.

Maalouf amósase especialmente horrorizado pola perda da diversidade, pola pasividade ante a extinción de comunidades milenarias. “Un mundo onde se respecta cada día un pouco mellor a diversidade humana, onde calquera pode expresarse na lingua da súa elección, profesar pacificamente as súas crenzas e asumir serenamente as súas orixes sen incorrer na hostilidade nin no denigramento, sexa por parte das autoridades ou da poboación, é un mundo que avanza, que progresa, que se eleva”.

A frase debería estar esculpida á porta das escolas e dos parlamentos, e non porque sexa algo que non saibamos, senón pola tendencia que temos a esquecelo. “O século XXI será salvado pola cultura ou ben se afundirá”, afirma coa contundencia de quen pensa que a escala de valores non pode fundarse noutra cousa que non sexa a cultura e o ensino. Tamén na comprensión do Outro. Unha comprensión real, máis alá dese respecto hipócrita que consiste unicamente en aceptar a diferenza entendida sempre como algo alleo. Un “Outro” descrito de maneira tosca por etiquetas relixiosas e étnicas, pola súa cor, o seu acento, o seu nome. Non se trata de ignorar esas etiquetas baixo un disfraz de progresía, pois iso só conduce a “disimular e perpetuar as inxustizas seculares”, nin tampouco de salientar de xeito obsesivo os rasgos distintivos e acabar así pechando o individuo no seu clan para mantelo permanentemente á marxe.

Hai que ir máis alá, dinos Maalouf, para entendermos con claridade que igual que hai galegos crentes e agnósticos, de dereitas e de esquerdas, traballadores e preguiceiros, xenerosos e mesquiños, o mesmo pasa cos alxerianos ou cos senegaleses. De aí nace o verdadeiro respecto, o que merece calquera muller ou home en tanto que ser humano completo, libre e adulto, cunha bagaxe cultural específica mais cunha autonomía como individuo que non debe ficar diluída pola súa pertenza a unha certa comunidade. Iso vale igualmente para definir a relación co inmigrante, que en palabras do escritor debería vir fixada pola máxima “podes converterte nun dos nosos plenamente, sen deixar de seres ti mesmo”.

“Tedes o dereito e o deber de estudar a nosa lingua en profundidade. Mais tamén tedes o dereito e o deber de non esquecer a vosa lingua de orixe, porque a nós cómprenos ter persoas que compartan os nosos valores, que comprendan as nosas preocupacións e que falen perfectamente todas as linguas de Europa, de Asia e de África, todas sen excepción, a fin de que poidamos facernos entender por todos os pobos do planeta. Entre eles e nós, vós seredes, en todos os ámbitos –a cultura, a política, o comercio–, os insubstituíbles intermediarios”. Velaí outra frase máis para esculpir.

Martin Pawley. Publicado no suplemento Nós de Xornal de Galicia o sábado 19 de setembro de 2009

luns, 20 de xullo de 2009

Miguel Gomes gaña no Filminho cun relato de amores adolescentes

Remata, entre Goián e Vila Nova de Cerveira, a segunda edición do festival de cine galegoportugués. Aquele querido mês de agosto comparte o primeiro premio cunha peza de animación galega



O Filminho é unha desas ideas tan boas que o estraño é que ninguén chegase a facela antes. A súa vontade fronteiriza e a claridade do concepto, descubrir e explorar o espazo audiovisual galegoportugués, fan del malia á súa modestia e precariedade de medios o certame máis útil en potencia dos que se celebran en Galicia: un que debería servir para poñer en contacto os creadores que viven ás dúas beiras do Miño e rachar con esa tradición de desinterese mutuo que caracteriza as relacións culturais co país veciño. Abrir unha xanela cara ao sur é algo especialmente necesario nun momento no que o cinema portugués vive tempos de certo esplendor, non no que atinxe os seus resultados económicos mais si en canto á súa repercusión crítica no mundo enteiro.

A primeira edición do Filminho, celebrada en xullo de 2008, certificou ademais a emerxencia dunha nova xeración de cineastas galegos de grande talento ao presentar obras naquela altura inéditas de xente como Ángel Santos ou Oliver Laxe, cuxos nomes se repetiron en múltiples ocasións ao longo dos seguintes meses, ou as pezas de Peque Varela e Lara Bacelo.

Non houbo sorpresas tan agradábeis neste segundo Filminho, onde a produción galega non demostrou en liñas xerais os arelados niveis de excelencia. A aposta máis sólida veu da man de dous documentais de correcta factura, Mulheres na raia de Diana Gonçalves, que levou o Premio Cinema Minhoto, e O clube dos sen teito de Claudia Brenlla.

Entre as curtametraxes merece ser destacada polo seu brillante aspecto visual a polo demais algo confusa Na distancia de Víctor Hugo Seoane, e tamén A viaxe de José González Varela, cun coidado plano secuencia inicial que ofrece unha rechamante panorámica da Coruña. A xulgar polos aplausos, de haber un premio do público sen dúbida iría parar a Nani Matos por Dies dei, melodrama rodado na Guarda con Mela Casal e Xan Cejudo como unha parella de anciáns enfermos.

Era inevitábel que a mellor película recibise o principal premio. Aquele querido mês de agosto é unha obra mestra que transita con imaxinación, humor e ousadía polo camiño que vai do documental á ficción nun relato de amores adolescentes e orquestras de verán absolutamente irresistíbel. O público galego terá unha nova ocasión de ver este filme o vindeiro 30 de xullo no CGAI, coa presenza do director Miguel Gomes e do produtor Luís Urbano.

Gomes compartiu o Grande Premio cunha curta de animación, Mi vida en tus manos de Nuno Beato, coproducida por IB Cinema. O xurado salientou ademais cunha mención o outro gran título portugués a competición, Ruínas de Manuel Mozos, premiado no Indielisboa e hai unha semana no festival de Marsella; un traballo austero e rigoroso que viaxa por espazos abandonados e esquecidos para elaborar con eles unha desapaixonada reflexión sobre a memoria e o tempo.

A programación completouse coa homenaxe a Luís Galvão Teles e a recuperación do seu Entremês famoso sobre da pesca no Rio Minho; o ciclo dedicado a Edgar Pera e a presentación de Tanyaradzwa, o novo filme de Alberte Pagán, un autor cuxa pegada convén seguir sempre, mesmo cando non acerta.

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o 20 de xullo de 2009

sábado, 11 de xullo de 2009

James Benning

James Benning segue a ser un cineasta periférico, fóra do alcance da inmensa maioría dos espectadores, mesmo dos moi cinéfilos. Un autor case invisíbel que produce á marxe da industria e do mercado, cuxa obra non está editada en DVD e da que apenas podiamos coñecer un número moi reducido de títulos grazas a súa (insólita) programación por unha canle de televisión alemá. Foi desa maneira que descubrín hai xa tres anos a súa película 13 Lakes (2004), en condicións moi afastadas das idóneas e aínda así cun sentimento próximo ao abraio. Despois veu Utopía (1998) e logo Ten skies (2004) e One way boogie woogie/27 years later (1977/2004) que serviron para reforzar a miña primeira e alucinada impresión. En paralelo, o nome do xenio de Milwaukee empezaba a soar repetidamente nas axendas dos festivais máis rigorosos, co Zinebi como pioneiro en España. Seguín con atención todas as pistas que atopaba sobre un home esquivo, as recensións dos seus traballos máis recentes, Casting a glance (2007) e RR (2007), os rumores sobre o seu salto ao vídeo dixital. O espléndido libro que lle dedicou no 2007 o Filmmuseum de Viena despexaba dúbidas e apuntaba a súa condición de cineasta maior, confirmada hai uns meses polo memorábel ciclo de oito títulos que lle dedicou o Festival Punto de Vista de Pamplona, que na Coruña e grazas á colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe e a Fundación Luis Seoane puidemos gozar en versión aumentada até completar trece sesións. Trece obras que nos obrigan a redefinir etiquetas e demostran que a primeira impresión sobre o seu cinema, sexa cal sexa a película pola que empecemos, vai a ser sempre unha impresión equivocada.

No meu caso, xa o dixen, a miña primeira vez foron os 13 Lagos (1). Trece grandes lagos elixidos por algunha característica que os converte en singulares e que con certeza resultará descoñecida para case todos os espectadores. O californiano Salton Sea, por exemplo, formouse hai pouco máis de cen anos ao inundarse accidentalmente unha cunca salina seca polo desbordamento do Río Colorado. Medio século despois o lago foi obxecto de desexo dos promotores inmobiliarios, que viron nel o lugar ideal para construíren casas de vacacións, mais unha serie de intensas chuvias provocou novas enchentes do lago e anegou centos de edificios, que agora ofrecen unha imaxe fantasmal. Nada disto se percibe nin se explica na película de Benning, composta por trece planos estáticos de dez minutos de duración cada un, cunha composición impecábel que sitúa a liña de horizonte xusto no medio da pantalla dividíndoa en dúas partes exactas, metade auga, metade ceo. En 13 Lakes non hai relato nin cousa que se lle pareza; tampouco hai voz en off nin música nin calquera outra clase de artificio. Non hai máis protagonista que a paisaxe neste exercicio de posta en valor da contemplación, un pracer ao mesmo tempo intelectual e emotivo que esixe a participación activa dun espectador disposto a deixarse seducir pola beleza dos espazos naturais e os seus cambios sutís, pola variación da luz, pola presenza arrebatadora do vento, pola aparición dun barco ou polo son dun tren que circula fóra de campo. Non abonda con ter os ollos abertos: Benning pídenos que ollemos e escoitemos, dous verbos esenciais na súa forma de entender o cinema (na súa forma de entender a vida); que admiremos o paso do tempo como modificador da paisaxe, como variábel independente da cal é función o espazo, dito cunha linguaxe matemática que non é allea ao autor. De feito é habitual relacionar os seus estudos científicos coa pel numérica dalgunhas das súa obras, rexidas por estruturas pechadas e con planos cuxa duración vén definida de antemán. Foi no documental Circling the image (Reinhard Wulf, 2003) onde descubriu a verdadeira importancia da súa formación matemática. “O que me fascina é como o pensamento matemático resulta moi creativo e que a maneira en que un pensa en matemáticas parécese moito a como pensa un artista, en abstracto (…) Todas esas solucións elegantes en matemáticas, que son xeralmente as máis simples, e o proceso que hai detrás delas, iso é o máis creativo que hai, e iso é o que eu trato de facer no meu propio proceso de elaboración de películas, usar ese lado creativo do pensamento matemático”. As súas intencións enténdense mellor aplicadas ao caso particular de 13 Lakes. “Talvez sexan trece planos de sete minutos cada un”, dicía nas primeiras fases da súa rodaxe (2), “pero non é aí onde aparecen as matemáticas. A película vai máis ben de como quero probar que a luz é igual e diferente ao mesmo tempo dun plano a outro. Aí está a verdadeira conexión coas matemáticas, máis que no elemento aritmético”.

Iso é aínda máis claro en Ten skies (2004), concibido inicialmente como un filme antibelicista, unha especie de elocuente resposta a un país en guerra elaborada con imaxes de ceos tranquilos. Foi ao filmar os dez ceos cando Benning comprendeu que estaban cheos de actividade, que se producían neles auténticas “batallas plásticas” (3). Volven ser planos de dez minutos cada un de abrumadora e núa beleza, unha experiencia visual única á que incorporou, case como unha broma privada irrecoñecíbel para calquera de nós, o audio doutros filmes seus: ben poderiamos consideralo un falso documental, igual que Casting a glance (2007), a súa arrebatadora homenaxe ao Spiral Jetty, unha monumental escultura de Robert Smithson que ocupa unha das beiras do Gran Lago Salgado e que desde a súa colocación en 1970 se converteu nun dos fitos do land-art. Durante ano e medio James Benning visitou e filmou en múltiples ocasións o Spiral Jetty e decatouse de que as variacións do nivel hídrico do lago nese período reproducían con fidelidade as das case catro décadas precedentes, polo que se decidiu a disfrazar as súas imaxes adxudicándolles unha data falsa. O engano, se é que pode ser cualificado así, non se explica na película, pero o autor ten a ben contalo sempre que atopa ocasión, o cal resulta certamente descritivo da súa actitude ante o cinema: o que importa de verdade non é “cando” nin “onde”, senón o xeito en que ese “cando” e ese “onde” se relacionan.


Tampouco importa a duración dun plano. Un plano dura o que ten que durar, o necesario e suficiente como para que o espectador experimente o paso do tempo. En RR (2007), o seu último filme estreado até o momento, a duración dos planos márcaa o paso dos trens, corenta e tres en total, imposíbel de controlar ou predicir. Probabelmente sexa non xa a máis fermosa das súas películas, senón a máis fermosa de todas cantas se fagan nunca. Sen dúbida hai outras igual de fermosas, pero non podo imaxinar unha que o sexa máis, que proporcione máis pracer e emoción que a de ver dous trens cruzando as súas traxectorias diante dos nosos ollos, unha escena que Manu Yáñez definiu como a máis bela de baile sen música do cinema recente. A música aparece en momentos moi concretos de RR coma se viñese do propio contorno onde foron filmados eses trens: The Battle Hymn of the Republic interpretado polo Mormon Tabernacle Choir; This land is your land na voz de Woody Guthrie e a canción Fuck the police da banda de hip hop NWA. Ademais desas pezas Benning engadiu tres cortes de audio adicional, un discurso de Eisenhower, un fragmento da Biblia lida por Gregory Peck e un partido de béisbol. Sons asociados a intres importantes da súa propia vida cuxas claves en moitos casos son estritamente persoais (o audio da Biblia, por exemplo, foi a súa compañía durante moitas das horas de viaxe en coche necesarias para esta filmación), pero que funcionan igualmente como motores de recordos e ideas para o resto de espectadores. É curioso que aínda que a situación dunhas secuencias e outras na montaxe final dos filmes de Benning puidera parecer case aleatoria, unha calquera entre un número altísimo de combinacións equiprobábeis, e que en consecuencia podería dar o mesmo situar unha escena A antes que outra B ou viceversa, ao ver en pantalla grande os seus filmes tes a sensación de que finalmente elixiu a orde perfecta, que as imaxes se suceden da maneira máis lóxica e precisa. Incluso es perfectamente consciente de cal vai a ser o último plano, como en RR co tren que pasa por diante dun bosque de aeroxeradores: sabes que despois diso non pode haber nada máis. Impuxonos un ritmo e triunfou.

“Nas imaxes de Benning podemos adiviñar as pegadas de Stroheim, Ford, Hopper, Kramer… e ademais anticipan a John Gianvito”, di Jaime Pena nun artigo para Cahiers du Cinema (4). O seu cinema explora os grandes espazos do cinema americano, o territorio dos grandes westerns, cuxos ecos se notan especialmente na "triloxía de California” (5) e en particular en Sogobi, na que con dous postes e un camiño desdebuxado é capaz de evocar a forza sobrenatural dos planos máis colosais de John Ford. Benning é un artista-cineasta profundamente americano, o último elo dunha longa cadea de intelectuais libres e libertarios amantes da natureza e do ser humano, con Henry David Thoreau como principal influencia confesa, mais tamén Mark Twain ou Walt Whitman, pois a fin de contas el ben podería afirmar, igual que o autor de Follas de herba, “quen toca este filme, toca un home”. Un home discreto que porén é capaz de espir a súa intimidade en North on Evers (1991), o diario dunha viaxe en motocicleta realizada en 1989 que repetiu un ano despois cunha cámara buscando as paisaxes e persoas que atopara daquela. Enriba das imaxes filmadas Benning superpuxo o texto escrito a man do diario de xeito que as palabras anticipan escenarios e situacións que imos ver uns minutos máis tarde.

Hai un distanciamento nostálxico, que non lacrimóxeno, nesas imaxes que falan necesariamente do pasado, da memoria, da historia individual e da Historia, con maiúsculas. Sorprende tamén a inesperada carga sentimental dalgunhas pasaxes. “Pasei un mes coa miña filla. Ela ten dezasete anos e está chea de vida”. A filla é Sadie Benning, aínda que o seu nome non se cita en ningún momento. “Non vivín con ela desde que tiña un ano, e porén creo que a coñezo mellor que os meus pais a min”. Hai outra referencia moi importante cara aos seus proxenitores. “Pensei na miña nai. Os seus veciños pasaron de ser brancos de clase obreira a ser maioritariamente negros. Cando os primeiros negros se trasladaron a vivir a unha casa a carón da nosa, eles axudárona a cortar a herba e a retirar a neve. Ela dixome que eran moi amábeis, e logo engadiu, “Ben, xa sabes, eles non poden evitar ser negros”. Tratei de enfrontarme a ela cunha resposta sutil, mais non a entendeu. Debín ser máis directo”. Unha fenda ideolóxica imposíbel de superar nun home politicamente comprometido, que na súa mocidade traballou con emigrantes en Colorado aprendéndolles aos seus fillos a ler e a escribir e que despois participou no desenvolvemento dun programa de produtos de primeira necesidade que proporcionaba alimentos para os pobres de Missouri Ozarks. En Pamplona pregunteille pola presenza da cultura e a sociedade hispana no seu cinema máis recente, e comentou que a explotación dos traballadores inmigrantes de hoxe en día lembráballe a marxinación dos negros no Milwaukee da súa infancia. “A min o que me interesa é a loita de clases”, engadiu, e xa non foron necesarias máis explicacións. Porque esa é a outra gran lección de Benning: o seu cinema recórdanos que ollar e escoitar non é nunca unha acción inocente e sen consecuencias, senón que sempre é un acto político, e que o noso xeito de percibir a realidade, por intrascendente e neutra que nos pareza a priori, reflicte sempre con total precisión o noso cargamento de prexuízos. A política de verdade faise nas rúas, si, mais no fondo todos os nosos actos son dalgunha maneira un acto político, porque detrás deles sempre están presentes os nosos valores e principios. Os seus están bastantes claros: fixoos explícitos en Utopía (1998).

A paisaxe, o tempo, a política. Son tres etiquetas esenciais, mais hai outras. O humor, por exemplo, moi evidente en One Way Boogie Woogie (1977), na que xoga ao slapstick, mais tamén presente nos seus filmes máis contemplativos, desde o ensaio dun rodeo en El Valley Centro (1999) á ledicia ferroviaria de RR (2007). A narración, por suposto, aínda que sexa baleirada e deconstruída como acontece cos microrrelatos de 11×14 (1976), ficcións sen ficción que ao aparecer xustapostas conforman un “espazo esférico” cheo de referencias cruzadas máis poderoso que a suma das partes. Encaixado tradicionalmente no marco do documental ou do cinema experimental, o cinema de Benning proxéctase en realidade en infinidade de direccións temáticas e estéticas, e do mesmo xeito que transita coa mesma naturalidade pola pintura de Mondrian e o folk-art que pola cultura pop, os seus filmes móvense á sombra dos xéneros con inusitada soltura desafiando toda sorte de clasificación. O cinema de James Benning é en si mesmo unha categoría única e inimitábel, unha lente prodixiosa que recolle a luz de corenta anos de cultura contemporánea.

Notas

(1) Por orde de aparición na pantalla, Jackson Lake (Wyoming), Moosehead Lake (Maine), Salton Sea (California), Lake Superior (Wisconsin), Lake Winnebago (Wisconsin), Lake Okeechobee (Florida), Lower Red Lake (Minnesota), Lake Pontchartrain (Louisiana), Great Salt Lake (Utah), Lake Iliamna (Alaska), Lake Powell (Arizona), Crater Lake (Oregon) e Lake Oneida (New York).
(2) A duración final dos planos é de dez minutos, o máximo que lle permite a bobina de 16 mm empregada.
(3) Entrevista concedida a Manuel Yáñez Murillo para a revista Cahiers du Cinema España, abril 2009.
(4) 4251 caracteres, exemplar de abril de 2009 de Cahiers du Cinema España
(5) El Valley Centro (1999), Los (2000) e Sogobi (2001)

(Martin Pawley. Publicado orixinalmente en español en Blogs & Docs)

sábado, 27 de xuño de 2009

Morreron os 80

O que máis sorprende ao revisar a biografía de Farrah Fawcett é constatar o pouco que na súa carreira houbo de relevante en comparación coa súa enorme popularidade. É certo que foi a estrela dunha das series máis populares de finais dos setenta, Os anxos de Charlie, agora convertida en obxecto kitsch, mais só estivo nela en vinte e nove episodios, máis ou menos a cuarta parte do total. Antes diso compartira escena (e cama) con Raquel Welch na inenarrábel Myra Breckinridge e aparecera n’A fuga de Logan, un título de culto da ciencia-fición rodado un ano antes de que George Lucas cambiase o xénero para sempre con A Guerra das Galaxias.

Despois do seu éxito televisivo a filmografía de Farrah Fawcett non mellorou de xeito significativo: protagonizou xunto a Kirk Douglas Saturno 3 ás ordes do xenial Stanley Donen, que non pasará á historia por esta fraca odisea espacial; en The Apostle, un filme escrito, dirixido e protagonizado por Robert Duvall; e no Dr T e as mulleres, que tampouco é precisamente a obra máis brillante de Robert Altman. Para entender o fenómeno Farrah Fawcett non hai que mirar moitas películas; a clave está nun póster, un dela en bañador que vendeu doce millóns de copias, unha cifra xa imposíbel de superar. O seu crítico estado de saúde por mor dun cancro e a súa eterna love story con Ryan O’Neal levouna a ocupar de novo as páxinas e o tempo dos “medios frívolos”, eses que segundo o Tribunal Supremo converten o peito dunha miss nunha noticia de interese público.

O seu pasamento outorgoulle antonte unha gloria póstuma efémera; apenas unhas horas até que outra morte, a de Michael Jackson, acaparara a atención informativa en todo o mundo. Os dous no mesmo día: definitivamente morreron os oitenta, e non falo da década, senón do concepto. O mesmo día en que descubrimos ademais o gusto de Gloria Lago polo cinema de apropiación: velaí un bo exemplo de cultura pop.

Martin Pawley. Publicado o sábado 27 de xuño no suplemento Nós de Xornal de Galicia

sábado, 20 de xuño de 2009

Un home de ben

“Pertenzo a unha xeración cunha cualidade que a fai única: fomos os últimos nenos que medramos sen a presenza da televisión”. Así comezaba As paisaxes da memoria, o pequeno relato autobiográfico que Agustín Fernández Paz escribiu como acompañamento á edición española de varias das súas obras. Naquel texto memorábel Agustín elixiu describirse como unha rareza sociolóxica, alguén que garda na súa memoria recordos que hoxe poden parecer arqueoloxía e experimentou ao longo da súa vida o tránsito dun país non moi afastado da Idade Media a outro máis ou menos mergullado no século XXI. A liña do tempo que nos leva do arado de ferro até internet, unha época de cambios abruptos, de incríbeis transformacións ideolóxicas, sociais e tecnolóxicas. Agustín Fernández Paz é fillo de todas elas. Un elo que conecta as narracións de aparecidos desa infancia sen televisión cos libros de Lovecraft aos que chegou xa adulto; as conversas políticas clandestinas da longa noite de pedra cos debates non menos encendidos que hoxe flúen a través da rede.

O que non cambiou foi o gusto por recibir historias, “de viva voz, nas páxinas dun libro ou dun cómic, na escuridade dunha sala de cinema ou a través das diversas pantallas que teño na casa”. Un gusto pola ficción que creceu canda el, cos contos que se escoitaban arredor da cociña de ferro e coa modesta biblioteca do seu pai onde descubriu a Verne, Salgari, Poe, Stevenson ou Mark Twain. Deixou de ser neno en Xixón, cando marchou con catorce anos para facerse perito na Universidade Laboral, hoxe convertida nunha espléndida fábrica de cultura. Pasou sete anos interno, abondo para ser quen de camiñar polos corredores do edificio cos ollos pechados sen bater contra parede ningunha.

Barcelona foi despois diso un oasis de liberdade, un lugar cheo de espazos para o coñecemento. Na Coruña aprendeu a ser mestre e comezou o período máis fértil da súa vida. Porque Agustín é mestre, mestre antes que escritor. Mestre de escritores, mesmo. Exerceu a docencia con paixón e formou parte activa, activísima, dos movementos de renovación pedagóxica. Está detrás dalgúns dos primeiros manuais escolares en galego, feitos de maneira esforzada e precaria nunha altura na que “cortar e pegar” aínda non era unha metáfora informática. Para aqueles libros escribiu infinidade de textos, as lecturas necesarias para ilustrar cada lección, lecturas que daquela non tiñamos en galego. Supoño que aí naceu o Agustín que todos admiramos. O Agustín que empezou a escribir por pracer e por necesidade creativa, mais tamén coa convicción de que era preciso ocupar un oco que aínda estaba por encher. O que agora entendemos por literatura infantil e xuvenil galega inventárona nos oitenta xente coma Agustín, coma Paco Martín, coma Xabier P. Docampo, amigos, chairegos (uns máis que outros) e compañeiros de xeración os tres, esa que Manuel Bragado deu felizmente en chamar “Xeración Lamote”. A débeda que temos contraída con eles é impagábel. No fondo, a verdadeira razón de ser deste artigo é a de lles dar publicamente as grazas.

A cidade dos desexos abriu en 1989 unha carreira, a do vilalbés, inzada de premios. As flores radiactivas, Cos pés no aire e Corredores de sombra son algúns dos títulos que fan grande a un autor apreciado e querido, que recibe centos e centos de cartas deses mozos e mozas que fixeron de Cartas de inverno un fito da nosa literatura con case setenta mil exemplares vendidos en lingua galega. Contos por palabras, unha marabilla, supuxo o seu recoñecemento internacional ao ser incluído na listaxe de honra do IBBY en 1992, igual que Aire negro, escollido de novo polo IBBY en 2001 e pola Jugenbibliothek de Munich que outorga os prestixiosos White Ravens. Cando lle concederon o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil o ano pasado polo seu volume de relatos O único que queda é o amor, Santiago Jaureguizar deulle a volta á noticia no seu blog: o importante non era que Agustín gañara o Nacional, senón que o Nacional gañara a Agustín. Non lle faltaba razón. Era o premio o que ficaba honrado ao acollelo na súa listaxe de vencedores, ao destacar un escritor cuxa ausencia case resultaba escandalosa.

Vén de publicar Lúa do Senegal, dedicada entre outros “a Ousmane Sembène, mestre” nun xesto que revela ao mesmo tempo a súa cinefilia e a súa bondade. Bondade é o que transpira este libro en todas as súas páxinas; bondade e amor. Amor por Khaedi, a nena que deixa atrás África para instalarse coa súa familia nunha cidade, Vigo, que tamén é a de Agustín e na que todo é diferente; amor polos personaxes, polas palabras, polos lectores, por todos nós. Porque Agustín é un home de ben, e esa é unha condición necesaria para facer arte con maiúsculas.

Martin Pawley. Publicado no suplemento Nós do Xornal de Galicia o sábado 20 de xuño de 2009.

sábado, 13 de xuño de 2009

Disidencia

“Resistencia non, disidencia. Se resistes perdes”. Díxomo unha noite de abril en Lisboa o director João Botelho, un fenómeno, seis décadas de vitalidade e humor cunha cabeza sempre fervendo a cachón. Reproducía as palabras que el lle escoitara anos atrás a Jean-Marie Straub, o cineasta fordiano e marxista que na compaña da súa dona Danièle Huillet trazou un dos camiños máis singulares e rigorosos do cinema europeo (se non coñecen Sicilia! fagan por vela xa). “Non hai que estar enfronte”, engadía Botelho, “hai que estar a un lado”. Levo mes e medio dándolle voltas a estas frases, que me parecen un bo compás para guiarse nos tempos que corren.

Non se trata de deixar de esixir o que é xusto nin de renunciar á crítica razoada e consciente, exercicios básicos de cidadanía, senón de entender que agora non chega con berrar e laiarse. Que é posíbel vencer a noción de sacrificio e de derrota que leva implícita a palabra resistencia para transformala en algo máis produtivo, xerador de contidos, ideas e proxectos máis alá daqueles que o poder é capaz de asumir. Hai espazos e medios alternativos onde poñer en práctica o inconformismo, onde producir e difundir cultura á marxe da oficial, a que sexa, procurando recursos noutras canles, que algunhas hai, ou pola vía libertaria e valente da autoxestión. Aí é onde entra o concepto esencial da disidencia, unha actitude independente desde a cal non hai maneira de facer Lawrence of Arabia, mais si Operai, contadini se posúes o talento preciso. Internet xoga ao noso favor: supera a separación física e as distancias e permítenos comunicar e compartir datos de maneira sinxela, e ademais facilita o descubrimento doutras voces e a contaminación mutua, circunstancias imprescindíbeis para o progreso. Internet é un territorio idóneo para a disidencia, mais non é o único. O caso é organizarse para crear e para disentir. Disentir sen desistir, porque hai cousas demasiado importantes como para deixalas só en mans dos políticos.

Martin Pawley. Publicado o sábado 13 de xuño no suplemento Nós de Xornal de Galicia

sábado, 30 de maio de 2009

Almodóvar vs Boyero

A polémica cultureta da semana ofrece unha xusta combinación (axitada, non removida) de lercheo e cinefilia: á volta do Festival de Cannes Pedro Almodóvar escribiu no seu blog unha longa anotación cuestionando a actitude do colaborador de El País Carlos Boyero cara o cinema en xeral e os seus filmes en particular. Egos e personalismos á parte, o escrito do gran autor manchego apunta na mesma dirección que a carta promovida en setembro por Víctor Erice, José Luis Guerín, Miguel Marías e Álvaro Arroba e á cal se sumaron logo unha morea de directores, programadores e críticos até completar case trescentos nomes, incluído o meu. O detonante daquilo foi o tratamento que Boyero dera nese xornal da Mostra de Venecia, e o que se criticaba non era o seu innegábel dereito a marchar dunha sala na que proxectan a última obra mestra de Abbas Kiarostami para contalo logo como se fose unha fazaña, senón o desprezo explícito que ese medio manifesta acotío polas obras máis innovadoras e arriscadas que procuran camiños alternativos aos de sempre. A intención era facerlles notar que ao ignorar esoutro cinema que raras veces chega ás salas comerciais estaban desinformando aos seus lectores, que merecen un tratamento dos contidos cinematográficos non menos rico e variado en opinións que o que se lles proporciona no ámbito do libro, a música, a política ou o deporte. E da mesma maneira que ninguén mandaría a cubrir a final da Champions League a alguén que odie o fútbol, non parece sensato enviar unha e outra vez aos grandes certames internacionais a unha persoa que se limita a ver unha porción mínima da programación e aínda por riba faino con evidente desagrado.

Desta volta o Comité de Redacción de El País saiu en defensa do seu compañeiro cunha nota na que califican o ataque de Almodovar de “descarnado”, coma se os textos de Boyero fosen polo usual xentís e xenerosos, e na que acaban contándolle ao director o que ten que facer: o seu deber é seguir creando boas películas, explican, e o deles dar as opinións que lles pareza, un xeito pouco sutil de dicirlle “cala a boca que aquí os que falamos somos nós”. Pois menos mal que traballan nun xornal supostamente “progresista”; se chega a ser reaccionario, non quero nin imaxinar o que farían.

Martin Pawley. Publicado o sábado 30 de maio no sitio web de Xornal de Galicia

sábado, 9 de maio de 2009

Acto de primavera

En tempos de crise económica a sexta edición do Indielisboa volveu obter unha xenerosa resposta do público lisboeta, que olla con entusiasmo a variada oferta e enche con inesperada frecuencia o cada vez maior número de salas. Pola altura na que se celebra, no medio e medio da primavera, enmarcado por dúas datas emblemáticas, o 25 de abril e o 1 de maio, o Indie vén sendo o derradeiro acto dunha tempada cinematográfica que arrinca sempre co festival de Cannes, o lugar onde todo comeza. Lisboa recolle pois obras das que se empezou a falar case un ano antes e tamén outras, as menos, descubertas nos festivais inmediatamente precedentes, sobre todo o de Rotterdam, que proporcionou os filmes gañadores das dúas anteriores edicións, a malaia Love conquers all de Tan Chui Mui, directora da que puidemos ver agora unha magnífica curta, Everyday, everyday, e o empachoso pasteliño Wonderful town, do tailandés Aditya Assarat.

O Indielisboa non é un festival que ofreza oportunidades únicas e irrepetíbeis para ver filmes; o mellor que se proxecta alí ou xa pasou ou pasará logo por outros certames peninsulares, por exemplo o de Xixón. Lisboa non adoita traer nunca grandes novidades e descubrimentos; o que procura e ofrece é unha programación ampla e esixente, con máis contidos de interese que tempo para velos, e un ambiente relaxado e amigábel que facilita o contacto entre todos os membros da familia festivaleira grazas ao esforzo dun equipo de organización modélico que atenciona o visitante con impagábel amabilidade e simpatía. O Indielisboa é a clase de festival ao que queres ir todos os anos, coa seguridade de que del sempre se volve con grandes recordos fílmicos e un bo número de teléfonos novos anotados na axenda. É unha mágoa que desta volta non viñera Werner Herzog, si, mais para que negalo, non é nel en quen estás pensando mentres socializas co resto da humanidade a altas horas da madrugada no fabuloso Cabaret Maxime ou nunha casa de fados na Alfama.

Martin Pawley. Publicado o sábado 9 de maio no suplemento Nós de Xornal de Galicia