sábado, 31 de xaneiro de 2009

Premios Goya: O cinema de autor fóra da Academia

Temos que recoñecelo: os Premios Goya foron un gran invento. A súa utilidade como mecanismo de promoción e difusión da industria cinematográfica do estado é a estas alturas innegábel e fica demostrada pola crecente atención que os medios de comunicación lle prestan. Vinte anos atrás era impensábel imaxinar que unha gala coma a dos Goya acabaría ocupando as capas das revistas do corazón e hoxe porén xa estamos afeitos a ver no papel couché as fotos dos artistas españois máis glamurosos. Os rostros de moitos directores e intérpretes resultan familiares para o gran público e iso por definición é bo para un audiovisual sempre necesitado de espectadores. O efecto dos premios mesmo é medíbel nas billeteiras, pois os filmes galardoados experimentan un significativo aumento nas súas recadacións e nalgúns casos, como aconteceu na pasada edición con La soledad de Jaime Rosales, adquiren unha segunda vida escapando da invisibilidade na que se moveran até ese intre. Nada que obxectar nese sentido. Tampouco teño nada en contra das decisións dos académicos, aínda que case nunca as comparto, pois penso que en liñas xerais si serviron para caracterizar certas tendencias do cinema español, ás veces máis ben desafortunadas. Sospeito que o paso do tempo non vai ser xeneroso con Fernando León, Alejandro Amenábar, Icíar Bollaín e Benito Zambrano, mais o certo é que os catro fixeron filmes dos que se falou moito na súa altura e os Goya sancionaron a súa relevancia sentenciando ao seu favor.

O historial dos premios describe ben unha parte da produción española contemporánea, mais tamén demostra como foron sistematicamente ignoradas as propostas afastadas deses modelos que pretenden ser comerciais e logo resultan non selo tanto. A produción española máis arriscada, que é xustamente a que acaba por abrirse un oco nos certames de todo o mundo e nos circuítos paralelos do “cinema de autor”, non lle dá entrado polo ollo aos académicos e por iso nas nominacións quedan sempre fóra obras coma El cant dels ocells de Albert Serra, a única película española presente na última edición do Festival de Cannes, En la ciudad de Sylvia de José Luis Guerín ou O silencio antes de Bach de Pere Portabella. Documentais de éxito internacional coma El cielo gira de Mercedes Álvarez ou La casa de mi abuela de Adán Aliaga foron desbotados por uns académicos que antes esqueceran El Sol del membrillo de Víctor Erice e deixaron tres anos seguidos sen premio ao defunto Joaquim Jordà.

Tradicionalmente pobre é a escolma de filmes de fala hispana, que non reflicte a singular vitalidade de cinematografías coma a arxentina ou a mexicana; e convencionais, cando non abertamente delirantes, as seleccións de películas europeas e curtametraxes, que sempre parecen elixidas ao chou. Se nuns apartados nos que debían ser audaces non o son, que podemos agardar nos principais?

Martin Pawley. Publicado o sábado 31 de xaneiro en Nós, suplemento de cultura do Xornal de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario