sábado, 14 de marzo de 2009

Residente privilexiada

“Nostalxia? Non teño tempo para iso. Non teño tempo tampouco para pensar no futuro”. Isto dicía a actriz galega María Casares nunha entrevista concedida a Manuel Rivas hai cousa de quince anos, dous antes de morrer. Na mesma conversa en que negaba a morriña confesaba a súa incapacidade para regresar a Galicia e “poñerse en orde” co país da súa nenez, a súa verdadeira patria. Tiña medo de perder “ese tesouro da infancia que me nutre sen parar”, de que desaparecese ao tocalo, coma nos contos tristes. “O odio é algo que non coñezo”, engadía, mais todos sabemos que hai feridas que é imposíbel que as dea curado o tempo.

María Casares foi unha gran dama do teatro en Francia. Tamén fixo películas, non demasiadas, mais si algunhas de inmensa calidade. A filla de Santiago Casares Quiroga debutou na gran pantalla nun filme de Marcel Carné que acabou por convertirse nun dos clásicos de referencia do cinema francés, Les enfants du paradis; era en 1945, tan só nove anos despois de fuxir de España co seu pai tras o alzamento fascista que acabou co soño da República. Traballou logo ás ordes dun cineasta excepcional, Robert Bresson, en Les dames du Bois de Boulogne, e a seguir encarnou o personaxe de Sanseverina na máis que correcta versión de La Chartreuse du Parma que rodou Christian-Jaque, co lembrado Gerard Philipe coma protagonista. Jean Cocteau viu nela a Morte que requería o seu memorábel Orfeo, e nesa mesma altura púxolle voz e sentida emoción á curtametraxe Guernica de Alain Resnais. Calquera deses títulos é razón abondo para que ocupe un posto de privilexio na memoria cultural dos galegos, mais o caso é que a María Casares aínda non se lle tributou aquí un recoñecemento como é debido, por máis que o seu nome sexa o que levan os premios do teatro. A editorial Trifolium vén de publicar na nosa lingua o seu libro de memorias, Residente privilexiada; oxalá sirva para que empece a ocupar o lugar que lle corresponde.

Martin Pawley. Publicado no suplemento Nós do Xornal de Galicia o sábado 14 de marzo de 2009.

Ningún comentario:

Publicar un comentario