sábado, 28 de marzo de 2009

Sacar peito

París #1
Entre os máis de tres mil traballos recibidos este ano polo Festival de Cinema Independente de Lisboa, cuxa programación completa foi anunciada este luns, o comité de selección só lle abriu paso a dúas únicas curtametraxes de produción española, e curiosamente as dúas están feitas por galegos. Cinco días de septiembre, presente na competición internacional de curtas, está escrita e dirixida polo vigués Fran Araújo e por Manuel Burque, que naceu en Santa Cruz de Tenerife mais residiu na Coruña desde pequeno. Mentres que na sección Cinema emergente atopou un oco París #1 de Oliver Laxe, un autor do que xa falamos máis dunha vez neste mesmo suplemento.

Aínda que é certo que non hai que converter nunca a decisión dun festival en dogma, non deixa de ser revelador que uns programadores tan esixentes coma os do Indielisboa concluísen que o máis interesante que lles chegaba do estado veciño fora rodado en Cangas do Morrazo e os Ancares. Nun país, o noso, tan afeccionado ao autodesprezo, non está de máis sacar peito de cando en cando e amosar orgullo ao ver que o que se fai aquí con xeito pode funcionar fóra sen problemas. Debemos felicitarnos ao constatar que unha boa película galega é boa antes que galega, e polo tanto está en condicións de competir de igual a igual co mellor audiovisual que se fai no mundo sen necesidade de ficar recluída no gueto dos produtos fabricados ao oeste do telón de grelos. É hora de aplaudir a consolidación dunha xeración alternativa de creadores con talento e capacidade para facer grandes obras, unha listaxe de nomes que se completa cos de Alberte Pagán, Marcos Nine, Peque Varela, Ángel Santos, Eloy Enciso, Lara Bacelo, Xosé Manuel Bazarra “Sepi”, Xurxo González, Susana Rei, Ángel Rueda ou Xosé Bocixa. Quizá a estes autores agora só os coñezamos mil persoas en Galicia; é cuestión de tempo que a cousa cambie, e se non é así será Galicia a que teña un problema, e non eles.

Martin Pawley. Publicado no suplemento Nós de Xornal de Galicia o sábado 28 de marzo de 2009

Ningún comentario:

Publicar un comentario