sábado, 28 de febreiro de 2009

Signos de vida

"The musical is back”, berrou Hugh Jackman ao final dun dos números musicais da cerimonia dos Oscars. Menos retranca e máis cancións; traian unha orquestra porque comeza o espectáculo, que hai que levantar os ánimos e para iso non hai nada tan eficaz como unha coreografía sofisticada. Na procura dun novo New Deal Hollywood regresou ás esencias e cambiou a Jon Stewart por Busby Berkeley, premiou o Gus van Sant máis didáctico e fixo de Slumdog millionaire a triunfadora do ano. O filme de Danny Boyle é world cinema no peor sentido, si, mais custou quince millóns de dólares e xa leva recadado máis de cen nas salas estadounidenses: iso si que son bos investimentos e non os de Bernard Maddof. En tempos de crise a industria soña co éxito inesperado e por iso aposta pola fábula optimista que canta o triunfo do amor e a globalización de pega e de paso chíscalle o ollo ao cinema indio, que ten moito capital para gastar, unha morea de profesionais fabulosos ao dispor de quen os precise e o que é máis importante, mil millóns de potenciais consumidores.

“Foi unha noite de premios anunciados cunha única sorpresa relevante na categoría de película de fala non inglesa, o premio para Okuribito (Yojiro Takita, 2008) que criamos destinado ao excelente Valse con Bashir de Ari Folman. Outro Oscar sabido era o de mellor documental para Man on wire de James Marsh, que é un bo traballo, non o vou negar, mais se de min dependera a dourada figura levábaa para a casa o colosal Werner Herzog, candidato por primeira vez na súa vida grazas á impagábel Encontros na fin do mundo. Non me chegan os dedos para contar as obras mestras creadas polo autor alemán, un dos cineastas máis lúcidos e brillantes que temos hoxe en activo, así que me alegra que fose un dos dous “heróis independentes” elixidos pola organización do Indielisboa, o excelente festival de cinema que o próximo mes de abril nos proporcionará unha escusa perfecta para viaxar á capital portuguesa. Será daquela cando teñamos ocasión de ver a Herzog e tributarlle a merecida homenaxe que os académicos ianquis non lle quixeron dar.

Martin Pawley. Artigo publicado o sábado 28 de febreiro en Nós, suplemento de cultura de Xornal de Galicia

sábado, 21 de febreiro de 2009

Alicia no país da fame

Nos seus primeiros cinco anos de vida o Festival Internacional Punto de Vista de Navarra consolidou un prestixio a estas alturas innegábel que o converte nunha das principais referencias europeas no ámbito do documental de creación. Grazas a Punto de Vista Pamplona é cada mes de febreiro un territorio de descubrimento, un lugar onde achegarse a directores que non coñecíamos, onde reivindicar autores excepcionais ignorados polo sistema. O seu interese pola periferia do cinema, polos espazos menos visitados e máis audaces, derivou na creación dunha sección específica, La Región Central, quizá o único apartado verdadeiramente imprescindíbel do calendario español de festivais. Este ano ofreceunos un froito sublime que fixo por si só que ir a Pamplona pagase a pena: Lunch break de Sharon Lockhart, un dos fitos polos que recordaremos este 2009. O filme retrata os traballadores dun asteleiro en Maine durante a hora da comida, cunha cámara que avanza ao longo dun corredor para amosarnos os obreiros mentres comen, falan, len ou dormen. Sharon Lockhart ralentizou esas imaxes e transformou os once minutos de descanso en oitenta, producindo un efecto hipnótico reforzado polo soundtrack creado por Becky Allen e James Benning, coas voces orixinais a se mesturaren con ruídos industriais e outros sons cun resultado abraiante.

A audaz aposta do comité de selección para configurar unha Sección Oficial modélica non sempre se ve reflectida no palmarés final, que este ano deixou fóra a obra mestra de Hartmut Bitomsky Staub (Dust), documental de incríbel riqueza que sabe tecer un discurso ao mesmo tempo enciclopédico, ético e poético. A gañadora foi Alicia en el país de Esteban Larrain, que reconstrúe un insólito feito real: a viaxe dunha nena quechua desde a súa vila no sur de Bolivia até San Pedro de Atacama en Chile, 180 kilómetros camiñados na procura de traballo. Completan o palmarés Olivier Dury, premio á mellor dirección por Mirages; Gyula Nemes, mellor curta con Lost world, e Intimidades de Shakespeare y Victor Hugo de Yulene Olaizola, proxectada en novembro en Cineuropa, que recibiu unha mención especial e ademais o premio do público.

Alén da estimulante presenza de Barbara Hammer, que presentou A horse is not a metaphor, un traballo honesto que recrea con valentía e lirismo o seu proceso de recuperación dun cancro, o indiscutíbel protagonista desta edición do festival foi o director James Benning, que non quixo perder ningunha das súas aulas en CalArts e optou por un percorrido exprés que en só cinco días o levou por Pamplona e A Coruña indo e volvendo desde Los Angeles. O cansazo acumulado limitou a actividade do xenio de Milwaukee, que tivo a súa cita principal na conferencia que impartiu o luns pola mañá na Biblioteca da Universidade da Navarra, nunha aula presidida por un crucifixo. Máis que dar unha palestra en sentido estrito o que fixo foi explorar a través dunha charla informal os territorios e personaxes que inspiran a súa vida e creación artística. Comezou amosando vía Google Maps o seu Milwaukee natal e logo Hot Springs, en California, onde actualmente reside. Falou da reprodución da cabaña de Thoreau que ten alá e das pinturas coas que a decorou, que encaixan dentro do xénero chamado -ás veces de maneira despectiva- “folk-art”; copias de obras do pintor autodidacta e ex-escravo Bill Traylor, do tamén afroamericano Mose Tolliver ou do moi prolífico Howard Finster. A carón desa cabaña construiu logo outra idéntica á que fixera Ted Kaczynski “Unabomber”, inspirada á súa vez na de Walden Pond, e explicou como os dous edificios acabaron por ser unha metáfora do pensamento que constrúe e o pensamento que destrúe, unha instalación artística no medio da natureza que representa o mellor e o peor do ser humano.

Foi no turno de preguntas cando se falou máis especificamente de cinema, da duración dos seus planos ou do papel da montaxe. Respondeu con serenidade e deixou boa impresión, mais tamén resultou evidente que non é a clase de persoa que disfruta teorizando sobre a súa obra e prefere que sexan os seus filmes os que falen por el. Cento por cento americano no mellor sentido (o de Thoreau, Mark Twain ou Walt Whitman), James Benning é unha persoa amábel e cordial, un home comprometido, independente e solitario que fica á marxe de calquera clase de etiquetas, tamén as ideolóxicas.

Martin Pawley. Publicado o sábado 21 de febreiro en Nós, suplemento de cultura do Xornal de Galicia

sábado, 14 de febreiro de 2009

James Benning

O título non engana a ninguén. O filme 13 lakes ofrece xusto iso que nos indica: trece planos de lagos dos Estados Unidos de dez minutos de duración cada un, cunha composición extremadamente precisa que sitúa a liña do horizonte dividindo a pantalla en dúas metades exactas, o ceo enriba e a auga abaixo. Non hai voz en off, nin música nin artificio de ningunha clase; a paisaxe é a gran protagonista dunha proposta que pon en valor o pracer da contemplación, entendida como un exercicio ao mesmo tempo intelectual e emotivo, e esixe a observación activa dun espectador que chegue á sala disposto a deixarse seducir pola beleza dos escenarios naturais e os seus cambios sutís, polas variacións da luz, pola presenza do vento, pola visión dun barco ou polo son dun tren en marcha. Un espectador disposto a admirar o paso do tempo, a variábel independente da cal é función a paisaxe, dito no sentido matemático da expresión.

13 lagos foi o filme que abriu hai uns días para un público tan escaso coma resistente o ciclo dedicado a James Benning no CGAI, organizado en colaboración coa Fundación Luís Seoane e o Festival Internacional de Cine Documental de Navarra "Punto de Vista", o verdadeiro impulsor desta homenaxe ao cineasta de Milwaukee. Máis completo aínda que o que se verá estes días en Pamplona, o ciclo do CGAI é unha oportunidade excepcional para achegarse á depurada obra dun autor de culto cuxa biografía amosa numerosas probas do seu intenso compromiso humanista. James Benning estará o próximo martes 17 de febreiro na Coruña para participar nun diálogo co director galego Alberte Pagán. Axudaranos a comprender que mirar e escoitar non é un exercicio neutro, inocente e sen consecuencias, senón que é sempre un acto político e que a nosa maneira de percibir as cousas, por intranscendentes que nos parezan a priori, reflicte con absoluta precisión toda a nosa carga de prexuízos. É o que teñen os xenios, que nos obrigan a ver máis lonxe.

Martin Pawley. Artigo publicado o sábado 14 de febreiro en Nós, suplemento de cultura de Xornal de Galicia