mércores, 21 de abril de 2010

O noso home en Cannes

“DIGÁMOLO XA ao principio: 2010 será o ano máis importante da historia do audiovisual galego”. Así comezaba un artigo que escribín hai uns meses –o 2 de xaneiro– no que apuntaba a estrea ao longo do ano de diversos filmes realizados por un grupo emerxente de directores galegos cuxa obra anterior xa merecera a atención dos cinéfilos. Unha nova xeración que se beneficiou do case paternal apoio da extinta Axencia Audiovisual Galega, que tivo a audacia de abrir unha liña de axudas específica para estimular a produción de películas de claro contido artístico, nunha aposta pola calidade que en días tan felices (e estraños) coma o de hoxe fica sobradamente xustificada.

Fotografía de Álvaro Redondo

Dixen Axencia e fixen mal; é mellor chamarlle ás cousas polo seu nome, que neste caso é o de Manolo González e o de Xurxo González, verdadeiros impulsores dunha frutífera estratexia audiovisual que quedou en stand by hai máis ou menos un ano. A presenza histórica e ilusionante de Oliver Laxe na Quincena de Realizadores é só o primeiro chanzo, pois canda el hai outros autores cuxa obra ha de proporcionarnos antes ou despois grandes noticias. A primeira montaxe –en sentido estrito, apenas unha mera ordenación de secuencias– de Dous fragmentos / Eva, de Ángel Santos, apunta en boa dirección, con mención especial para Fernando Tielve, un actorazo que domina cada plano en que aparece. A espléndida Canedo de Vicente Vázquez e Usúe Arrieta, que nunha versión aínda non definitiva poderemos descubrir o martes 27 en Ourense e ao día seguinte no CGAI da Coruña, dálle a volta ao tópico do regreso ás orixes nunha celebración alegre e luminosa da identidade que viaxará moito e ben, igual que a esperadísima Arraianos de Eloy Enciso. Co bo oficio de Marcos Nine, a honestidade de Manu Mayo e o valente talento de Peque Varela vaise enchendo unha listaxe de autores a seguir que non para de medrar; a última incorporación, a de Lois Patiño, director do emocionante, case estremecedor, documental Recordando los rostros de la muerte, que se proxectará no próximo Documenta Madrid.

As autoridades e institucións galegas teñen a responsabilidade de non deixar morrer este soño. Teñen que facelo por compromiso co país e coa cultura, que é a súa única razón de ser. As políticas que deseñen deben contribuír a consolidar isto tan grande que agora está nacendo. Nos medios tamén hai moito camiño por andar. É hora de aprendermos a transmitir o orgullo polas cousas que facemos; de decatármonos de que hai un mundo por contar máis alá da fusión das Caixas; de comprendermos que as páxinas de cultura non son, non poden ser, o recurso necesario para cubrir papel cando non hai un número abondo de esquelas ou de anuncios por palabras. Polo que a min respecta, alégrame escribir nun xornal que cedeu espazo para falar de Laxe un ano e medio antes de que se convertera no home do día, o noso home en Cannes.

Martin Pawley. Publicado o mércores 21 de abril de 2010 en Xornal de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario