sábado, 13 de novembro de 2010

Cinema galego en Cineuropa

O fácil é dicir que Cineuropa, a cita principal do calendario de festivais galegos, aposta polos cineastas do país, por todos eses autores novos (e non tan novos) que fan filmes sen prexuízos, sen máis limitacións que as que lles impón o talento grande ou pequeno que posúan. Creadores valentes que pensan, ensaian e arriscan, e que en consecuencia unhas veces se equivocan e outras veces acertan, único xeito que coñezo de progresar en calquera ámbito do coñecemento. O fácil é caer no paternalismo e falar deles en termos compasivos, como se difundir a súa obra fose unha cuestión de caridade.

Como programador da sección Panorama audiovisual galego de Cineuropa síntome na obriga de darlle á volta á frase. Non é Cineuropa a que aposta polos creadores, son os creadores os que apostan por Cineuropa. Son eles os que nos conceden o privilexio de exhibirmos as súas obras, os que comparten xenerosamente connosco o seu esforzo e a súa creatividade, os que nos permiten facer do certame un punto de encontro para todos os implicados na creación cinematográfica en Galicia, sexan autores, críticos ou espectadores con curiosidade polo que fan os seus veciños. Son eu, e non eles, quen debe estar agradecido. Agradecido por poder proxectar a filmografía case completa de Lois Patiño, inesperadamente variada e fecunda tendo en conta a súa xuventude; a primeira longametraxe do equipo creativo que forman Víctor Hugo Seoane, Jaione Camborda e Iván Marcos, Lugares no tempo, fértil e repousado canto a unha maneira de vivir que renuncia ás présas, e os traballos de Ramiro Ledo, Marcos Nine, Alberte Pagán, Ángel Santos, Peque Varela e tantos outros, até superar o medio cento de filmes (e máis que podería haber). Grazas a todos eles pola confianza que nos outorgan.

Publicado en Xornal de Galicia o venres 12 de novembro de 2010

Ningún comentario:

Publicar un comentario