venres, 3 de decembro de 2010

Eugène Green

Le Monde Vivant
Poucas retrospectivas son tan pertinentes coma a que ocupa esta semana o CGAI dedicada a Eugène Green. Cineasta singular e de carreira tardía -debutou aos 54 anos despois dunha intensa actividade no teatro-, a súa obra permanecía inédita en España e nin sequera acadara unha presenza significativa nas programacións de filmotecas e festivais, aos que chegou nalgún caso de rebote. Nacido en Nova York en 1947 mais francés por convicción, Eugène Green crea baixo a sombra austera de Bresson e Ozu e insire no seu cinema pingas de humor intelixente, iso que os ingleses chaman wit. Os diálogos entre os seus personaxes demostran rigor de literato e son declamados por actores con coidada dicción en planos que os enfrontan directamente á cámara. As interpretacións son sempre sutís; as emocións interiorizadas apenas asoman no xesto dun grupo estábel de intérpretes aos que recorre unha e outra vez (Alexis Loret, Adrien Michaux, Christelle Prot).

Os tres están presentes na súa primeira longa, Toutes les nuits, e na segunda, a portentosa Le Monde Vivant, fábula de aire medieval cun ogro que come nenos e un cabaleiro disposto a acabar con el na compaña dun león que realmente é un cadelo. Baixo a máscara dun relato inxenuo que xoga ao anacronismo agáchase un discurso poderoso sobre o amor, a xustiza e o poder liberador das palabras. Logo chegou Le Pont des Arts, sátira do mundo académico e intelectual francés, e unha curta sublime, Les signes, atravesada pola ausencia. O seu último filme até o momento é A Religiosa Portuguesa, o cinema dentro do cinema nunha obra mestra que homenaxea e ironiza sobre os tópicos lisboetas e foi moi mal acollida no país veciño.

Publicado en Xornal de Galicia o venres 3 de decembro de 2010

Ningún comentario:

Publicar un comentario