venres, 31 de decembro de 2010

Luis Miñarro

O CGAI presenta en xaneiro un ciclo dedicado a Luis Miñarro, a figura máis valiosa da industria española actual. A través da súa empresa Eddie Saeta, inicialmente centrada na publicidade, Miñarro botouse de maneira valente e firme á produción de filmes -ámbito no que xa tiña experiencias puntuais, entre elas Cosas que nunca te dije de Isabel Coixet- nunha aposta polas creacións que intentan traspasar a fronteira non só xeográfica dos Pireneos. Os resultados non tardaron en chegar, coas alfaias de Albert Serra, Honor de cavalleria e El cant dels ocells, coma fitos representativos da súa intuición para detectar cineastas novos con talento. As dúas pasaron pola Quincena de Realizadores, igual que Liverpool do arxentino Lisandro Alonso, director cuxa aparición é o mellor que lle aconteceu ao cinema no que vai de século; polo medio, a obra mestra de José Luis Guerín En la ciudad de Sylvia, a competición na Mostra de Venecia 2007.

A repercusión internacional das producións de Miñarro -autor tamén de dous interesantes documentais, Familystrip e Blow Horn- favoreceu a súa presenza en proxectos máis ambiciosos, e así xurdiron as colaboracións con Manoel de Oliveira e a participación tan modesta como reveladora de intencións no filme de Apichatpong Weerasethakul Uncle Boonmee lembra as súas vidas pasadas, triunfador por aclamación no último Cannes. Falar con el despois de se converter nun produtor con Palma de Ouro é un dos mellores recordos que gardo dese festival: naquelas horas de celebración Luis demostraba ser un cinéfilo apaixonado e xeneroso que matinaba facer máis películas con máis directores. O seu éxito será tamén o de todos os que amamos esta arte.

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o venres 31 de decembro de 2010.

domingo, 26 de decembro de 2010

The last American hero

Enésima proeza de difusión cultural a cargo de Intermedio, empresa dirixida por Didac Aparicio, a recuperación do cineasta estadounidense Robert Kramer (1939-1999) atopa o seu reflexo na edición de dous maxistrais títulos da súa primeira etapa, Ice (1969) e Milestones (1975). Viaxeiro e exiliado, nómada revolucionario sen sumisión a etiqueta algunha, explorador das diferentes formas de resistencia, narración e vida comunitaria, Kramer foi excepcional, riguroso e coherente, alguén que indagou nas relacións arte-política mentres practicaba ambas.

Militante (o colectivo Newsreel), filósofo cheo de estímulo, Kramer deixou pegadas en títulos tan importantes como Scenes from the Class Struggle in Portugal (1977), Doc’s kingdom (1987) ou Route One USA (1989). O seu cine-guerrilla -sempre pelexando sobre a propia confrontación de materiais- tal e como amosan éstes títulos, devén en narracións de corpos, xestos e movementos que conleva unha apertura dos camiños de percepción.

Próximo a autores tan variados como Cassavetes, Rivette, John Ford, Marker, Flaherty ou Rossellini, Kramer empeñouse en re(in)ventar con autenticidade as distincións ficción-documental e contar o propio proceso de construcción do seu cine, de modo que a política-ficción de Ice podía dar paso ao cine de fragmentos hilvanados de Milestones, análise lúcido do crepúsculo da contracultura yankee a mediados dos 70.

A compañía dun libro, con textos coidados, obra de Kramer e o seu codirector en Milestones, John Douglas, máis un incisivo artigo sobre a súa obra escrito por Fran Benavente, ilustran o estado de movemento perpetuo de quen tivo a virtude de fundir acción e pensamento.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia.

sábado, 25 de decembro de 2010

Unha petición de Rafi Pitts / Carta a Ahmadinejad

En solidariedade con Jafar Panahi e Mohamed Rasoulof, suxerímosvos a todos os directores e membros da industria cinematográfica, independentemente do voso país e das fronteiras, relixións e políticas, que apoiedes os nosos compañeiros cineastas parando de traballar durante dúas horas entre as 15:00 e as 17:00, hora local en Teherán (das 12:30 ás 16:30, hora galega) do 11 de febreiro de 2011, data do 32º aniversario da Revolución Iraniana.

Ao Señor Ahmadinejad,

En 1979 houbo unha Revolución. De feito, a celebración do 32º aniversario da nosa Revolución Iraniana é o 11 de febreiro de 2011. A razón de que vostede precise que llo lembren é porque eu sinto que esqueceu as razóns polas cales aconteceu todo iso. Quizais eu estea equivocado, quizais vostede precisa explicarse. Quizais vostede teña a súa propia definición da nosa Revolución. Nese caso supoño que vostede debería responder á pregunta: Por que pensa que houbo unha Revolución en 1979?

Tamén chegou o momento de aclarar as razóns polas que quere quitar do medio aos cineastas. As súas razóns para querer eliminar unha vida, unha carreira, en nome da nosa Revolución; ou quizais estou a facer a pregunta equivocada: É todo debido á súa reelección?

Un amigo moi cercano, Jafar Panahi, un dos nosos máis importantes cineastas, por quen teño gran respecto como persoa e admiración como cineasta, foi preso polo seu Goberno, polas súas leis. Foi condenado a seis anos por querer facer un filme. Un filme que nin sequera fixo. Seis anos de prisión por unha idea para un filme. E por riba, como se iso non fose abondo, foi condenado a vinte anos sen facer películas e vinte anos sen poder saír do seu país natal.

Outro importante director novo, Mohamed Rasoulof, foi sentenciado coa mesma condena. O seu crime: traballar con Jafar.

Os dous foron castigados por preocuparse dos seus compañeiros. Castigados por querer comprender os sucesos de xuño de 2009. Castigados por preocuparse polas vidas que se perderon no conflito que xurdiu tras as eleccións. Aínda que, debemos recordarllo, todos os candidatos foran autorizados a presentarse polo réxime. A selección foi moi clara e en efecto legal. Jafar Panahi e Mohammad Rasoulof tomaron a súa decisión xunto coa maioría da nosa industria cinematográfica. Convertiuse no Movemento Verde. O dereito estaba da nosa parte.

- Pensa que hai algo de malo en querer entender por que morreu xente durante as nosas últimas eleccións?

- De verdade cre que o noso país non é consciente da violencia que provocou o resultado das eleccións?

- É un crime que Panahi queira facer outra película?

- É un crime que Rasoulof cuestione a realidade?

- A causa é que os cineastas queren poñer un espello diante do que lle pasou á sociedade?

- Ten medo a un punto de vista que poida contradicir o seu? Nese caso, por favor, responda a pregunta: Por que tivemos unha revolución?

Rafi Pitts, 24 de decembro de 2010, París

Actualización: o texto en inglés en MUBI

venres, 24 de decembro de 2010

"A antesala dos Oscars" (e 2)



A revista L.A.Weekly e o portal Indiewire publicaron esta semana as súas tradicionais enquisas a críticos sobre o mellor do ano, e o podio é o mesmo nas dúas, co posto de honra ocupado por The social network. Igual que sucedeu con The hurt locker, ser o título destacado pola prensa cinematográfica de maneira case unánime fai del o favorito para os Oscars, mais a diferenza do filme de Kathryn Bigelow, que pasou polas salas sen facer ruído, o de David Fincher foi recibido con expectación e leva recadado noventa millóns de dólares só no mercado estadounidense. A rede social é un produto perfecto, sen tacha, no que todo está ben, mesmo demasiado ben; mais eu sen gran esforzo podería dicirlles vinte obras desta tempada que me parecen bastante máis estimulantes.

No número dous aparece Carlos, de Olivier Assayas, unha sorpresa relativa se temos en conta que na edición anterior da sondaxe a crítica ianqui xa demostrara entusiasmo ante a estupenda L'heure d'été. A medalla de bronce é para Winter's bone de Debra Granik, que acumula ademais recoñecementos para a actriz protagonista, Jennifer Lawrence, e para John Hawkes como actor de reparto. Premiado en Sundance, Winter's bone responde ao prototipo de filme indie austero que se sostén nunhas interpretacións máis eficaces que deslumbrantes do que ninguén se acordará de hoxe nun ano.

Na categoría de películas que polo momento carecen de distribución en EEUU as elixidas son Film Socialisme de Godard, Autobiografía de Nicolae Ceausescu de Andrei Ujica e Mistérios de Lisboa de Raúl Ruiz. Nese apartado tamén recolle votos Todos vós sodes capitáns, os que lle outorgan os críticos Gabe Klinger, Dennis Lim e Jay Kuehner.

Publicado en Xornal de Galicia o venres 24 de decembro de 2010

mércores, 22 de decembro de 2010

O cineasta Jafar Panahi non debe volver ao cárcere!

Acabamos de enterarnos, con gran rabia e preocupación, da sentenza do Tribunal da República Islámica en Teherán que condena con dureza ao cineasta iraniano Jafar Panahi.

A sentenza: seis anos de prisión, sen remisión, acompañada da prohibición durante vinte anos para escribir e facer películas, dar entrevistas á prensa, deixar o territorio ou comunicarse con organizacións culturais estranxeiras.

Outro cineasta, Mohamed Rasoulof, foi igualmente condenado a seis anos de prisión. Jafar Panahi e Mohamed Rasoulof van xuntarse aos moitos presos que agora apodrecen no cárcere en Irán, nun estado de perigo total. Algúns están en folga de fame, mentres outros están gravemente enfermos.

Que lle reprocha o goberno iraniano a Jafar Panahi? Ter conspirado contra o seu país e desenvolvido unha campaña de hostilidade cara ao réxime iraniano.

O certo é que Jafar Panahi é inocente e que o seu único delito é desexar exercer libremente a súa profesión de cineasta en Irán. Nos últimos meses o goberno iraniano puxo en marcha contra el unha máquina de guerra coa intención de destruílo, ao tempo que o encerraba para silencialalo.

Jafar Panahi é un cineasta de renome e os seus filmes foron exhibidos en todo o mundo. Convidado polos mellores festivais de cinema do mundo (Cannes, Venecia, Berlín), a el hoxe prohíbenlle continuar a súa obra como cineasta. A dura sentenza que golpea a Jafar quítalle a súa liberdade e impídelle desenvolver física e moralmente o seu traballo como cineasta. De agora en diante debe permanecer en silencio, afastado de calquera contacto cos seus compañeiros cineastas en Irán e no resto do mundo.

Por medio desta sentenza que condena a Jafar Panahi, todo o cinema iraniano é sinalado coma obxectivo de maneira manifesta.

Esta sentenza repúgnanos e escandalízanos por igual. É por iso que convocamos a todos os cineastas, actores e actrices, guionistas e produtores, todos os profesionais do cinema, así como a todos os homes e mulleres que aman a liberdade e para os cales os dereitos humanos son fundamentais, para que se unan a nós na esixencia da suspensión desta sentenza.

Tradución do manifesto impulsado polo Festival de Cannes, SACD, Cinémathèque française, ARP, Cinémathèque suisse, Festival international du film de Locarno, Forum des images, Positif, SRF, Cahiers du cinéma, Citéphilo (Lille), France culture, Mostra Internazionale d'Arte Cinematogafica di Venezia e Culturesfrance. Asina a petición.

luns, 20 de decembro de 2010

Jafar Panahi, condenado a seis anos de prisión



Seis anos de cárcere e a prohibición de dirixir filmes e de saír do país durante as próximas dúas décadas: ese é o castigo que a xustiza iraniana lle impón ao cineasta por opoñerse ao réxime de Mahmoud Ahmadinejad. Segundo podemos ler no blog de Serge Toubiana, de acordo aos artigos 610 e 500 da lei penal islámica Jafar Panahi foi condenado a cinco anos de prisión por "conspiración contra a seguridade da República Islámica" e outro ano máis "por propaganda contra a República Islámica". O tribunal aplica ademais o artigo 19 do código penal iraniano para quitarlle durante os próximos vinte anos o dereito de dirixir filmes, escribir guións e conceder entrevistas á prensa nacional ou internacional. Panahi terá igualmente prohibida a saída do país, a non ser para facer peregrinación á Meca ou para someterse a tratamentos médicos de emerxencia.

sábado, 18 de decembro de 2010

Hipnose latinoamericana

O DVD Cine a contracorriente. Un recorrido por el otro cine latinoamericano (Cameo, 2010) pertence ao tipo de edicións que contribúen a reforzar a versatilidade do catálogo videográfico estatal. Estrea dun feixe atípico de material pouco menos que inédito, descoñecido en gran parte mesmo por espectadores especializados, contén preto de tres horas de traballos fílmicos, 19 pezas comprendidas entre 1933 e 2008.

Ademais dos focos de produción tradicionalmente máis fortes (Arxentina, Brasil, México) os traballos –cine experimental, documental de autor e animación– abarcan tamén países como Colombia, Cuba, Ecuador, Paraguay, Perú e Venezuela. Diferentes formatos, épocas, autores e cinematografías desde os que observamos a peza subversiva de Luis Ospina e Carlos Mayolo Agarrando pueblo, o clásico de Santiago Álvarez Now! ou a curta previa de Paz Encina na que xa apunta o embrión da súa maxistral Hamaca paraguaya.

O resultado permite esbozar tres liñas de actuación: o estabelecemento de liñas de cooperación estables, que Cameo comeza a consolidar; a singularidade de dar a coñecer toda unha cinematografía oculta; a vontade de recorrido histórico de traballos seleccionados entre un corpus máis amplo.

Resultado dunha iniciativa de Xcèntric, o cine do CCCB de Barcelona, en colaboración con Seacex (Sociedad Estatal para la Acción Cultural Exterior) e comisariada polo experto en cine de vangarda Antoni Pinent –coa axuda de investigadores latinoamericanos como Angélica Cuevas, Rubén Guzmán e Marta Vélez–, o DVD prolonga a experiencia iniciada hai un ano polos mesmos protagonistas en Del extásis al arrebato, síntese de boa parte do cine español iconoclasta.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 18 de decembro de 2010

"A antesala dos Oscars"



É unha rutina que se repite cada mes de decembro: as (numerosas) asociacións de críticos estadounidenses elaboran listaxes do mellor do ano no campo do cinema e con elas vanse acoutando os filmes que competirán polos grandes premios da industria. Logo veñen os Globos de Ouro, con categorías diferenciadas para “drama” e “comedia ou musical” e que en consecuencia ofrecen unha serie tan ampla de nomes que serve máis para descartar os que non están que para confirmar os presentes. O máis importante chega despois: as votacións dos sindicatos e colectivos profesionais -directores, produtores, guionistas, actores, directores de fotografía e montadores, entre outros-, que teñen entre os seus asociados moitos membros da academia que organiza os Oscars. Un deses colectivos, o Screen Actors Guild, vén de facer públicos os seus candidatos, e posto que os actores son o grupo máis numeroso dentro da Academia podemos dicir que parte do peixe empeza xa a estar vendido.

Unha aposta segura é O discurso do Rei, cos poderosos irmáns Weinstein coma produtores executivos e parabéns xeralizados para o seu reparto, en especial o protagonista Colin Firth, recoñecido pola crítica de Los Angeles, Washington e Nova York. Os seus principais contrincantes, James Franco por 127 horas e Jesse Eisenberg por encarnar ao creador de Facebook n'A rede social, a película favorita da prensa ianqui e máis que probábel triunfadora dos próximos Oscar. Máis disputado é o apartado de actrices, con certa vantaxe para Natalie Portman por Cisne negro. Entre os secundarios, Christian Bale (The fighter), Geoffrey Rush e Helena Bonham-Carter (O discurso do Rei) ou Jackie Weaver (Animal Kingdom).

Publicado en Xornal de Galicia o venres 17 de decembro de 2010

sábado, 11 de decembro de 2010

Don Siegel, o cineasta montador

Membro da chamada “xeración da violencia”, grupo de directores estadounidenses (Aldrich, Fleischer, Fuller, Ray, Brooks, Mann) que se incorporan ao cine nos anos 40-50 con certos nexos temáticos e estilísticos, Don Siegel (1912-1991) foi autor de títulos crus e intensos tan destacados como La invasión de los ladrones de cuerpos (1956), Brigada homicida (1968), Harry el sucio (1971), La gran estafa (1973) ou Fuga de Alcatraz (1979).

Tal e como dixo Peter Bogdanovich, Siegel, intelectual instalado nun mundo de acción, era (auto)consciente dos seus recursos. Comezou na serie B para reinventarse –dinamitando desde dentro as esencias do cine de xénero– marcando para sempre, por exemplo, a xentes como Clint Eastwood.

O Festival de Cine de San Sebastián, en colaboración con Filmoteca Española, segue co seu repaso –bilingüe: español-inglés– de cineastas antolóxicos non tan susceptibles de estudio. Unha ampla selección de títulos e colaboradores –firmas próximas a Dirigido e Cahiers du Cinema España, coordinación de Quim Casas e Ana Cristina Iriarte– permite incluso achegarnos a traballos como The big steal (1949), Riot in cell block 11 (1954) ou Código del hampa (1964), obras nas que Siegel axuda á renovación da linguaxe fílmica mediante un elaborado cuestionamento e superación dos paradigmas narrativos e temáticos clásicos anteriores.

Autor brillante, de narrativa fluída e contrastada enerxía, capaz de agudos retratos psicolóxicos, o libro suple a carencia de bibliografía española ao respecto ao tempo que adolece da falta de colaboradores estranxeiros na procura de aportar perspectivas distintas e máis enriquecedoras.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 11 de decembro de 2010.

Manoel de Oliveira aos 102 anos

Calquera achega que se faga á figura do Manoel de Oliveira está guiada polo abraio ante unha traxectoria vital, a súa, de lonxitude inabarcábel. Nacido o 11 de decembro de 1908, o cineasta do Porto fai hoxe 102 anos en plenitude de facultades e está xa a preparar varios proxectos novos en parcería con Luís Urbano e Sandro Aguilar, da produtora O som e a fúria. Foi o propio Luís quen fixo pública hai uns días a noticia de que farían con el “pelo menos duas longas-metragens”. Nun encontro con xornalistas celebrado antonte xoves na Fundación Serralves preguntáronlle ao Manoel de Oliveira por eses dous filmes e ofreceu unha resposta ben reveladora da súa nula vontade de xubilarse: “Só dois? Queria fazer mais do que isto”.

A escusa para o acto era a presentación da curtametraxe Painéis de São Vicente de Fora, Visão Poética, financiada e producida pola Serralves coa colaboración do Ministerio de Cultura, a RTP e Turismo de Portugal. Filmada no Museu Nacional de Arte Antiga de Lisboa na sala onde se atopa o cadro do título, pintado por Nuno Gonçalves na segunda metade do século XV, a obra, a xeito de tableau vivant, presenta os actores Ricardo Trêpa e Diogo Dória na pel de dous dos personaxes representados, San Vicente e o Infante Don Henrique, para elaborar un discurso en favor da xustiza e a irmandade entre os pobos do mundo por riba de diferenzas relixiosas e étnicas. A peza tivo a súa estrea mundial o pasado mes de setembro na Biennale de Venecia no marco da sección Orizzonti, onde acudiu acompañado coma sempre pola súa dona María Isabel.

Catro meses antes, Manoel de Oliveira recibía unha ovación de gala noutro festival, o de Cannes, na inauguración do Un Certain Regard co seu filme O estranho caso de Angélica. A longametraxe inspírase nun feito real que lle aconteceu ao autor: María Antonia, unha curmá da súa esposa, morrera dunha hemorraxia provocada por un embarazo extrauterino non diagnosticado, e a familia, espantada por este suceso inesperado, pediulle ao Manoel que inmortalizara a defunta nunha fotografía. Ao enfocala coa súa cámara Leica percibiu unha imaxe dobre debida a un puro efecto óptico, e iso suxeriulle a idea dun espírito a escapar do corpo. De aí naceu unha primeira versión do guión en 1952, mais a censura da etapa salazarista impediu a rodaxe. Foron precisas case seis décadas para que chegase ás pantallas; o tempo transcorrido alentou transformacións nun roteiro que agora inclúe referencias á crise económica e uns diálogos que pretenden ser científicos un chisco desafortunados. Non cambiou o corazón do relato, unha historia de amor fou dun fotógrafo (o inevitábel Ricardo Trêpa, neto de Oliveira e actor máis ben limitado) fascinado polo rostro plácido e o enigmático sorriso da muller morta que lle encargan retratar. O rostro é o de Pilar López de Ayala, que recibiu hai unhas semanas en Santiago o Premio Cineuropa nunha gala na que se proxectou esta película marcada pola súa espectral presenza pero na que non di nin unha soa palabra.

En papeis secundarios, habituais do cineasta coma Leonor Silveira (a nai de Angélica), Luis Miguel Cintra (o enxeñeiro), Isabel Ruth (unha memorábel e lixeiramente inquietante doméstica) e Adelaide Teixeira (Justina, a maternal señora da pensión). A compañía estábel de colaboradores complétase no equipo técnico con nomes coma Sabine Lancelin, directora de fotografía coa que traballou media ducia de veces dende Je rentre à la maison, a montadora Valérie Loiseleux ou a súa filla Adelaide Maria Trêpa, deseñadora de vestiario.

Na semana do seu aniversario, e a falta de data de estrea da Angélica nin en España nin en Portugal, Manoel de Oliveira volve ás salas de cinema do país veciño coa súa primeira longametraxe, Aniki Bóbó, dirixida en 1942. Como acompañamento, tamén na inminente edición en DVD, Douro, faina fluvial, a curta que rodou en 1931 e que lle permite ser o único director en activo que iniciou a súa carreira no cinema mudo. Oitenta anos despois daquilo mantén a mesma motivación para seguir facendo películas. Unha delas, non a máis inmediata, será unha adaptación d'A ronda de noite, o último romance da súa amiga Agustina Bessa-Luis, a mesma fonte literaria da que antes naceron obras coma Francisca, Vale Abraão ou Espelho mágico.

Vídeo: Manoel de Oliveira, 102 anos com muitos projectos para concretizar

Publicado en Xornal de Galicia o sábado 11 de decembro de 2010

A Casa das Atochas


Entre os agradecementos que saen nos títulos de crédito de Todos vós sodes capitáns hai un que recoñece non a unha persoa particular, senón a un colectivo agrupado arredor dun espazo físico: o Centro Social Ocupado das Atochas. En novembro do ano pasado o CSO acolleu a proxección dunha montaxe aínda afastada da definitiva do filme de Oliver Laxe que uns meses despois sería premiado na Quincena de Realizadores de Cannes. O coloquio aberto despois desta primeira proxección con público foi con certeza útil para unha obra daquela en construción.

Non foi esa a única actividade vencellada coas artes da imaxe, malia non ser o obxectivo prioritario dun lugar nacido para a reflexión e o debate sobre o tempo que vivimos. Pola Casa das Atochas pasou a palabra sempre lúcida de Miguel Castelo, un dos pioneiros do cinema de noso; Alberte Pagán, cineasta e ensaísta recoñecido aquí e fóra; o singular videoartista, docente e programador Marcelo Expósito ou unha figura esencial da contracultura fílmica española coma José María Zabala. O mesmo día e á mesma hora que en moitos outros lugares do planeta viuse alí To shoot an elephant, o multipremiado traballo de Alberto Arce que documenta o brutal acoso do exército israelí contra a poboación civil palestina na Franxa de Gaza. Nas Atochas estivo Andrés Duque para explicarnos como coñeceu a Iván Zulueta, e eu mesmo para falar de Ousmane Sembène, un dos meus cineastas de cabeceira. A Casa das Atochas é a demostración de que hai outras maneiras de (pre)ocuparse da cultura, á marxe do que fagan (pois é o seu deber) os concellos, a Xunta e o estado. Só por iso deberíamos felicitarnos todos pola súa existencia.

Publicado en Xornal de Galicia o venres 10 de decembro de 2010

sábado, 4 de decembro de 2010

Wendy e Lucy nun Oregón vagabundo

A semana pasada o Festival Internacional de Cine de Xixón consentiu a consagración entre nós da cineasta estadounidense Kelly Reichardt (Miami, 1964) coa súa última película Meek’s Cutoff (2010), gañadora do premio á mellor dirección e o Fipresci, prestixioso galardón da crítica. Prezado tesouro durante os últimos anos por parte dos máis codiciosos buscadores de perlas da crítica cinematográfica española e mundial, logo da conversión en pequeño obxecto de culto da road movie Old Joy (2006), Cameo presenta unha edición en DVD do segundo título do que ben poderíamos denominar triloxía de Oregón, Wendy and Lucy (2008), exemplar viaxe aos infernos cotiáns estadounidenses.

O retrato fermoso, despoxado e ameazador trazado sobre os rostros e corpos dos pioneiros que descubren a América de mediados do século XIX en Meek’s Cutoff, devén aquí en diario de (estarrecedora) itinerancia dunha rapaza, Wendy –acompañada dunha cadela, Lucy– polos territorios do fastío, a indiferenza, a burocracia, o utilitarismo e o medo. Con produción executiva de Todd Haynes e a colaboración –presente nos tres títulos mencionados– do escritor John Raymond, inspirado no seu relato Train Choir, o filme traza sobre a odisea da fraxilidade existencial da súa protagonista un gozoso paralelo coa vulnerabilidade do propio relato.

Pertencente á colección Cahiers du Cinema, a pesar do limitado dos seus materiais adicionais –extras escritos: fichas e filmografías de Michelle Wiliams e Reichardt–, afortunadamente contén un modélico texto (Todos estamos solos), tan preciso como evocador, escrito polo crítico cinematográfico galego José Manuel López.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 4 de decembro de 2010

venres, 3 de decembro de 2010

Eugène Green


Poucas retrospectivas son tan pertinentes coma a que ocupa esta semana o CGAI dedicada a Eugène Green. Cineasta singular e de carreira tardía -debutou aos 54 anos despois dunha intensa actividade no teatro-, a súa obra permanecía inédita en España e nin sequera acadara unha presenza significativa nas programacións de filmotecas e festivais, aos que chegou nalgún caso de rebote. Nacido en Nova York en 1947 mais francés por convicción, Eugène Green crea baixo a sombra austera de Bresson e Ozu e insire no seu cinema pingas de humor intelixente, iso que os ingleses chaman wit. Os diálogos entre os seus personaxes demostran rigor de literato e son declamados por actores con coidada dicción en planos que os enfrontan directamente á cámara. As interpretacións son sempre sutís; as emocións interiorizadas apenas asoman no xesto dun grupo estábel de intérpretes aos que recorre unha e outra vez (Alexis Loret, Adrien Michaux, Christelle Prot).

Os tres están presentes na súa primeira longa, Toutes les nuits, e na segunda, a portentosa Le Monde Vivant, fábula de aire medieval cun ogro que come nenos e un cabaleiro disposto a acabar con el na compaña dun león que realmente é un cadelo. Baixo a máscara dun relato inxenuo que xoga ao anacronismo agáchase un discurso poderoso sobre o amor, a xustiza e o poder liberador das palabras. Logo chegou Le Pont des Arts, sátira do mundo académico e intelectual francés, e unha curta sublime, Les signes, atravesada pola ausencia. O seu último filme até o momento é A Religiosa Portuguesa, o cinema dentro do cinema nunha obra mestra que homenaxea e ironiza sobre os tópicos lisboetas e foi moi mal acollida no país veciño.

Publicado en Xornal de Galicia o venres 3 de decembro de 2010