sábado, 15 de xaneiro de 2011

O enigma Joseph Losey

Como un esbozo da historia do cine inexistente ou por escribir, o director estadounidense Joseph Losey (1909-1984) deixa unha serie de interesantes proxectos frustrados, que van de elípticas adaptacións de Proust, Lowry ou Mann a unha investigación do caso Ben Barka. Reducido comunmente á consideración de damnificado da caza de bruxas hollywoodense, no home agrio de atormentada coherencia ao que os Smithson lle fixeran un proxecto de casa, había moitas capas.

Porque quen era realmente Losey? Logo duns desiguais anos cincuenta, aplica en Inglaterra as súas máis convincentes propostas narrativas en senllos retratos da loita de clases, as diferenzas sociais e a sexualidade, El sirviente (1963) e Rey y patria (1964). Nel estaba o neno prodixio, o mozo que se inicia no teatro social e o marxismo, o adaptador-simpatizante de Brecht, o cineasta adulto que se enfronta á persecución ideolóxica, o exiliado, o director das mellores interpretacións de Dirk Bogarde, Stanley Baker ou Tom Courtenay, o exprimidor das sutiles capacidades como guionista do literato Harold Pinter –que da lugar a tres títulos brillantes: El sirviente, Accidente (1967) e El mensajero (1971), Palma de Ouro en Cannes– ou o singular outeador dos vínculos cine-ópera (Don Giovanni, 1979).

Joaquín Vallet recorre en Joseph Losey (Cátedra, 2010) á estrutura habitual de boa parte das obras monográficas da editorial: un amplo perfil biográfico e o repaso título a título da produción de Losey. Co engadido dun repertorio das edicións en DVD eríxese esta pioneira obra –primeiro estudo sobre o seu autor en España–, de medido ton laudatorio pero necesitada dunha maior análise dos elementos especificamente visuais.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 15 de xaneiro de 2011.

Ningún comentario:

Publicar un comentario