domingo, 2 de xaneiro de 2011

Tres títulos para lembrar a Rodari

O 2010 que vén de rematar estivo cheo de razóns para lembrarmos a Gianni Rodari. Cumpríronse noventa anos do seu nacemento na vila de Omegna, no norte de Italia; trinta da súa prematura morte e corenta da concesión do Hans Christian Andersen, o premio máis importante que pode recibir un escritor ou ilustrador polo seu traballo na literatura infantil. Non se trata en ningún dos casos de aniversarios “redondos”, dos que adoitamos celebrar, mais quizais por iso había que facelo: era o xusto cun autor libertario, incorrecto e de verdade transgresor, tanto que para selo non precisou definirse en voz alta como tal.

A publicación de tres obras súas autorízanos hoxe a falar del, mais calquera escusa é boa para achegarse a Rodari. Á súa emocionante vida, marcada polo horror da Segunda Guerra Mundial por máis que a súa fráxil saúde o librou de ser chamado ás armas; un período difícil no que mesmo se viu forzado a traballar a prol da causa fascista. O peor aínda estaba por vir: a morte dos seus dous mellores amigos e o apresamento do seu irmán Cesare -o máis próximo en idade, tamén o máis querido- nun campo de concentración nazi. A profunda tristeza inicial transformouse axiña nunha vontade clara de loita: en 1944 inscribiuse no Partido Comunista e empezou a colaborar cos grupos de resistencia. A práctica xornalística en medios do partido -L'Ordine Nuovo, L'Unitá- foi o preámbulo da vizosa carreira literaria na que renovou, no fondo e na forma, a escrita para nenos.

“Se houbese unha Fantástica, como hai unha Lóxica, teríase descuberto a arte de inventar”. A frase de Novalis serviulle a Rodari de estímulo para a preparación dun formidábel manual para inventar contos que adquiriu a súa forma final logo dun encontro con ensinantes en Reggio Emilia. A Gramática da fantasía, reeditada hai uns meses en galego por Kalandraka, é unha obra imprescindíbel para calquera persoa que desexe entender os mecanismos da creación (non só literaria). Rodari describe técnicas para estimular a nosa imaxinación e apréndenos como a oposición de conceptos aparentemente afastados pode ser unha fonte de inspiración inesgotábel, até erixir o ”binomio fantástico” en condición non só suficiente senón tamén necesaria para a construción de relatos: parellas coma casa e tellado resultan pouco estimulantes, mais algo vivo nace da sorpresa de asociar violín e pescada, enchufe e camisón, orella e guindastre.

Para ter unha mesa fai falta unha flor. Para ter unha mesa fai falta madeira, e para ter madeira unha árbore, e ao final desa secuencia dedutiva acaba por aparecer unha flor, tal e como nos descobre o álbum Que fai falta?, ilustrado por Silvia Bonanni (Kalandraka, 2010). A artista milanesa emprega o colaxe para crear imaxes asombrosamente ricas, o apoio perfecto para un concentrado e delicioso cóctel de poesía e lóxica. Ao final de todo, velaí a máxima, sempre hai unha flor.

Co Libro de la fantasía a novísima editorial Blackie Books incorpora a Gianni Rodari ao seu coidado e ecléctico catálogo. O volume compila cinco obras diferentes: Cuentos por teléfono, os que lle conta un pai á súa filla para entretela os seis días da semana que pasa fóra da casa por culpa do traballo; El Planeta de los árboles de Navidad, extravagante exercicio de fabulación que flirtea coa metaliteratura; Cuentos escritos a máquina, outra demostración de humor e inventiva desbordada; a novela Érase dos veces el barón Lamberto, parábola sobre a existencia humana, o medo á morte e as obsesións materialistas; e El juego de las cuatro esquinas, eloxiada por Italo Calvino “polo detalle preciso e minucioso, polo léxico exacto e rico” do que nace “un mundo moi real, que colle corpo e reacciona”. O mundo de Gianni Rodari, o revolucionario optimista que cría na forza transformadora das palabras.

Publicado en Xornal de Galicia o domingo 2 de xaneiro de 2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario