sábado, 12 de febreiro de 2011

Creacións contra a amnesia

Bricoleur crítico e rupturista que reúne coñecementos, o xermano Alexander Kluge (Halberstadt, 1932) é un titán da intelectualidade artística europea. Sontag comparouno axeitadamente con Pasolini: cineasta, pensador, pedagogo e literato, autor de programas de televisión que funden compromiso e formación, próximo á Escola de Frankfurt –Adorno foi o seu introdutor no cine–, Kluge foi o director radical do Novo Cine Alemán, revolucionando a cinematografía co auspicio do célebre Manifesto de Oberhausen (1962).

Director de títulos como Una muchacha sin historia, Artistas bajo la carpa del circo: perplejos ou Fernando el radical, a editorial arxentina Caja Negra, posuidora dun suxestivo catálogo –de Huysmans a Godard e Mekas–, edita a tradución de 120 historias de cine (2007), onde Kluge traza, mediante unha prosa reflexiva e fluída, un compendio de microhistorias, de filiacións e entrecruzamentos que van de Fassbinder, Murnau, Frances Farmer e Hitler a Edison e Porter, co período inicial (a diversidade primitiva) do cine como referencia.

Unido ao histórico Integral Alexander Kluge que editou Sherlock –con 16 DVD!–, temos os elementos esenciais que prefiguran a súa produción: unha colaxe pletórica de materiais que bosquexa obras abertas na procura do espectador activo, de xeito multidimensional, irónico e dialéctico.

En medio da ignorancia e a cobiza oficializadas, Kluge, autor dunha monumental adaptación fílmica d’O Capital (1867) de Marx (Novas de ideoloxía antiga. Marx/Eisenstein/O Capital, 2008), aparece como un mestre dos puntos de fuga, mostra viva de que os saberes do pasado –o seu espallamento– nunca morren.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 12 de febreiro de 2011.

Ningún comentario:

Publicar un comentario