venres, 4 de febreiro de 2011

Rotterdam dende o sofá

Durante as últimas semanas foi noticia a aparición de diversos festivais de cinema en internet que permiten ver filmes máis ou menos inéditos en streaming a cambio dunha cantidade de diñeiro loxicamente inferior ao prezo dunha entrada. Hai anos que existen certames online, case sempre no ámbito das curtas especificamente creadas para a rede; a novidade é que xurdan festivais de longametraxes que aspiran a ter unha programación equivalente á dos convencionais, con xurados formados por figuras de prestixio que deciden os premios. Empezou Francia co My French Film Festival e agora se anuncian dous máis para España, case ao mesmo tempo. A idea é excelente, aínda que as présas de algúns por seren os primeiros non contribúa a acadar os resultados desexábeis. Este tipo de convocatorias non fará máis que medrar nos próximos anos, e unha vez pase a febre inicial só se manterán os que estean mellor organizados ou conten con maiores recursos. Niso non é distinto o mundo virtual do real.

No mesmo medio pero con diferentes intencións desenvólvese Festival Scope, unha utilísima plataforma orientada a profesionais do cinema: programadores, axentes de vendas, produtores, exhibidores e prensa especializada. O sistema permite ver unha soa vez en streaming filmes escollidos dunha selecta listaxe de festivais; no caso do de Rotterdam, que está a celebrarse estes días, podemos ver dende casa boa parte dos títulos presentes na competición oficial. Non se trata, por suposto, de substituír a experiencia inigualábel do visionado en grupo, senón de que medre a cinediversidade grazas ás posibilidades que nos ofrecen os adiantos tecnolóxicos. Benvidos sexan.

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o venres 4 de febreiro de 2011.

Ningún comentario:

Publicar un comentario