venres, 11 de marzo de 2011

A mellor programación de España

Hai unhas semanas fiquei marabillado ao ver por primeira vez City Girl de F. W. Murnau, obra mestra do xenio alemán que descoñecía malia non ser precisamente un filme oculto. A insolente perfección e modernidade desta película supuxo un fito máis na miña relación como espectador co espazo onde se exhibiu, o CGAI, que na miña memoria arranca xustamente con outro ciclo Murnau celebrado alí no outono de 1992.

Boa parte das miñas mellores experiencias como cinéfilo desenvolvéronse na sala de proxeccións da filmoteca galega, que o martes 15 de marzo fai os seus primeiros vinte anos. Alí vivín a conmoción de descubrir Pather panchali, e logo Aparajito e Apur sansar, os títulos que conforman a chamada Triloxía de Apu de Satyajit Ray. A obscena felicidade dunha extensa retrospectiva John Ford que nos deu a oportunidade de revisar en pantalla grande algúns dos filmes máis amados, Sergeant Rutledge ou The Searchers (adiviñan por que me chamo Martin Pawley?), mais tamén a de ficarmos seducidos por xoias non tan populares coma The World Moves On e, sobre todo, as fitas maxistrais da súa etapa silente, caso de Kentucky Pride ou Riley the Cop.

O CGAI é o abraio ante As harmonías Werckmeister de Béla Tarr, Shirin de Abbas Kiarostami e No quarto da Vanda de Pedro Costa. O Ere erera... de José Antonio Sistiaga. A visita de Arthur Penn, José Luis Guerín, Albert Serra, Isaki Lacuesta, Nicolas Klotz, Miguel Gomes, Eugène Green, Barbara Hammer. O cinema contemporáneo e mudo de Peter Hutton. O inspirador talento de James Benning e a imaxe persistente dos trens de RR. O privilexio impagábel de termos perto da casa a mellor programación cinematográfica de España.

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o venres 11 de marzo

Ningún comentario:

Publicar un comentario