venres, 6 de maio de 2011

Indielisboa 2011

Alvorada Vermelha
Coa proxección de Carlos (Olivier Assayas) e Les amours imaginaires (Xavier Dolan) deu comezo onte a oitava edición do Indielisboa, que reservou tamén para a apertura do certame un vello coñecido dos lectores de Xornal, Todos vós sodes capitáns. A tardía Semana Santa de 2011 provocou o adiamento do festival, que desta volta se solapa con Cannes; o Indie acusa ademais os efectos da crise e anuncia unha programación menos densa do habitual, sen que iso supoña unha rebaixa do nivel de esixencia. Antes polo contrario, a aposta revélase especialmente valente ao lle dedicar unha retrospectiva ao mestre brasileiro Júlio Bressane, cineasta singular con máis de corenta anos de carreira que coñeceu un certo revival nos últimos anos coa exhibición na Mostra de Venecia dos seus filmes Cleópatra e A erva do rato.

Fóra da selección de títulos que compoñen a sección competitiva e as paralelas, onde poderemos ver traballos de Errol Morris (Tabloid), Abel Ferrara (Mulberry St) ou Martin Scorsese (A letter to Elia), o principal valor do Indie é o de difundir a obra de autores portugueses. Das longametraxes nacionais destacan Viagem a Portugal, debut na ficción de Sérgio Tréfaut; Linha vermelha de José Filipe Costa, que revisa o filme de Thomas Harlan Torre Bela sobre a ocupación da herdade homónima no centro do país; e Swans de Hugo Vieira da Silva.

Entre as curtas, Alvorada vermelha de João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Mata; Liberdade de Gabriel Abrantes, triunfador o verán pasado en Locarno; e unha sesión especial coa presentación da serie É na Terra não é na Lua de Gonçalo Tocha, que nos marabillou co espléndido Balaou.

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o venres 6 de maio

Ningún comentario:

Publicar un comentario