sábado, 11 de xuño de 2011

Barcelona era una fiesta (underground 1970-1980)


Un preclaro documental realizado na transición española, Informe general sobre algunas cuestiones de interés para una proyección pública (1976) de Pere Portabella, lanza con sentido anticipatorio a victoria dos animais políticos Felipe González e Jordi Pujol. A pantasma rediviva do Pujol cercenador de liberdades aflora en Barcelona era una fiesta (underground 1970-1980), aproximación á Barcelona da época construida a través de testemuñas de figuras da contracultura radicadas alí co soporte de imaxes de arquivo, un título coetáneo pero alonxado da estimulante Morir de día (2011) de Sergi Dies e Laia Manresa.

Porén, o modo de encaixe de elementos ausentes ata entón na esquerda española (ecoloxía, feminismo, pacifismo), a inserción dun espírito lúdico, libertario, visionario, experimental, solidario e erótico –que rachaba co elitismo da gauche divine dos anos 60– e a consagración de formas de vida alternativas e prácticas artísticas pouco recoñecidas –da música ao cómic– certifican a enorme influencia exercida por este batallón antidogmático.

Entendida a súa bohemia como laboratorio de ideas, anticonsumismo e horizontalidade, ocio desprexuiciado, o traballo de Vila-San-Juan deixa ver a lucidez de Montesol, Nazario, Ramón de España, Pau Riba, Monzó, Gallardo, Pepichek, Pepe Ribas –vid. o imprescindible volume memorialístico Los 70 a destajo. Ajoblanco y libertad–, mesmo de Mariscal e Racionero, a experiencia de publicacións exitosas como Disco Express, Star, Ajoblanco, El Víbora, os directos da Sala Zeleste, as viaxes a Ibiza e o estranxeiro ou a actividade incesante das Ramblas, signos ilustres para un filme con alma de reportaxe, na procura de maior ambición estética.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 11 de xuño de 2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario