sábado, 18 de xuño de 2011

Desde la taquilla

Cada mércores Juan Herbera actualiza o seu blog Desde la taquilla para facer unha análise rigorosa dos resultados comerciais dos filmes que se estrearon a fin de semana anterior. As súas anotacións son unha ferramenta imprescindíbel para calibrar a saúde da exhibición cinematográfica en España e revélannos a importancia de facer unha revisión crítica dos números, máis alá da espectacularidade dos totais que con frecuencia non son máis que ruidosos fogos de artificio a agacharen o baixo nivel da festa.

No artigo desta semana chama unha vez máis a atención sobre a pobre asistencia ás salas no que vai de ano, un 6% inferior á do mesmo período de 2010 (que non foi precisamente glorioso). O ano pasado por estas datas estabamos inmersos no Mundial de fútbol, acontecemento que como é obvio inflúe na asistencia a toda clase de espectáculos; agora non hai nin Mundial nin Liga, mais a afluencia aos cinemas é practicamente a mesma. A priori cabía imaxinar que as estreas de Piratas do Caribe ou X-Men repararían un pouco os danos acumulados, mais a súa pegada final nos despachos de billetes estivo moi por debaixo das expectativas. Vaise atenuando ademais o efecto do 3D: aumenta o número de títulos e copias, si, mais iso non implica un crecemento equivalente da recadación. As tres dimensións non sempre supoñen un valor engadido, a non ser no prezo da entrada, que xustamente afasta moitos ­espectadores.

Non estamos ao borde da catástrofe (aínda) mais si hai erros por corrixir e modelos de negocio que cambiar. O que me pregunto é se todas as partes están polo labor ou se pola contra prefiren seguir escoitando a orquestra mentres o barco vai enchéndose de auga.

Martin Pawley. Artigo publicado o venres 17 de xuño en Xornal de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario