venres, 3 de xuño de 2011

Mirada con salitre

Nunha secuencia capital de Vikingland, o seu magnético protagonista, Luís Lomba O Haia, a medio camiño entre Robert de Niro e Harvey Keitel, grávase a si mesmo mentres almacena cun compañeiro –por certo, pai do autor do filme– latas de cervexa no barco onde os dous traballan. A cámara está pousada nun palé que seguramente non ten posto o freo e por iso nun certo momento comeza a moverse con suavidade á maneira dun preciso travelling. Cando se detén, o que rexistra a cámara é un cadro perfecto, unha composición modélica cunha ringleira de xanelas que evoca unha tira de celuloide. O plano mantense fixo durante uns cen segundos mentres o labor prosegue fóra de campo, até que o protagonista se decata do que sucedeu e corrixe o plano para rexistrar, até o final, o cargamento das bebidas.

Son sete minutos e medio electrizantes, rabiosamente contemporáneos, atravesados polo azar que penetra na escena para mellorala. Mais coa importancia do azar pasa como coa beleza, que hai que saber detectala. As imaxes que tomou O Haia durante seis meses –unha marea– coa intención de revelarlle ás persoas máis próximas a vida cotiá no barco son magníficas, mais o que as transforma nunha gran película é o talento de Xurxo Chirro, cineasta con pasado mariñeiro que xa demostrara intuición, rigor e retranca nas súas curtametraxes e que ao ingresar no grupo de elixidos por Jean-Pierre Rehm, programador do FIDMarseille, dá un salto adiante que o coloca na primeira división mundial do documental. Sempre queda alguén para contar a historia, coma o Ismael de Moby Dick. Desta volta esa persoa é da Guarda e soubo desvelar un tesouro no que para moitos non pasaría de ser un feixe de vídeos caseiros.

Martin Pawley. Publicado o venres 3 de xuño en Xornal de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario