mércores, 7 de decembro de 2011

Correspondencia sobre A árbore da vida

Conversa sobre The tree of life de Terrence Malick mantida por correo electrónico entre os días 27 e 29 de setembro de 2011

De: Agustín Fernández Paz
Para: Xabier P. Docampo, Manuel Bragado, Martin Pawley

Benqueridos cómplices:
Hoxe, 26 de setembro, fun ver A árbore da vida. Foi unha experiencia que non sei ben como cualificar, quizais o que máis se achegue sexa recoñecer que é algo novo, que nunca vira tal nunha pantalla. E que saín da película conmocionado. Visualmente é admirable, non sei como move a cámara para conseguir as escenas que imos vendo, un abraio continuo. Saliento o enorme sentimento relixioso, que o enchoupa todo. Unha relixión con moito de panteísmo, mais o sentimento relixioso é moi forte. Incluído ese “ceo” final, a carón do mar, fonte de vida, onde nos encontramos con todas as persoas da nosa vida, tamén as que morreron. O aquén e o alén xuntos. Tamén sentín que en moitos momentos estaban a contar a miña vida (en realidade, a vida de calquera persoa; pero os que vivimos unha infancia en contacto coa natureza quizais nos sentimos máis interpelados). A longa secuencia documental é deslumbrante, desexaría que nunca acabase. O río por onde andan os dinosauros, o mesmo polo que logo andan os nenos. O río da vida, supoño. Está logo a amargura e a dor, e a esgazadura que provoca en nós ao lembrarmos os momentos en que tivemos que nos enfrontar á morte dun ser querido. A dor entrecruzada coa alegría de estar vivo, coa marabilla que supón cada momento da vida cotiá. E as relacións familiares, coas súas alegrías e cos seus conflitos: tanto unhas coma outros nos marcan de por vida, e tamén nos moldean. E, xaora, a narración da infancia, deses anos en que asistimos á creación do mundo e plantamos as raíces de todo canto ha vir despois. En fin, compañeiros: algo máis ca unha obra de arte, unha experiencia que esperta os sentimentos e emocións que viven na cerna de cada un.
Apertas de
Agustín

De: Martin Pawley
Para: Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Manuel Bragado

Olá a todos,
Hai algúns aspectos importantes que atinxen á vida e obra de Malick que axudan a poñer en contexto este filme:
1) Sobre o "bloque científico". Despois de que se estreara Days of heaven, Malick marchou a París a desenvolver un proxecto chamado Q que incluía un segmento inicial no que se relataban as orixes da vida. A medida que foi pensando nel, o segmento foi medrando e acabou por devorar o filme enteiro. Un equipo de fotógrafos e técnicos empezou a traballar nesas ideas, até que un bo día, de súpeto, Malick parou todo. O director tardaría case vinte anos en facer o seu seguinte filme, The thin red line. Nese tempo intermedio, e co diñeiro que lle proporcionou a Paramount co compromiso de que fixera outra película para eles, Malick mandou equipos polo mundo a rodar imaxes de medusas, volcáns en erupción, xeos na Antártida, etc. O proxecto Q reapareceu finalmente nesta Árbore da vida, mais non queda aí a cousa: ao parecer Malick tiña ganas de sacarlle máis partido a aquelas ideas e produciu en paralelo un filme-documental, Voyage of time, narrado por Brad Pitt, no que se falaría da aparición da vida, as bacterias, os primeiros seres unicelulares, de como xorde a conciencia, o amor, a humanidade, e da vida e morte do universo. Parte do material estaría gravado en formato IMAX, cun ancho especial e notábel resolución de imaxe, e o filme final sería lanzado en salas dese tipo (en EEUU hai unhas cantas, e as producións documentais de gran formato que alí se exhiben recadan moita, moita pasta: non aparecen nunca no boxoffice da fin de semana porque son lanzamentos limitados, pero se prolongan anos en cartel e acumulan cifras de espectadores alucinantes). Voyage of time é un dos tres proxectos pendentes de Malick despois de The tree of life: rodou o ano pasado unha longa na que actúa como secundario Javier Bardem, e está facendo agora outra con Christian Bale. Tardou corenta anos en facer as súas catro primeiras longas e agora encadea catro seguidas!
2) Os elementos autobiográficos do filme. Malia sabermos moi pouco de Malick, que leva décadas sen conceder entrevistas, si hai aspectos coincidentes entre a súa propia vida e o que se conta na película. Dunha banda as relacións cos pais: a devoción e extremo respecto pola nai, á cal non lle deixou ler o guión de The thin red line porque tiña medo de que lle pareceran mal as palabrotas que dicían os soldados, e a paulatina aproximación ao pai, de quen herdou ese carácter ríxido e austero. Mais o punto clave é a morte do seu irmán menor, Larry, que coma o neno do filme tamén tocaba a guitarra. O tal Larry decidiu ir a España nos 60 para aprender a tocar ben o instrumento; e coa rabia de ver que non acadaba o grao de perfección que desexaba fixo por tronzar as súas propias mans. O pai dos Malick foi entón a España para recuperar o seu fillo, mais cando chegou Larry estaba morto: decidira suicidarse, seica aos 19 anos, coma o da película. O outro irmán de Malick, Chris, tivo un tráxico accidente de tráfico no que lle morreu a muller e el mesmo sufriu graves queimaduras (lembrade que no filme hai un neno coa cabeza queimada). Ao final dos créditos vemos que a película está dedicada "for LRM and CBM", que poderían ser ben os irmáns Larry e Chris.
Paréceme especialmente importante o de Larry, claro, porque tal e como eu o vexo o filme é un sofisticado artefacto para a expiación dunha ferida, a da morte do irmán. Nas escenas de Sean Penn da actualidade evócase a súa ausencia na conversa co pai por teléfono ("todos os días penso nel"... "non debera ter dito aquilo") e no feito de que prenda unha vela. A propia idea de remontarse á orixe do universo e da vida, e de apuntar o final do planeta contra o peche do filme, forma parte do exercicio de entender e aceptar que vivir e morrer é o máis natural do mundo. Por iso eu non vexo a escena da praia como unha representación do alén, senón como un símbolo ou metáfora do feito de "poñerse en paz" cun mesmo. O que se visualiza nesa escena é a familia tal e como os recorda na infancia, nese momento decisivo de formación, cando todo era posíbel, ou antes de que todo se torcera; o personaxe da nai entrégalle logo explicitamente o fillo ao Deus no que ela cre (e a simboloxía é de todo menos sutil: a idea de cruzar a porta, nun sentido diferente ao do parto, o rapaz que dubida, as imaxes evocadoras de paz posteriores). Despois diso, o campo de xirasoles, Sean Penn na actualidade en medio dos rañaceos, a ponte, e esa luz primixenia -puro Jordan Belson- que apareceu en momentos previos do filme. No fondo, ver a praia coma unha imaxe do máis alá é equivalente a pensar que a nai é unha meiga, ou unha fada, polo feito de que nunha escena concreta a vemos literalmente levitando (o elemento feérico da nai volve aparecer cando lle preguntan se vai morrer e aparece representada morta nunha urna de cristal, coma Branca de Neve). Ao pensar no ceo o que fas é darlle á imaxe a interpretación máis literal plausíbel, que non é necesariamente a correcta; digo isto porque aínda non negando o seu compoñente espiritual e relixioso o filme está moi lonxe de ser unha proba de catequese, como parece interpretarse das críticas máis feroces que tivo. Algúns mesmo lle achacan un certo espírito neocon, cando para min é todo o contrario: é unha película sobre o colapso do sistema, sobre o absurdo dunha sociedade capitalista ultracompetitiva na que o esforzo honesto do pai durante anos, mesmo a costa de perder os fillos, non evita que a fábrica peche e el quede sen traballo (e noutros momentos apunta a necesidade de non ser honrado para triunfar).
Dá moito para falar este Malick, si señor.
Apertísimas,
M P

De: Agustín Fernández Paz
Para: Xabier P. Docampo, Manuel Bragado, Martin Pawley

Non sabía o dos irmáns de Malick. Esa información axuda a ver mellor canto hai de autobiográfico. Mais, como en toda obra de arte, transcende eses datos. Eu sentinme reflectido, sentín que falaban de min; non creo que fose só porque meu irmán Luis tamén morreu aos 18 anos, senón pola experiencia da morte dun ser querido (meu pai, miña nai). Creo que a dor do filme pode chegarlle a calquera que pasase por iso (e tamén a quen non pasase, aínda que dun xeito máis "racional").
Eu non vin esa dimensión feérica da nai, malia os apuntamentos de Branca de Neve (ou da Bela Adormecida) e do seu voar polo aire. Se o hai, é episódico. E a secuencia da praia, se non se quere ver como unha representación dun "ceo" moi peculiar, pode verse como ese lugar/estado onde nos reencontramos coas persoas queridas (case como o equivalente a ese instante fugaz en que a vida pasa por diante dos teus ollos, ou iso din, que está por ver).
Reitero a miña opinión da fonda relixiosidade da película, sen que iso teña nada que ver coas visións neocón das que Martin di que aparecen nalgunhas críticas. Eu vexo o sentimento relixioso que nace da constatación da beleza da vida, ou da milagre da vida, se se quere. Unha variante do panteísmo, aínda que teña trazos do cristianismo.
Non sei se é unha película sobre o colapso do sistema. O que é evidente é que a sociedade de hoxe non lle gusta a Malick, parécelle un sensentido, Sean Penn reitérao en varias ocasións. E tamén Brad Pitt, ao final. Pero a alternativa parece ser o paraíso da infancia, a inocencia de quen aínda non tomou decisións, o tempo en que todo tiña sentido e parecía estar ben.
Non sigo, e non porque non haxa máis cousas que dicir. É certo que este Malick dá moito de si. De todos xeitos, non esquezo algunhas secuencias de Días do ceo que me fascinaran, como a da sega e a malla colectivas. Máis que a da Liña vermella, que non me chegou a emocionar.
Máis apertas.
Agustín
P.S.: Ese documental narrado por BP ha ser digno de verse!

De: Martin Pawley
Para: Agustín Fernández Paz, Manuel Bragado, Martin Pawley

Claro que hai relixiosidade, mais unha relixiosidade panteísta, de amor pola natureza e a humanidade, que entronca coa literatura norteamericana do século XIX, de Thoreau a Walt Whitman (igual que podía haber algo de Herman Melville, en especial o Billy Budd, en The thin red line, no que ten de retrato da imposíbel supervivencia do ben nun contorno de maldade). Nesa idea de gozar de cada folla, de cada raio de luz, está máis presente Leaves of Grass que a Biblia. Un dos grandes cineastas experimentais aínda en activo, Nathaniel Dorsky, explora liñas comúns dende o budismo. E aí vexo outra das claves: a escrita fílmica de Malick ten moito que ver cunha tradición experimental ianqui moi vitalista, a do abraio ante a natureza e o sistema do mundo, na que está Dorsky, mais tamén Hutton, Benning ou Deborah Stratman; e polo seu carácter fragmentario Mekas ou Brakhage. E con quen non ten nada, absolutamente nada que ver, é con Kubrick, por máis que haxa moita xente acordándose de 2001 cada vez que ve un planeta en pantalla (como se os planetas os inventara o sobrevaloradísimo cineasta inglés).
Non digo que a nai teña dimensións feéricas, puña iso como exemplo de que non se lle pode dar a cada plano unha interpretación que encaixe de maneira simple coa nosa bagaxe como espectadores. Unha muller que levita non ten por que ser unha meiga, e de igual maneira unha praia na que se reencontran seres queridos non ten por que ser unha imaxe anticipatoria do máis alá. En España hai xente que mesmo ironiza co plano final da ponte, que lles trae á memoria un anuncio de seguros; pero podedes ter a certeza de que Malick non pensaba en Ocaso cando fixo esa imaxe.
Está claro que a Malick non lle gusta o mundo en que vive, mais tampouco creo que para el os paraísos estean todos eles perdidos. Mesmo parece albiscar a beleza do mundo nese ambiente ultramoderno e urbano no que vive Sean Penn: o ceo e as nubes reflíctense nos cristais dos edificios e unha árbore asoma entre eles, miúda e fráxil entre tanto aceiro e formigón, pero desa árbore ben podemos dicir aquilo que Díaz Castro deixou escrito sobre unha "herba pequerrechiña" en Nimbos: "o Universo sería / máis pequeno sen ti". E a cita non é inoportuna, pois o poemario de Díaz Castro comparte fíos invisíbeis cos filmes de Malick, tamén tradutor e experto na obra de Heidegger: se algún día alguén traduce Nimbos ao inglés, faremos por mandarlle un exemplar...
Apertísimas,
Martin

De: Manuel Bragado
Para: Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Martin Pawley

Grazas a Óscar e Agus por tan interesantes reflexións das que moito aprendo.
Abrazos.
Manolo Bragado Rodríguez

De: Agustín Fernández Paz
Para: Martin Pawley, Xabier P. Docampo, Manuel Bragado

Benqueridos amigos:
Vistas as notas que nos vai achegando Martin sobre A árbore da vida (e que, xaora, enriquecen a visión da película, aínda que non son necesarias para o contido esencial dela), creo que xa podo entender a razón (ou unha razón) pola que suscita tantas visións diferentes. Non vou recorrer ao concepto que Eco desenvolvía na súa Obra aberta (aquela, cito de memoria, capaz de xerar múltiples interpretacións diferentes, válidas unha por unha e complementarias entre si). Vou a algo máis simple: estes días comecei a ler Y el cerebro creó al hombre, de Antonio Damasio, un libro que vos entusiasmará se aínda non o coñecedes. E atopeime con que, ao ir lendo, asociaba de xeito inmediato varias das cuestións que lía coa película de Malick. Como sabedes por experiencia, este é un fenómeno que nos ocorre cando algo nos afecta de xeito especial (o caso máis citado: estás embarazada e pola rúa só ves embarazadas; esnogas un nocello e alá ves unha chea de persoas co nocello esnogado. Os que escribimos ficción sabémolo ben: cando andamos metidos nunha novela, parécenos que todo o que ocorre ao noso redor ten relación coa historia que temos entre mans).
Así que, na miña opinión, creo que A árbore da vida nos afecta/conmove/impresiona porque fala de algo esencial para todos nós: a vida, a conciencia da vida, as emocións, os sentimentos, as experiencias infantís que sentimos como vitais. Por iso eu vin reflectidos anacos da miña biografía (non da de sucesos similares aos que puido vivir Malick; non, experiencias miñas); e por iso mesmo Martin atopa versos de Díaz Castro que se relacionan, e a min ocórreme igual cos meus autores favoritos, de Neruda (as Odas elementais) a Valente ou a señora Wislawa. Velaí o segredo: fala da vida, faino con honestidade, coa súa verdade, implicándose na obra con todo o seu oficio e talento. Creo que aí está a cerna, e de aí os fíos que a unen con calquera outra obra de arte feita desde presupostos semellantes.
Agustín

De: Xabier P. Docampo
Para: Agustín Fernández Paz, Manuel Bragado, Martin Pawley

Onte quixen entrar na rolda de comentarios sobre El árbol de la vida con humildade e mesura (aínda que me saíu desmesurado), pero á hora de envialo só llo mandei a Manolo. Corrixo o feito e envío a todos. Aquí vai...
Tamén eu andaba a pensar en intervir no que se fala sobre The tree of life (ao Pawley préstanlle máis os títulos en inglés aínda que diga o mesmo), o que non quere dicir que pretenda dar maxisterio a ninguén.
Esta película a min o primeiro que me fai pensar é que vai quedar na miña vida coma unha desas experiencias a cabalo entre o coñecemento intelectual e o emocional, que marcan, que deixan unha forte pegada, como ocorre con outras vistas no pasado ou con unha ducia ou dúas de libros que forman parte da miña (vosa) biografía, nese sentido no que xa non se pode contar a propia vida sen falar desas obras. O dito vale tamén para a primeira vez que un ve Las meninas, A leiteira de Vermeer, a Pietà de Miguel Anxo... Para cando escoitas Ne me quitte pas por primeira vez ou como imaxino que sería a experiencia dalguén que tivese a fortuna de escoitar á Callas cantar en directo a Casta Diva nun deses días nos que cantaba coma os anxos o farán no paraíso. Algo así é para min esta peli. Mais, por que?
Coincido en todo con vós (con ambos falei largo por teléfono da peli) mesmo o que non coincidides entre vós porque todo iso ten a peli de Malick dentro. É relixiosa? Moito, mais daquela maneira. Teñamos en conta que os O’Brian son católicos, minoría, moi grande, pero minoría relixiosa nos EEUU fronte aos protestantes. Como sabedes son relixiosidades distintas e unha das diferenzas fundamentais está na interpretación da Biblia, libre para uns e dirixida para outros, o que fai que o panteísmo tan evidente na película xunto coa narración da formación do universo que nos propón Malick non se compadeza moito cos EEUU dos anos 50. Eu inclínome máis por ver esa relixiosidade e ese panteísmo coma dúas formas de se enfrontar ao misterio da vida. A fe fala da existencia/presenza de Deus, iso explica todo, iso encaixa con “Deus que che dá a vida tamén cha pode tirar”. Mais a visión panteísta fala de que a vida é todo, o que está en nós e o que está fóra de nós, máis aínda, o que está fóra de nós contennos, pertencemos a un todo e ese todo é o que chamamos vida. En que punto se xuntan ambas visións do misterio da existencia? Na permanencia, na transcendencia do momento, da singularidade da nosa existencia: sempre estaremos, para uns a nosa alma inmortal, para os outros no universo de materia en transformación (en evolución) do que formamos parte.
Con todo a min unha das cousas que me fascinou desta peli é o tratamento cinematográfico, narrativo da infancia. Esa visión da e desde a infancia é un acerto grandioso. A infancia como un panteísmo visíbel, pois a integración dos rapaces na natureza e, mesmo, nos seus propios pais como seres que os conteñen. Pero ademais móstranos como a infancia nas súas actuacións e motivacións tantas veces inexplicábeis (os nenos xogando, probando a vida, albiscando a sexualidade, chorando...) acabarán por dar, moito máis adiante, os porqués da nosa vida adulta. Unha etapa da vida que condiciona, explica e, moitas veces tamén, xustifica a vida adulta.
Estoume estendendo demasiado así que acabo facéndovos notar a enorme importancia que ten na narración fílmica de Malick a música, onde, a mais do traballo magnífico de Alexandre Desplat que compón, mestura, arranxa... e todo canto faga falla, van pasando anacos de pezas de inconmensurábel beleza: Bach (a Tocata e fuga), Mozart, o Agnus Dei dunha misa de Berlioz (fantástico) e o Moldava da obra A miña patria de Smetana, unha peza de música descritiva na que escoitamos/vemos como o río nacional checo, o que pasa por Praga, por embaixo desa ponte Karlo que todos os turistas visitamos, é descrito paso a paso e que é un símbolo da vida como poucos mellores hai na historia da música. E moitísimas máis entre as que, con non pouco traballo, puiden atopar a Lacrimosa de Zbigniew Preisner, que forma parte dunha obra titulada Requiem for my friend que o músico dedicou ao director de cine  Krzysztof Kieslowski.
Seguiremos falando (creo que por moito tempo) desta película. Apertísimas,
Xabier P. DoCampo

Ningún comentario:

Publicar un comentario