venres, 18 de xaneiro de 2013

El muerto y ser feliz (Javier Rebollo, 2012)

Antes de comezar a película proxectáronme o trailer doutra baseada na novela de Kerouac On the Road, e mira por onde a continuación vexo unha película on the road. Aínda que me resista a meter nun saco xenérico superficial de road movie o filme de Rebollo. Si o é, pero é moito máis.

Principiarei por dicir que me parece unha magnífica película na que o que de verdade me interesa é o misterio da morte e o do seu contrario o amor. Saber que a morte vén a nos coutar o camiño polo que todos andamos -tamén os asasinos mercenarios- á procura de esconxurala. E para iso só podemos contar co seu antídoto natural, co único ritual humano que pode afastala do noso horizonte, mesmo que ese arredamento sexa unha fantasía, que é o amor. Ese é o gran tema da película de Javier Rebollo. Esa a razón do seu rexistro lírico. Un lirismo sen floreos innecesarios, pero profundamente poético.

Ser un asasino non te libera de seres humano, fondamente humano. E o director, fondamente humano, ten a grandiosa xenerosidade de nos dar un camiño de redención, non só a Santos, senón a todos os seres humanos: o mellor que a morte ten é facernos desaparecer, o feito de nos ocultar aos ollos dos vivos e podermos gozar comendo un xeado. Nota: 8/10

Xabier P. DoCampo

1 comentario:

  1. Vin por primeira vez o filme en setembro, dez días antes da estrea en Donostia (e xa daquela tuitei isto, unha predición que non tiña moito mérito). A miña primeira sensación, e así llo transmitín a Javier Rebollo, director, e Lola Mayo, coguionista, foi de alegría. Saíulles unha película "triste alegre", vitalista e contaxiosa; moi cinéfila, moi irónica, mais nunca cínica. Non hai nela cinismo porque, en efecto, aos autores gústanlles as persoas, así, en xeral. Iso é algo ao que eu cada vez lle dou máis importancia: non soporto o aire de superioridade de todos eses creadores aos que a xente parece darlles noxo. El muerto y ser feliz, e antes La mujer sin piano, representa xusto o contrario.

    Gústame o texto en off "a lo Llinás", a súa intención literaria (case diría libresca); gústame como quedou resolto coa voz de Javier e Lola e a maneira en que ás veces se opón á imaxe. Marabíllame a elegancia coa que se move a cámara cando se move, cando avanza pola estrada dentro dun coche ou nos descobre un espazo en suaves paneos, mais tamén a elegancia coa que non se move e deixa facer aos personaxes, como John Ford manda. Emocióname o modo en que se trata a dor, tamén a dor física, mais non só. En certo xeito, El muerto y ser feliz ten algo de película balsámica, como o era Yuki & Nina, de Hippolyte Girardot e Nobuhiro Suwa, que falaba de supurar feridas. Nota: 8/10

    ResponderEliminar