martes, 19 de marzo de 2013

Anna Karenina (Joe Wright, 2012)



Fun ver esta película por amor á obra orixinal e tamén porque a min Joe Wright é un cineasta que non me desagrada, mesmo son dos poucos a quen lle gusta moito o longo plano secuencia de Atonement (2007). Eu non fuxo das adaptacións de obras literarias ao cinema: cando son boas danme novos camiños de coñecemento da obra e cando son malas, pois non dan nada, só iso. Esta non me deu nada. Xa podía parar despois da frase anterior, pero intentarei explicar por que afirmo tal cousa.

Como xa na altura sabe todo o mundo, Wright fai uso dunha posta en escena de profundas e directas referencias teatrais: o mais da película desenvólvese no escenario dun teatro coas súas tramoias, cambios de decorado, iluminación desde bamabalinas, espazos entre caixas e mesmo a platea. Este artificio resulta moi atractivo e moito máis cando, como é este o caso, está cheo de alardes técnicos e mecánicos, así como vistosos movementos de cámara con grúas, dollys e toda caste de instrumentos de aproveitamento narrativo. Os decorados avanzan, retíranse, elévanse, caen... Os intérpretes andan por eles, entre eles, sobre deles... Debo confesar que todo isto compraceume e mirei con gusto a coreografía do baile e outros momentos, tamén coregrafiados, de inmobilidade dos figurantes (aínda que non sei moi ben que querían significar). A carreira de cabalos que comeza no escenario, sae ao exterior e remata coa caída de Vronski e Frou-Frou ao proscenio é abraiante. Mesmo me rendín ao sentimentalismo inducido por certos recursos de escenario dentro do escenario que o 2D convertía na ilusión de estar vendo cadros flamencos (de pintura flamenca, quero dicir).

Pero aí estabamos, eu e outro bon número de persoas, para que nos contaran unha das historias máis conmovedoras da literatura universal e cando chegaba ese momento a Wright acabáraselle o combustíbel, de tanto pinchacarneiro de posta en escea non quedaran forzas para narrar e emocionar. De tanto darlle voltas á cabeciña (e hai que recoñecer que non foron poucas) para nos demostrar o listo que é, esqueceulle ler a obra como é debido.

O reparto escolleuno mal e dirixiuno peor. Keira Knightley dá a sensación de que nunca leu a obra e non sabe nada do personaxe. Unha das mulleres máis complexas da literatura universal vese aquí reducida a unha simpleza interpretativa carente de matices. O intérprete de Vronski, Aaron Taylor-Johnson, é un boneco de pau que non interpreta, está. O sempre notábel Jude Law, puxo unha cara na primeira toma do primeiro día da rodaxe e seguiu con ela até o final. Só, ademais de notábeis actrices que fan pequenos papeis como Emily Watson ou Olivia Williams, destacan Kelly Macdonald no papel de Dolly e, moi especialmente, Alicia Vikander no papel de Kitty, ela ponlle toda a tenrura e toda a inocencia non parva que ten ese personaxe polo que, desde a miña primeira lectura de Anna Karénina, sempre tiven certa simpatía.

En fin, que fun disposto a aceptar calquera lectura que da obra de Tolstoi quixera facer Joe Wright cunha soa condición: podía cortar, recortar, elidir e desprezar todo canto quixera agás non emocionarme, non darme unha Anna que me penetrase na alma e ma revirase moralmente, que me levase con ela desde o amor, ao que se lle ofrece a vida como prenda, á vida como tributo á desesperanza e á miseria dunha sociedade hipócrita, e saír da sala conmovido como se sae da lectura. E iso non mo deu. Nota: 4/10.

Xabier P. DoCampo

Ningún comentario:

Publicar un comentario