xoves, 21 de marzo de 2013

Kamikazes, sabios ou desherdados

Desprotexido polo seu amparo más firme e tradicional, a administración pública, o audiovisual galego, con boas doses de talento e as mellores prestacións da súa historia, languidece cunha escasa ou mínima actividade. Examinar a lexislatura finiquitada en outubro de 2012 é abracadabrante ou mesmo digno de suspiros e/ou exabruptos. Expirou unha etapa fantasmal onde sen xustificación ou explicación algunha –máis aló da manida crise- se mantivo unha situación insólita herdada, a división de competencias, marcada en termos xerais pola indecisión ou a parálise, fronte á prometida aposta por un organismo único. O depositario de tal honra, o Consorcio Audiovisual, pasou a mellor vida meses antes da convocatoria de eleccións.

O repertorio de desaparicións neste periodo axústase a un manual de esquelas: morren seis das sete modalidades de axudas, de modo que na última convocatoria permanecería estritamente produción, perdéndose talento, guión, desenvolvemento, interactivos, curtametraxes e amortización; as bolsas de formación; o catálogo profesional da Axencia Audiovisual Galega; os programas de difusión e internacionalización Docs e Curtas; o abandono da formación proporcionada polo programa –premio estatal- Audiovisual nas Aulas; as axudas a festivais nun momento en que varios deles aparecían como referenciais ou crecían; a revista AG (Audiovisual Galego); o portal de visionado gratuíto Flocos ou a eliminación de varios dos plans de Apoio da TVG. Tan contundente (ou elocuente) parte de baixas únese a toda unha serie de necesidades non resoltas, en moitos casos vellas demandas: a creación de axudas ás salas, a asignatura pendente da internacionalización, a interacción entre os diversos sectores e/ou institucións con políticas ou estratexias comúns e o equilibrio entre axudas e investimentos tratando de doblegar incómodas estruturas de dependencia.

Todo este malestar, parece, debera incitar, como en parte ven ocorrendo, unha considerable creación de guerrilla, unha procura da máxima independencia capaz de transitar por un camiño no que moitos chegan a falar xa dunha negación, a do público como depositario do legado cultural, a do público como patrimonio exclusivo da casta que hipoteticamente denega todo auxilio ao tempo que reparte (limitadas) prebendas. Máis aló da obviedade de que podemos argallar unha intelixente demanda de responsabilidades sen caer na demagoxia e de que os cartos públicos son de todos e non dunha hipotética casta ufana, á que podemos considerar, dadas certas e actuais condutas irregulares, mesmo ilexítima, fraudulenta e golpista, a precariedade do sector aparece na travesía. Os métodos de financiación, do mecenazgo á subvención pública, do patrocinio á busca de financiamento colectivo xeran pros e contas, abultados interrogantes. Lanzarse á abordaxe dun buque quen sabe se deserto ou cheo de chinches e alimarias aparece como necesidade no horizonte.

VidaExtra (Ramiro Ledo, 2013)
E de golpe entran moitas das ideas e reflexións sobre radicalidade establecidas historicamente. A tantas veces feble relación do cine co compromiso político –con excepcións, de Muxía, política na Costa da Morte a VidaExtra- determina alcanzar un lugar delicado. Porque, despois de todo, quizais, dentro dos moitísimos matices que requiren estas cuestións, chegou o momento de decidirse. Hai algo que perder cando todo o chamado público está a ser aniquilado? Alguén ten esperanzas na economía de mercado? Cremos que imos voltar á situación aparentemente máis próspera de hai uns poucos anos? Queremos acabar nas cloacas da historia e asistir á santificación dos cobizosos e mediocres ou unirnos a prol de outras e máis estimulantes historias?

José Manuel Sande. Artigo publicado no Novas da Galiza, número 124.

Ningún comentario:

Publicar un comentario