martes, 16 de abril de 2013

El teatro en el cine

A listaxe dos últimos títulos publicados pola editorial Cátedra na colección “Signo e imagen” é un baremo elocuente da evolución do estado da investigación audiovisual en España. Salvo puntuais excepcións, a colección dirixida polo profesor Jenaro Talens dá cabida aos máis insignes nomes do mundo académico que, desde hai anos, manteñen o seu estatus polos seus logros pasados. Persoeiros que lideran o ensino universitario e reiteran a súa atención cara a temas antigos e con metodoloxías obsoletas. Obviamente, igual que se lle pide aos creadores un relevo xeneracional tamén sería interesante recomendar a este stablishment intelectual certo grao de reactualización.

El teatro en el cine é un libro escrito por Anxo Abuín González, profesor de Literatura Comparada da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. El é un dos referentes máis destacados en Galicia dos “estudios semióticos” que tiveron a súa preponderancia na década dos 90, ao abeiro do que se deu en denominar “posmodernidade”. Abuín afondou nas bases para identificar as friccións significantes entre o mundo do cinema e a literatura, un traballo recollido nunha chea de artigos de revistas e comunicación de congresos. O que nos atopamos neste libro é unha “summa” de textos que teñen como denominador común o mundo do teatro. Un material heteroxéneo que xoga en contra da concepción unitaria da publicación a pesar de recorrer a un subtítulo amalgamador: “Estado de una relación intermedia”.

O autor debulla o contido en seis capítulos. Os tres primeiros teñen unha perspectiva máis ampla e xeneralista e agrupan distintos aspectos nos que sistematizar a converxencia entre as dúas disciplinas. Segue un deseño pedagóxico, sen deterse demasiado nos distintos puntos, facendo referencia aos autores que xa transitaron estes camiños e ilustrando as características dos vasos comunicantes con exemplos cinematográficos. Uns contidos demasiado itinerantes que dan a impresión de que estamos dentro do que pode ser un bo texto de manual co que facer aulas monográficas sobre o tema.

Os tres últimos capítulos intentan entrar no concreto: o cuarto e o quinto están dedicados a analizar as adaptacións cinematográficas das obras de Shakespeare e o sexto, e último, ao grao de polución do teatro na filmografía de Almodovar. Atopámonos ante uns textos dunha natureza metarreferencial encuberta, mais por riba disto o que si nos sorprende en exceso son os males que sempre arrastrou esta disciplina: a tendencia a establecer relacións entre filmes de dispar calidade e contexto, a parar a investigación e afondar en puntos pouco acaídos, o uso de citas desmedidas para vertebrar forzadamente o discurso, as escolmas erradas nas filmografías de autores, a saturación de etiquetas no texto, o regusto constante pola invención de palabros e a falta de referencia ás fontes bibliográficas do propio autor.

Despois do exposto podemos dicir que o tema do libro ten un tratamento lene e aposta por certo carácter enciclopédico de causísticas. Probablemente cumpliu as expectativas dun “teórico” encargo de sistematizar nunha primeira aproximación as relacións entre o teatro e o cinema. Mais, quizais, este título teña moitísimo máis interese como documento dunha maneira pretérita de aproximarse ao cinema e da escasa incidencia dos estudios culturais no devir dos nosos días.

Xurxo González

Ningún comentario:

Publicar un comentario