xoves, 4 de xullo de 2013

“Pico”, intuitivo, disciplinado e integral

por Miguel Castelo

Xosé Manuel Olveira Gallardo era un tipo cabal e educado, botando a tímido. Tan bo actor como persoa. Ou sexa: excelente. A súa voz característica e a súa lingua verdadeira (non resulta retórico lembralo) eran ferramentas principais do seu oficio de intérprete.

A particular forma do seu apéndice nasal valeulle dos seus amigos e compañeiros de escola o agarimoso alcume polo que despois o chamaron sempre os seus colegas da escena. A “Pico” gustáballe cantar e cantaba moi ben. Canción melódica, que con frecuencia lle pedían os compañeiros, actores e actrices, no cabo dos ensaios, entre viños, nalgunha das moitas tascas de Compostela, ou en situacións semellantes no decurso das xiras. Non lle faltaba sentido do humor, do que en confianza facía gala, se cadra para contrarrestar o seu punto de timidez. “Dous e Pico” é o nome do trío músico-vocal co que actuaba nos anos mozos nas festas de Esteiro, a súa parroquia, e a contorna muradá, meritoria antesala sen dúbida da súa innata condición de actor. Un actor que se foi facendo paseniñamente, primeiro en Candea, baixo o saber e a bonhomía de Xosé Agrelo Hermo, noiés de pro que consagrou a súa vida ao ensino e o teatro; e logo, xa en Santiago, no Teatro de Cámara Ditea, con Agustín Magán, até que en 1986, dous anos despois do nacemento do Centro Dramático Galego, é requirido para facer parte do elenco da súa décimo cuarta produción. Porén, este ascenso ao teatro institucional constitúe para “Pico”, cheo de ilusión, un insospeitado trago amargo. Dirixida por Xulio Lago, a súa intervención n'A noite vai coma un río convértese nunha experiencia tan excitante como traumática, o que o sitúa no desacougo da dúbida sobre a súa condición de actor e a un paso de abandonar o oficio. Mais ao ano seguinte, no remuíño do seu debate interno, cada vez máis asentado na crenza da súa incapacidade e no trabucamento da súa etapa anterior, vólveno convocar desde o CDG, agora para intervir n'A Pousadeira. E nesta nova proba, baixo a dirección de Xoan Cejudo, todo acontece de modo diferente, ficando felizmente confirmado como actor de talento. Este venturoso novo paso, de Capitán cunqueirán a goldoniano Marqués de Forlipópoli, constitúe un salto cualitativo que o vai convertendo progresivamente nun actor cada vez máis sólido, versátil e solicitado. Até o punto de ter momentos do seu itinerario profesional nos que, sen deixar as habituais series televisivas ou algún esporádico filme, intervén, nun auténtico desafío ao don da ubicuidade, en máis dunha montaxe teatral a un tempo. Tantas veces houbo que escribir o seu nome nos papeis que por cabo, e non sen esforzo, os informadores, axudados polos correctores de probas e os trasnos do prelo, aprenderon a suprimir o “i” inexistente do seu apelido, que con aplicada teimosía viñeran incluíndo unha e outra vez durante tanto tempo.

Actor intuitivo, disciplinado e integral, Xosé Manuel Olveira “Pico” deixa un grato recordo entre todos nós. E unha notábel ausencia.

* * *


O actor galego Xosé Manuel Olveira "Pico" Gallardo naceu en Creo (Esteiro, Muros) o 7 de setembro de 1955 e finou en Santiago de Compostela o 13 de xuño de 2013.

Ningún comentario:

Publicar un comentario