luns, 5 de agosto de 2013

Bárbara (Christian Petzold, 2012)



Gañadora do Oso de Prata no Festival de Berlín 2012, Bárbara é a sexta longametraxe do alemán Christian Petzold (1960), director clave da chamada Escola de Berlín que contribúe a reactivar o cine de ficción xermano nos anos 90 logo dunha profunda crise post Fassbinder, Wenders, Herzog, etc. O cine de Petzold aparece dominado na súa esencia por tramas realistas, interese por individuos excepcionais (frecuentemente algo desorientados) e unha mestura de xéneros sempre con altas doses de suspense. Filmes da importancia de Yellah (2007), Jerichow (2008), ou o telefilme Algo mejor que la muerte (2011) así o confirman.
República Democrática Alemana, 1980. Unha doutora, Bárbara Wolff (Nina Hoss) é trasladada desde Berlín a unha pequena localidade á beira do río Elba como represalia por algo que descoñecemos. Baixo o control da Stasi e a incipiente admiración dun médico, André Reiser (Ronald Zehrfeld), Bárbara agarda fuxir a Dinamarca e refacer a súa vida xunto ao seu home.
Marcada pola depuración narrativa, a extrema minuciosidade e o amor ao detalle, a fuxida da opresión expresiva típica na representación da Europa do Leste –a película ten profundidade de campo, gama de cores e un enorme coidado visual-, ou as influencias do cine clásico -Hitchcock: suspense e fina análise de costumes; pero tamén Bresson-, en Bárbara baixo a súa aparente (e intelixente) frialdade, estamos ante un filme intenso, cargado de matices e capas de significado, ben interpretado, lonxe da tipoloxía habitual do cine de ambientación (e demonización) histórica. Nota: 8/10.

José Manuel Sande

Ningún comentario:

Publicar un comentario