sábado, 25 de xaneiro de 2014

Adeus a Teresa Díaz

A marchante de arte Teresa Díaz Castro, faleceu na Coruña a noite do pasado venres, 24. Persoa de grande inventiva, tenacidade e enerxía, Teresa Díaz mantivo unha directa e íntima relación cos movementos de renovación cultural e artística dos tempos da Transición, nomeadamente A Carón e A Galga. Díaz Castro foi voluntaria e puntual colaboradora nalgunhas filmacións das primeiras pezas do Cinema Galego, mais a súa actividade principal tivo lugar no marco da transacción da expresión plástica, na que desenvolveu un intenso labor, traballando en directa conexión, de man a man, con autores como Laxeiro, Alfonso Abelenda e Isaac Díaz Pardo, e mesmo da súa xeración, tal que Correa Corredoira, Xaime Cabanas e Antón Lamazares. Así mesmo, foi a xestora da operación de venda á Obra Social da extinta Caixa Galicia da colección de Urbano Lugrís. Nos anos 80, no decurso da primeira corporación municipal democrática coruñesa, coordinou para a ponencia de Cultura mostras de significativa importancia como Os renovadores e A pintura galega hoxe, entre outras.

Viúva do dramaturgo Francisco Taxes (1940-2003), Teresa Díaz conseguiu así mesmo poñer en pé o seu vello proxecto empresarial dun centro expositor e lugar de encontro cultural coa creación en 2008, na praza de María Pita, da Galería Teresa Taxes, onde se puideron ver mostras da obra de Luís Fega, Paco Conesa e Lugrís Vadillo. Os que te coñecemos e tratamos, Tere, gardamos un grato recordo de ti.

Miguel Castelo

actualización: no blog do fotógrafo Xoán Piñón, Homenaxe a Alfonso Abelenda (1981), imaxe de grupo na que aparecen, entre outros, Alfonso Abelenda, Gonzalo Uriarte, Teresa Taxes, Francisco Taxes e Xabier Correa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario