martes, 20 de maio de 2014

Esta sede de beleza (I)

Apuntamentos sobre a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro. Primeira entrega.

Xosé María Díaz Castro naceu o 19 de febreiro de 1914 na Terra Cha, no lugar do Vilariño, parroquia dos Vilares de Parga, pertencente ao concello daquela aínda chamado de Trasparga. Non foi até 1945 que cambiou a súa denominación á actual de Guitiriz, que é tamén o da vila máis poboada e sé da casa consistorial dende 1929 [1]. Canda o nacemento do poeta o concello estaba situado na Casa Nova, en San Salvador de Parga, e alí traballaba coma escribente o pai do neno, Isidro Díaz Calvo. Sobre a nai, Manuela Castro López, caía o peso do fogar e o coidado da familia nunha das casas do lugar na que convivía a parella cos catro fillos (ademais de Xosé María, os tres irmáns, Antonio, María e Serafín) e unha irmá de Isidro, María Manuela. Non era unha casa rica mais tampouco non pasaban necesidade e diso dá idea o feito, non moi usual naquel tempo, de que tiñan libros e estaban subscritos a tres xornais, dous galegos, o coruñés El Ideal Gallego e o lugués La Provincia, e un de Madrid, El Debate. Os Díaz Castro daban importancia á lectura e consideraban esencial unha boa educación para os fillos. A propia casa familiar serviu de escola durante tres anos: foi nela onde impartiu aulas o mestre Manuel Cordeiro dende que foi designado para os Vilares até que se construíu a escola parroquial da Conchada, financiada por emigrantes de Cuba agrupados na sociedade “Juventud de los Villares”.

Desa inquietude pola cultura e o coñecemento impregnouse o pequeno José María Manuel, pois tal era o nome completo co que foi inscrito no Rexistro Civil. As horas que non botaba na escola axudaba nos labores da casa, sempre moitos e variados nunha vivenda labrega, tanto como lle permitía a súa fráxil saúde. Mais sobre todo dedicaba tempo e tempo a gozar da natureza, da vida fértil que agromaba incesante ao seu redor. Nesa música das augas, dos ventos e dos paxaros da que falaría máis adiante en entrevistas, nesa convivencia harmoniosa coa Terra, xorde a súa vocación literaria. E así o dixo explicitamente no documental Nimbos de poesía, dirixido por Xulio Xiz en 1987:

“Eiquí, nesta casa, fun nado hai moitos anos, como se me pode ver xa pola cara e polo pelo. Eiquí foi onde aprendín as primeiras letras. Eiquí foi onde naceu para min a poesía. Foi onde nacín eu á poesía”.


Empeza a escribir poesía dende neno para poñer en palabras a admiración e o abraio ante a beleza do mundo. Facíao en castelán, a lingua do ensino. Eran poemas malos, xermolos dos que virían despois; mais tamén eran “cousas que non podían ser gardadas”.

Era un estudante bo e curioso que soñaba con ser escritor. Aos quince anos, en 1929, ingresou coma alumno interno no Seminario de Mondoñedo, como desexaba o seu pai; antes deu aulas de latín, tan necesarias para a súa futura formación, na reitoral de Buriz. A súa era unha familia de fortes conviccións relixiosas e esa pegada espiritual, que el asumiu, levouno de maneira natural ao Seminario, un destino axeitado para un mozo da súa intelixencia e que atendendo ao seu limitado vigor físico non parecía encamiñado ao traballo agrario. En Mondoñedo completa seis cursos en cinco anos, tres de Latín e Humanidades e outros tres de Filosofía, sempre coas cualificacións máis altas. A seguir viñan os estudos de Teoloxía; deulle tempo a facer dous cursos antes de incorporarse a filas para cumprir coas súas obrigas co exército, Guerra Civil por medio. Mais aínda non é momento de que a historia (e a Historia) adquira tons tráxicos. Os anos do Seminario foron decisivos e felices na vida do poeta: “alí foi onde me perfeccionei eu, aprendín a escribir, aprendín a escribir en verso” [2]. Ao pouco de chegar faise amigo dun veterano alumno do centro, Aquilino Iglesia Alvariño, a punto de revelarse coma poeta co libro Señardá. Será por influencia del que acabará escollendo o galego coma lingua literaria, mais aínda estará en castelán o primeiro texto publicado coa sinatura de Díaz Castro: ¡Toma mi corazón!, versos inspirados na súa devoción por santa Tareixa de Lisieux que ocuparon as páxinas dunha revista de Lleida, Lluvia de rosas, en maio de 1931. Uns meses despois, o 6 de agosto, El Progreso Villalbés incluirá un texto seu en galego, Lembranzas e suspiros, co Nadal coma temática. O mesmo xornal irá acollendo ao longo do seguinte ano e medio outras creacións súas: Baix'o calor, Lá vou, amor, As formigas, Era un contiño de fadas...

Mondoñedo era para o poeta un pequeno paraíso cultural. Participa nas tertulias literarias na barbería do inquieto Manuel Ledo Bermúdez, “O Pallarego”, convertido en centro de axitación do pensamento e a arte local. Un lugar de reunión e conversa de novos e vellos, de Aquilino, Álvaro Cunqueiro e Fernández del Riego aos daquela xa coñecidos Xosé Trapero Pardo (tamén ex-seminarista) ou o veterano Eduardo Lence-Santar, cronista da cidade. No Seminario saca o máximo proveito das clases de latín do profesor Francisco Fanego, de quen gardaría sempre un magnífico recordo; aprende grego e hebreo, mais tamén dedica moito tempo á aprendizaxe de linguas estranxeiras. Estuda francés, que pon en práctica coa lectura sistemática de publicacións do país veciño: o xornal católico La Croix [3], ao que está subscrito, mais tamén Le Figaro e outras especializadas en literatura coma La Muse Française. Mesmo ensaia a tradución de autores que admira (o romántico Alphonse de Lamartine) e atrévese a facer un poema en francés, Crucifixion, en 1936. A facilidade e paixón polos idiomas lévao ao inglés e o alemán; tamén neste caso a lectura de xornais o pon en contacto coa lingua viva.

No entanto non deixa de escribir poesía. En 1934 acorda compilar nun caderno un conxunto de textos en galego, Follas verdes, e ao ano seguinte outro, Follas ó aire, ningún dos cales verá a luz en vida do poeta. Díaz Castro dixo logo que os perdera: prestárallos a amigos e compañeiros e supostamente non volveran ás súas mans. Non era certo, era unha maneira de deixalos agochados na memoria, onde consideraba que debían ficar coa humildade que lle era característica. O primeiro “tiña un ar humorístico, irónico, de retranca aldeá”, díxolle nunha entrevista a Alfonso Blanco Torrado [4], espírito que encaixa co seu subtítulo, Cantares e romances. Con máis calidade “recordaba” Follas ó aire, “máis orixinal, máis incisivo, máis serio”. Estes dous cadernos de xuventude agrupan máis de cento e vinte poemas, catro veces máis cós que comporán logo o mítico Nimbos. Velaí unha mostra do paciente perfeccionismo do escritor, que quixo ser recoñecido por un único libro coidado até o extremo.

Notas:
[1] O concello superaba a comezos do século XX os dez mil habitantes, case o dobre dos que ten agora: a emigración, como en tantos outros lugares do país, fixo estragos a partir dos 50.
[2] Declaracións a Xulio Xiz recollidas no volume colectivo Homenaxe a X. M. Díaz Castro, p162.
[3] Xornal católico fundado en 1880, primeiro con periodicidade mensual e, xa dende 1883, diaria. Mantén aínda na actualidade unha notábel difusión, por riba dos cen mil exemplares.
[4] Alfonso Blanco Torrado é o grande responsábel da recuperación popular de Xosé María Díaz Castro. Dende a Asociación Xermolos desenvolveu un traballo incansábel de reivindicación e homenaxe ao creador de Nimbos, de quen escribiu unha valiosa achega biobibliográfica, A ascención dun poeta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario