mércores, 21 de maio de 2014

Esta sede de beleza (II)

Apuntamentos sobre a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro. Segunda entrega.

O 36 supón unha parada dramática. Ingresa no exército para cumprir o servizo militar e destínano á fronte de Asturias en plena Guerra Civil, obviamente co bando franquista. O seu paso pola primeira liña de guerra, aínda que en posto sanitario, é moi breve: apenas oito días. Suficiente, en calquera caso, para ser consciente do horror. É enviado lonxe do campo de batalla, ao Hospital de Pontevedra, onde pasará o resto do servizo; licénciase en xullo de 1939, xa coa Guerra acabada. Tres anos lonxe do Seminario nos que se convence de que o oficio relixioso non era o seu camiño, aínda que igualmente decide regresar a Mondoñedo no curso 1939-1940 para rematar os estudos pendentes de Teoloxía. Durante eses anos no exército traba contacto epistolar cunha rapaza vasca, María Teresa Zubizarreta Bengoetxea, unha das moitas “madriñas de guerra”, mulleres que se carteaban con soldados para lles daren ánimos e ofreceren alento co que soportar a barbarie. Puido ser unha simple pinga de esperanza en tempos difíciles, mais acabou por converterse na muller da súa vida, coa que casaría en 1954.

Entre tanto reaparece a figura de Iglesia Alvariño, que para entón dirixía o Colexio León XIII de Vilagarcía de Arousa. Aquilino chama ao seu amigo para ofrecerlle traballo coma profesor, unha proposta que resulta inescusábel. Imparte aulas de inglés, francés, alemán e latín, entre outras; serán sete anos de experiencia docente (1940-1947) que Díaz Castro considerou moi satisfactoria, “inesquecíbel”, cousa natural en alguén que ademais adoraba estar con nenos. Leva na vila unha vida austera, entregada ao estudio e a lectura para perfeccionar o seu nivel de inglés e alemán. Unha vez asumido que o seu porvir non está na Igrexa debe outorgarlle unha validez civil á súa formación eclesiástica; supera o exame que lle outorga o título de bacharel en setembro de 1945 en Pontevedra e valora a posibilidade de iniciar estudios universitarios, mais non chega a facelo. Segue a escribir poesía e consegue publicar tanto poemas coma colaboracións aquí e acolá: na revista Pregón e o xornal El Pensamiento Navarro de Pamplona, a través do seu amigo dos tempos de Mondoñedo Xosé Díaz Jácome, que tiña responsabilidade nos dous medios coma director e redactor xefe, respectivamente; en La Noche, Sonata Gallega, Alba. Ben diferente é o que escribe durante máis dun ano en La Hoja del Lunes de La Coruña, textos en prosa para unha sección lixeira co revelador título “Anecdotario Humorístico”. Xa se sente creativamente maduro e demóstrao presentándose aos Xogos Florais de Betanzos de 1946. A convocatoria é dobre; admite composicións en castelán e galego, con premios desiguais: mil pesetas e flor natural no primeiro caso, a metade do diñeiro para a lingua de noso. Concorre nas dúas categorías. O poema en castelán, El cántico de la ciudad, escríbeo dun tirón en verán, durante as vacacións, “á beira dun río, cun sombreiro de palla, un lapis e un papel” [1]. Traballa máis devagar o texto galego, Nascida d'un soño (Tríptico á groria da betanceira), con coidada (e clásica) forma de soneto. Seguía de vacacións de verán no Vilariño cando chega o telegrama que lle comunica a súa condición de vencedor dos Xogos nos dous idiomas.

Aquelo supuxo para min non só unha grande honra, senón ademais un estímulo para seguir escribindo sobre temas galegos e en lingua galega. Para min foi unha grande ledicia poder cantar á gloria da muller dun pobo que me é entrañábel, un pobo galego como é Betanzos, cunha tradición tan antiga e tan querida por min [2].


La Hoja del Lunes da Coruña publica case de inmediato El cántico de la ciudad (19 de agosto de 1946), que dous anos despois sería reproducido de novo no Anuario Brigantino. Menos présa se deu esta publicación cos sonetos de Nascida d'un soño, que sairían no número de 1951. Díaz Castro non agardaría tanto: enfrontouse á demora editando el mesmo os dous poemas por separado na Imprenta Celta de Vilagarcía. Era 1947 e Nascida... convertíase, aínda que con difusión limitada, nunha das primeiras publicacións en lingua galega despois da Guerra Civil.

Ese curso do 46-47 será o último que pase en Vilagarcía. Aconsellado por bos amigos decide sacar partido dos seus coñecementos lingüísticos coa intención de incorporarse á Administración do Estado coma tradutor: aquí estoupa a súa lendaria capacidade políglota.

Notas:
[1] Declaracións a Xulio Xiz, Homenaxe a X. M. Díaz Castro.
[2] Nimbos de poesía, Xulio Xiz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario