domingo, 27 de xullo de 2014

"Juventude em marcha": o mellor filme dos próximos cincuenta anos

O 13 de agosto ás 14:00 no Auditorio FEVI o Festival de Locarno acollerá a estrea mundial de "Cavalo Dinheiro" de Pedro Costa. Recuperamos un post escrito en xullo de 2007 sobre "Juventude em marcha", a anterior longametraxe do cineasta protagonizada por Ventura.

 


O mellor filme dos próximos cincuenta anos

Poucas veces os enviados aos festivais de cine dos principais periódicos españois acadaron cotas de tan lamentábel e errada unanimidade como o ano pasado en Cannes coa súa valoración da película Juventude em marcha, do lisboeta Pedro Costa. Carlos Boyero escribiu na súa crónica de El Mundo que superaba "en cretinez" aos "variados engendros" que lles ofreceran antes, e cualificou de "espíritus inconfundiblemente masoquistas" ás persoas que optaron por ver até o final unha historia "construida con planos fijos que llegan a durar 15 minutos y en los que [o director] coloca a un hombre negro y a su farfulleante hija para que cuenten de forma inconexa y surrealista las cosas que les han ocurrido en la vida". O noutrora director do Festival de Cine de Donostia Diego Galán dixo en El País que era un "experimento viejo" e proseguiu a súa escalada cara ao delirio afirmando que Pedro Costa "niega el cine como lenguaje, colocando la cámara fija ante (malos) actores que hablan y hablan como si fuera teatro antiguo". Para Oti Rodríguez-Merchante, do ABC, na cinta hai un ou dous personaxes que "dicen un texto que no lo puede haber escrito nadie en su sano juicio", para advertir finalmente que"aunque parecía una broma de mal gusto, no lo era". Mentres a prensa española máis lida demostraba non xa unha certa incapacidade para apreciar o cine que se afasta das fórmulas máis convencionais, senón ademais -e iso é moitísimo peor- un brutal desprezo con alarmantes apuntamentos de intolerancia, para a crítica internacional máis exixente, da francesa Cahiers du Cinema á arxentina El amante, a película do director portugués atopábase entre o máis salientábel visto ese ano en Cannes.

O protagonista desta obra mestra de Pedro Costa é Ventura, un caboverdiano que nos anos setenta emigrou a Portugal na procura dun futuro mellor. A película reflicte de forma paralela o seu pasado, o dun obreiro calquera que convive cun compañeiro nun escangallado barracón; e o seu presente, o momento xusto da recolocación dos antigos moradores do barrio/favela de Fontaínhas nas vivendas de protección oficial de Casal da Boba, uns edificios brancos, novos e impersoais. Ventura reencóntrase con mozos e mozas que imaxina ou sospeita que poderían ser os seus fillos e aos que en calquera caso trata como tales, e da súa man contemplamos anacos das súas vidas, filmados sempre de maneira estática con asombrosa precisión no que atinxe á elección do cadro e a iluminación, cos personaxes literalmente recitando ou declamando os seus parlamentos dunha maneira case fantasmal mais tamén chea de verdade. A dupla deslocación de espazos (Fontaínhas/Casal da Boba) e tempos (pasado/presente) tece un continuum específico e imaxinario no que habita Ventura, un home de maneiras elegantes e porte estatuario que a cámara de Pedro Costa nos amosa intensamente fordiano.

Como Sunrise, Ordet, Pather Panchali e The searchers, Juventude em marcha é unha desas obras verdadeiramente capitais que moi de tarde en tarde aparecen no cine e o transforman para sempre. Máis alá do seu extremo rigor estético, o que fai grande a Pedro Costa é o seu radical humanismo, a súa capacidade para camiñar polas marxes menos favorecidas da sociedade conseguindo que a palabra dignidade permaneza tatuada no cerne mesmo de cada plano sen caer xamais na elitista sordidez daqueles que nunca se meterían no quarto, con Vanda. Películas maxistrais hai varias cada ano; Juventude em marcha é, ademais, un acto sublime de bondade.

Martin Pawley

Ningún comentario:

Publicar un comentario