sábado, 15 de novembro de 2014

Las Altas Presiones. Amor, cinema e traballo.

A concepción cinematográfica dun director aseméllase ás veces a fórmulas que van cambiando para descifrar un problema matemático. Atopamos entre as teimas de cada un elementos que alicerzan todas as súas especulacións e outros que se incorporan con maior ou menor fortuna para facer a ecuación máis significativa. Estas variables poden evocar repeticións e solapamentos, mais tamén apuntar novos diálogos e producir estrañezas. Moitas veces os críticos deixámonos levar por prexuízos sobre os cineastas no intento de codificación do seu traballo e para ben ou para mal estas lousas caen sobre as costas do director. Probablemente entre os nosos directores un dos máis marcados por estes sambenitos sexa Ángel Santos.

Con Las altas presiones, a súa segunda longametraxe, volvemos a certo territorio transitado pola súa filmografía. Tanto na súa ópera prima (Dos fragmentos / Eva) como nas súas curtametraxes de ficción (A., Septiembre, O cazador, Sara y Juan) vemos que o interese de Santos se centra nas relacións persoais de parella. A insistencia nesta temática amorosa evidencia unha xenealoxía que o conecta coa "nouvelle vague". O interesante deste acoutamento é que empregando a óptica axeitada sae á luz certo grao de conduta humana que pode ser considerada unha representación. Os distintos estados de amor que aparecen no filme son un inventario onde o espectador pode recoñecerse. En traballos anteriores Santos trataba estas “postas en sentimento” dunha maneira intranscendente, sen apenas irradiación. Porén, en Las altas presiones hai un cambio á hora de reflectir esas condutas. Santos carga as tintas das relacións, esaxera as situacións, os comportamentos son máis radicais, incorpora rexistros teatrais... En suma, un artificio escénico que reforza algúns dos comportamentos baseados na falsidade ou no simulacro.

O outro aspecto que aparece en Las altas presiones é o propio cinema. Toda a filmografía de Santos destaca por facer gala dunha excelente cinefilia. Mais na súa segunda longametraxe é cando esta emerxe en toda a súa magnitude. No corazón da trama temos unha persoa que traballa para unha produtora e percorre un territorio na procura de localizacións para un futuro filme. Unha reflexión sobre o medio trufada de contaminacións e texturas: o mundo dos monicreques, a maxia, a literatura, a música, a filmación en 16mm, o emprego do vídeo, a manipulación no ordenador ou as imaxes de televisión. Mais o pensamento sobre as derivas fica nun segundo plano. Las altas presiones ofrece un aumento de complexidade da posta en escena para deconstruír a natureza do cinema. Comeza cunha personaxe cun estado anímico ao pairo que se relaciona con espazos en ruína. Santos ofrece unha gran presentación do personaxe sen recorrer á palabra. Este comezo ten algo de documental contemplativo onde a “relación sentimental coa paisaxe” fai que as imaxes falen en silencio. Mais aos poucos Miguel (papel interpretado por Andrés Gertrudix) váisenos enunciando en relación cos outros personaxes, primeiro na cidade mais tamén internándose na natureza mais mesta. Neste reduto waldeniano os personaxes xa non se comportan dunha maneira social e sorpréndennos coa súa impostura. A actuación dos personaxes, sobre todo os de Marta e Bruno, subscriben estes substratos desautomatizadores. En Dous fragmentos / Eva unha secuencia, a do home que inchaba globos, condensaba o espírito de modernidade do cinema de Santos propiciando a comuñón entre o documental e a ficción. O procesual emerxe de novo. A improvisación leva a aportar unha gran naturalidade ás secuencias protagonizadas polo sentimento amoroso.

Para rematar falaremos da importancia do traballo en Las altas presiones. O cinema de Santos tendemos a etiquetalo no rexistro dos desvíos sentimentais adolescentes alleos aos conflitos sociais. Mais a madurez do cineasta constátase ao renunciar a certo esteticismo sentimental e enmarcar o sentimento amoroso nunha crise social que acentúa todas as vivencias, incluso as que teñen certo nivel de sedución, como teoricamente son as do cinema. Santos pretende certa desmitificación do cinema, das súas referencias ornamentais e incluso de si mesmo. Os tempos actuais son pouco dados ao engano. O operario do cinema traballa dunha maneira apática. Os espazos en ruína fan referencia a tempos de maior bonanza económica. O contexto da crise fai contrapunto ás banalidades. Finalmente o protagonista renuncia ao seu status intelectual e quere participar nun traballo físico no que “manchar” as mans para non vivir máis nunha mentira insostible. A idea que permanece ao final de Las altas presiones é a de certo desencanto, non só procedente do protagonista, senón dunha xeración, dunha sociedade e dun tipo de cinema onde os soños se converten en pesadelos.

Xurxo González

Ningún comentario:

Publicar un comentario