martes, 14 de abril de 2015

Os "sospeitosos habituais" de Cannes

Pasadomañá anunciaranse os filmes que conforman a selección oficial do Festival de Cannes 2015 (competición, Un certain regard, fóra de competición, proxeccións especiais e curtametraxes). Obviamente, a maior atención lévaa a listaxe da competición, dende a certeza de que ese é o principal escaparate festivaleiro que un filme pode ter. Unha das queixas comúns en relación a ese magnífico escaparate é a repetición de certos nomes. O ano pasado fixen un reconto dos filmes que estiveron a concurso no que vai de século (dende 2001 até 2014, incluídos) para comprobar se esa repetición era ou non unha sensación xustificada. E abofé que o é.

No período considerado o campión é Ken Loach con seis participacións a concurso. Despois, con cinco edicións, veñen os irmáns Dardenne, Paolo Sorrentino e Nuri Bilge Ceylan. Con catro están Alexander Sokurov, David Cronenberg, os irmáns Joel e Ethan Coen, Lars von Trier, Michael Haneke e Naomi Kawase. É máis ampla a listaxe dos que estiveron tres veces: Abbas Kiarostami, Aki Kaurismäki, Atom Egoyan, Bertrand Bonello, Carlos Reygadas, Gus van Sant, Hong Sangsoo, James Gray, Jia Zhangke, Hirokazu Koreeda, Ye Lou, Mike Leigh, Nanni Moretti, Olivier Assayas, Walter Salles e Pedro Almodóvar. Son case 50 os cineastas que estiveron en dúas ocasións a competición.

Se consideramos tamén as edicións anteriores ao 2001, o campión en activo segue a ser Ken Loach con 12 participacións dende 1981 con Looks and smiles. Comparten o segundo posto Lars von Trier e Wim Wenders con nove. A medalla de bronce é para os irmáns Coen con oito. Con sete filmes a competición está Jean-Luc Godard e con seis os Dardenne, Michael Haneke, Atom Egoyan, Nanni Moretti, Hou Hsiao Hsien, Marco Bellocchio, André Techiné e Jim Jarmusch, ademais do defunto Alain Resnais. A maioría destes autores manteñen o seu prestixio case intacto; para outros a primeira liña da Croisette tende a ser máis ben cousa do pasado, caso de Wenders e Techiné.

A reiteración pesa moito no cómputo final. En 2012 houbo 22 filmes a competición e 16 correspondían a cineastas que como mínimo repetían (73%). Dos 20 filmes a competición de 2013 14 eran de autores “repetidores” (70%) e algo parecido aconteceu o ano pasado, con 13 dos 18 filmes a concurso obra de directores que xa estiveran nesa circunstancia con anterioridade (72%). E ollo, porque dez deses trece competían en Cannes como mínimo por terceira vez, un 56% do total. O récord de repetidores deuse en 2009: 19 dos 20 cineastas a competición volvían a Cannes. A única debutante aquel ano foi Isabel Coixet. No que vai de século a porcentaxe media de cineastas que repiten a concurso é do 61%.

É evidente que de incluírmos no reconto as participacións “oficiais” noutros apartados que non son o competitivo a análise das filias cannoises sería moito máis precisa e completa. Sabemos que hai autores que van e veñen da competición a Un Certain Regard e viceversa, e outros que van escalando chanzos coidadosamente até se converteren en definitivamente inevitábeis; é o caso dun Xavier Dolan, por exemplo, que hoxe por hoxe é máis “de Cannes” que outros con notábel experiencia pasada coma Ye Lou ou Walter Salles (tres veces a concurso, como xa foi dito). Asumo esas deficiencias porque, realmente, o que pretendía constatar era esa “abundancia de repetidores” que coloca algúns nomes de maneira sistemática na rumoroloxía previa ao anuncio do lineup. De quen falamos este ano? Quen ten película lista entre os máis queridos polo festival?

Pois... Paolo Sorrentino, por suposto (La giovinezza). Alexander Sokurov, Le Louvre sous l'Occupation. Nanni Moretti, Mia Madre. Naomi Kawase, An. Gus van Sant, The Sea of Trees. Hirokazu Koreeda, Our little sister. Arnaud Desplechin, Trois souvenirs de ma jeunesse. Jacques Audiard, Dheepan. Johnnie To, Design for living. Dous nomes que soan todos os anos, Hou Hsiao-hsien con The Assassin e Terrence Malick con Weightless (parece bastante máis factíbel o primeiro có segundo). Apichatpong Weerasethakul, Love in Khon Kaen. Pablo Trapero, El Clan. Nun ano no que supostamente apostan por visibilizar as mulleres directoras teñen a Maïwenn con Mon Roi. E Xavier Giannoli con Marguerite ou un vello coñecido coma Jean-Paul Rappeneau con Belles families, que xa estivo a concurso en 1971 e 1990? Un ascenso prototípico sería o de Yorgos Lanthimos con The Lobster, uns anos despois de estar en UCR con Canino e pasar, polo medio, pola oficial de Venecia con Alps. E estará lista That's What I'm Talking About de Richard Linklater, que competiu no seu día con Fast Food Nation? O xoves, as solucións.

Martin Pawley

Ningún comentario:

Publicar un comentario