luns, 18 de abril de 2016

A 10000 km do BAFICI: Le nouveau (Rudi Rosenberg, 2015)

Hai quen fai conta das horas que pasou durmindo, mesmo as contabiliza como non vividas, eu non son quen de contar as que na miña vida pasei na escuridade dunha sala de cine, e habíame saír un número ben callado de horas e de soños alí vividos.

Seguindo tal costume o xoves pasado fun ver Le Nouveau de Rudi Rosenberg (mágoa que dobrada, xa retiraran a VOSE sen agardar por min). Nada sei deste director como nada sei dos actores e actrices do reparto, mais é unha fortuna ver un filme coa limpeza do anonimato autoral, cunha total ausencia de preconceptos críticos.

En múltiples lugares se pode encontrar unha sinopse desta sinxela (afortunada sinxeleza) película, por exemplo aquí, así que aforremos esta parte da reseña.

Sempre apreciamos moito no cinema a aqueles directores que souberon poñer a cámara á altura dos ollos dos protagonistas de idade infantil ou adolescente, fose para ollar para eles ou para nos dar o seu punto de vista, e eu sigo apreciando esa opción da narración visual, pero mais aprecio a capacidade que ten Rosenberg para poñer a totalidade da narración á altura dos preadolescentes do seu filme, e para iso fai uso dunha sinxeleza narrativa, dunha planificación e dun ritmo que teñen a virtude de seren os propios protagonistas os que nos contan a súa propia historia á marxe de intermediarios. O filme trata coa mesma tenrura ao espectador e aos protagonistas, pero sabe esconxurar o tenrurismo e afastarse abondo para non caer na hiperglucemia. A min dáme a sensación de que o director coñece ben as crueldades dos diferentes nun medio hostil como é un centro de ensino: os gordos, os fracos, os raros, os novos... en fin, todo canto non encaixa na mediocre uniformidade do mais dos preadolescentes “típicos” ou “normais”, conxunto que funciona coma un plato de leite no que o albo de atención ponse, como neste caso, en catro moscas que resaltan no medio do líquido (que por certo non pode evitar caracer de forma propia e ter a do prato). Entón vén Rosenberg e dinos que os únicos seres vivos son as moscas, e iso fáinolo notar con amor e con humor: Benoit, Joshua, Constantin e Aglaée están vivos e gustan de vivir. Mesmo o único adulto que estabelece cos rapaces unha relación cercana, despegada de calquera intento pedagóxico, Greg, tamén supera a barreira de parasito social e familiar para pasar a mostrarse vivo, producindo no espectador unha incómoda empatía por un ser que baila no cribo social a contrapelo do marcado pola corrección política.

Un canto a todos aqueles que, por enriba da taxonomía social que atribúe posicións preasignadas no grupo, recoñécense na súa singularidade e fan dela un camiño de vida, un vieiro cara á felicidade persoal que ten moito que ver cunha certa acracia que debía ser predicada como xeito de vida nos centros escolares: os frikis, os diferentes, os excluídos son os verdadeiros heroes, os outros, os que precen ir camiño do triunfo e do éxito, só son seres asimilados e construídos a base de verter no molde a materia da súa trituración social e escolar.

Xabier P. DoCampo

Ningún comentario:

Publicar un comentario