xoves, 14 de abril de 2016

Cannes 2016: non busquen sorpresas

O anuncio esta mañá da selección oficial de Cannes 2016 devólvenos a un asunto, o da repetición de certos nomes na competición internacional, que xa tratamos no blog o ano pasado. O dito entón vale para agora en versión corrixida e aumentada, pois a edición de 2016 é aínda máis conservadora: a porcentaxe de cineastas que regresan á primeira sección é do 80%, a máis alta dende 2009. 

Só catro dos vinte nomes anunciados debutan a concurso: Maren Ade, Alain Guiraudie, Kleber Mendonça Filho e Cristi Puiu. Ningún deles é precisamente descoñecido entre os cinéfilos e dous deles son, de feito, habituais do festival que "ascenden" de categoría dentro da selección oficial. É o caso de Alain Guiraudie, unha das sensacións de 2013 con L'Inconnu du Lac, que competiu en Un Certain Regard e obtivo o premio á mellor dirección. Pola Quincena dos Realizadores Guiraudie pasou antes en tres ocasións: coa mediometraxe Ce vieux rêve qui bouge en 2001 e coas longas Pas de repos pour les braves e Le Roi de l'évasion en 2003 e 2009 respectivamente. Cristi Puiu, pola súa parte, chegou á Quincena en 2001 con Marfa si Banii e foi premio Un Certain Regard con A morte do señor Lazarescu, o filme que nos fixo reparar a todos na espléndida xeración de creadores que se estaba cociñando en Rumanía. A UCR volveu anos despois con Aurora. Puiu é ademais autor dunha das curtas do filme colectivo Les Ponts de Sarajevo, exhibido en 2014 coma sesión especial.

Para o brasileiro Kleber Mendonça Filho tampouco é a primeira vez en Cannes, pois presentou a curta Vinil verde na Quincena en 2005. Aquarius, o filme co cal concursa este ano, é a súa segunda longa de ficción logo do éxito acadado con O som ao redor. Si se estrea en Cannes (coma directora) Maren Ade coa súa terceira longametraxe, Toni Erdmann. A anterior, Alle anderen, competiu na Berlinale. 

Todos os demais xa estiveran antes alá na Croissette. Paul Verhoeven volve logo de vinte e catro anos: a súa única visita anterior a concurso foi no 1992 con Instinto básico. É tamén a segunda vez para Sean Penn (en 2001 con The pledge) e dous que apuntan a converterse en "sospeitosos habituais", Jeff Nichols (en 2012 con Mud) e Xavier Dolan (en 2014 con Mommy). Son sete os que van á competición por terceira vez, cinco homes (Bruno Dumont, Brillante Mendoza, Cristian Mungiu, Nicolas Winding Refn e Park Chan-wook) e dúas mulleres (Andrea Arnold e Nicole García). Con cinco participacións temos a Olivier Assayas e Pedro Almodóvar e con sete aos irmáns Jean-Pierre e Luc Dardenne e a Jim Jarmusch. En época recente lidera a táboa de repetidores Ken Loach, que coa de 2016 suma xa trece filmes a concurso dende Looks and smiles en 1981. Dos súper-veteranos en Cannes, nin Jarmusch (*), nin Assayas nin Almodóvar gañaron aínda a Palma de Ouro.

Martin Pawley. (*) Jim Jarmusch obtivo a Palma de Ouro no concurso de curtametraxes no 93 con "Coffee and cigarettes".

Ningún comentario:

Publicar un comentario