martes, 31 de maio de 2016

O cinema científico de Stan Brakhage

1. O científico

Nacido en Rusia en 1904, o físico Georgiy Antonovich Gamow é un exemplo de gran científico que foi, ademais, un gran divulgador. Estudou en Odessa e Leningrado e traballou logo en Gottingen, Copenhague (con Niels Bohr) e Cambridge para regresar a Rusia en 1931, onde casou ese mesmo ano con Lyubov Vokhmintseva, á que sempre chamaría “Rho”.

O réxime comunista impuxo a censura tamén na ciencia e a física moderna foi unha das vítimas: a teoría da relatividade e a mecánica cuántica non resultaban aceptábeis segundo a súa peculiar interpretación do credo marxista. Algúns amigos cercanos de Gamow pagaron con sufrimento a súa heterodoxia: Dmitri Ivanenko foi arrestado en 1935 e tivo que exiliarse en Tomsk, Siberia; Lev Landau entrou en prisión en abril de 1938 e pasou encerrado un ano (PDF, 375 KB), e peor destino correu Matvei Bronstein, executado dun balazo na caluga en febreiro de 1938. A presión comezara ben tempo antes e Gamow e a súa muller non tardaron en experimentar a necesidade urxente de marchar do país. No seu empeño en saír de Rusia intentaron aventuras tan arriscadas como a de cruzar o Mar Negro en dirección a Turquía nun kayak, que fracasou polas adversas condicións meteorolóxicas. A Gamow negaranlle permisos para ir a diversos encontros científicos mais en 1933, inesperadamente, admitiron a súa participación na VII Conferencia Solvay de Bruxelas. Conseguiu autorización de viaxe tamén para a súa muller e por suposto xa non volveron a casa. Finalmente, en 1934 establéceronse nos Estados Unidos.

Gamow orientou no sucesivo o seu estudo cara á cosmoloxía e astrofísica. A idea dun universo en expansión formulada en 1931 polo astrofísico e sacerdote belga Georges Édouard Lemaître coma resultado da teoría da relatividade levaba aparellada unha consecuencia incómoda (incluso para o propio Einstein): se o universo "aumenta" e cada vez é máis grande é porque "antes" era máis pequeno. E prolongando máis e máis ese “antes” chegaremos a un momento orixinal no que o universo todo estaría reducido a un punto. George Gamow reforzou o sostén teórico desta hipótese, que pasou a ser coñecida polo nome que lle puxo con ánimo retranqueiro un dos opositores á mesma, Fred Hoyle: aquilo que propuñan era un “Big Bang”, un “gran estoupido”. En 1948 Gamow escribiu co seu colega Ralph Alpher un mítico artigo, The Origin of Chemical Elements, que formula a creación logo do Big Bang do hidróxeno, o helio e os elementos químicos pesados nas proporcións que hoxe hai no universo. Gamow decidiu incluír a Hans Bethe coma coautor do artigo para completar o xogo de palabras: os apelidos Alpher, Bethe e Gamow evocaban directamente as tres primeiras letras do alfabeto grego.

Humor, está visto, non lle faltaba. Espírito didáctico, tampouco. Ademais de escribir libros de texto para a universidade, George Gamow dedicou moito esforzo á redacción de textos de divulgación, coma The Birth and Death of the Sun, One, Two, Three... Infinity ou Biography of Physics. Mención especial merecen os volumes protagonizados polo personaxe de Mr Tompkins, un empregado de banca apaixonado pola ciencia.

2. O cineasta

A que acabaría sendo a figura máis importante do cinema experimental estadounidense naceu nun orfanato de Kansas City, Missouri, o 14 de xaneiro de 1933. Foi adoptado ao cabo dunhas semanas e recibiu coma nome James Stanley Brakhage. Os pais, Ludwig e Clara, non formaban precisamente unha parella feliz; separáronse sendo el un neno e quedou ao coidado da nai. Dende moi novo fixo notar o seu gusto pola escritura, o teatro e o canto -formou parte dun coro-; na adolescencia mesmo gañou varios concursos literarios. Obtivo unha bolsa para estudar artes na universidade, mais o seu paso foi breve. Deixou o college, buscou traballo e empezou a interesarse polo cinema. Convenceuse de que quería ser cineasta e ingresou na California School of Fine Arts, mais a experiencia académica tampouco foi satisfactoria. En San Francisco fíxose amigo, iso si, dos poetas Kenneth Rexroth e Robert Duncan, grazas aos cales entrou en contacto con outros escritores, artistas e cineastas, entre eles Bruce Conner e Kenneth Anger.


Foi este último quen o animou a presentar o seu traballo nos círculos experimentais de Nova York. Stan trasladouse a esta cidade e foi ben recibido pola comunidade local de creadores e cinéfilos, inzada de figuras hoxe veneradas coma Maya Deren, Marie Menken, Joseph Cornell, Hillary Harris ou os irmáns Mekas. Mais o entusiasmo intelectual non dá de comer e tivo que deixar a cidade. Durante uns anos sucedéronse as dificultades e as frustracións (tamén amorosas) e mesmo valorou a posibilidade do suicidio.

Coñece a Mary Jane Collom e casa con ela en decembro de 1957. Iníciase un período de estabilidade, van nacendo os fillos e o seu prestixio vai en aumento. A vida familiar nunca deixa de ser (moi) humilde, mais permítelle crear filmes con absoluta independencia no seu fogar nas montañas de Colorado. É o tempo de Anticipation of the Night, Cat's Cradle, Sirius Remembered, Wedlock House: an Intercourse, do abraiante nacemento da súa filla Myrrena en Window Water Baby Moving (e logo o de Neowyn na moito máis abstracta Thigh Line Lyre Triangular). A lenda Brakhage está en marcha.

3. O amigo

Rustem Igor Gamow naceu en Georgetown (Washington, EEUU) o 4 de novembro de 1935, ano e pouco despois da saída (máis ben exilio) dos seus pais George e “Rho” de Rusia. Na adolescencia interesouse pola danza e durante cinco anos intentou desenvolver unha carreira coma bailarín até que finalmente en 1958 entrou na Universidade de Colorado, na que nesa altura daba aulas George, para estudar bioloxía primeiro e doutorarse en biofísica despois. Traballou durante moitos anos no campo da microbioloxía e foi profesor, mais se hoxe ten ficha propia na wikipedia é sobre todo polos seus inventos e patentes, en particular a “bolsa Gamow”, unha cámara hiperbárica portátil que minimiza o mal de altura ao xerar unha presión interna superior á atmosférica exterior.

Durante a súa época de estudos en Colorado Igor Gamow coñeceu a Stan Brakhage. Compartían afección pola banda deseñada e os heroes de acción, fixéronse amigos -fórono até a morte do director, en 2003- e desa amizade xurdiu ben cedo un proxecto compartido. Un proxecto que os ligaba, ademais, ao labor divulgativo do pai de Igor. Un filme, en efecto, científico.

4. Mr Tompkins Inside Himself

"I have always considered C. G. H. Tompkins to be my kid brother", escribiu Igor Gamow no prólogo dunha das reedicións do libro Mr Tompkins Learns the Facts of Life. Non lle faltaba razón: Igor nacera en 1935 e o seu “irmán” tres anos despois nun conto escrito polo seu pai. O esquema xeral do que foi despois a serie quedou aí definido. O señor Tompkins aproveitaba unha tarde de descanso para asistir a unha conferencia sobre a relatividade, mais o nivel de dificultade da mesma supérao totalmente e induce o sopor. Adormece (“a cabeza caeu lentamente sobre o seu ombro”) e no seu soño imaxina un universo no que a velocidade da luz é millóns de veces inferior á real, apenas dez millas por hora. Nese universo imaxinario, os efectos relativistas que na nosa vida cotiá non se aprecian fanse completamente visíbeis. George enviou o texto a Harper's Magazine e outras revistas que xentilmente rexeitaron a publicación. Uns meses despois nun congreso de físicos Gamow conversou con Sir Charles Darwin (neto do autor d'A orixe das especies) sobre divulgación da ciencia e explicoulle a súa nula fortuna coa aventura do señor Tompkins. Charles Darwin díxolle que debía escribirlle a C. P. Snow (autor máis adiante dunha conferencia xustamente célebre, As dúas culturas), que editaba en Cambridge unha revista científica, Discovery. Así o fixo e a resposta de Snow por telegrama non se fixo esperar: “O seu artigo será publicado no próximo número. Mande máis”.

A revista acolleu máis e máis historias do señor Tompkins. En 1940 Cambridge University Press publicou unha compilación en forma de libro, Mr Tompkins in Wonderland, á que lle seguiu en 1944, Mr Tompkins Explores the Atom. Foron reeditados unha morea de veces e traducidos a multitude de linguas (tamén o español).

Nos anos 50 o obxecto de interese de George Gamow foi a bioloxía, rama da ciencia sacudida polo impacto do descubrimento da estrutura do ADN por parte de Francis Crick, James Watson, Maurice Wilkins e Rosalind Franklin (os tres primeiros compartiron Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía en 1962; infelizmente, Rosalind morrera catro anos antes). Non é estraño pois que a seguinte aventura do señor Tompkins o levase a aprender “os feitos da vida” (Mr Tompkins Learns the Facts of Life, 1953). E como a bioloxía era tamén á area de estudos do seu fillo Igor, resulta lóxico que fose ese libro o que quixo levar ao cinema co seu amigo Stan Brakhage. O filme final, unha mediometraxe de 42 minutos, leva por título -ben descritivo, por certo- Mr Tompkins Inside Himself (1960).

Stan é o guionista, editor e director. No elenco, Don Weygandt (Señor Tompkins), Aldine Weygandt (a esposa, Maud Tompkins) e Robert Benson (Doutor Streets); Elfriede Gamow, parella de Igor, fai unha brevísima aparición coma enfermeira (a peripecia vital de Elfriede é, de seu, merecedora de atención). Ao comezo do filme hai un pequeno prólogo no que George Gamow pon en contexto o personaxe.

Durante os créditos iniciais (título, “A Western Cine Production” e indicación da obra que o inspira) vemos imaxes aceleradas, con intención cómica, da parella Tompkins na cociña da súa casa, á hora do pequeno almorzo. El le o xornal e repara nunha noticia sobre unha conferencia do doutor Streets sobre o cancro: “The usually regular and well-coordinated processes of cell division in living tissue can sometimes get out of hand, producing ugly malignant growths, and leading ultimately to the complete destruction of the organism”. Empeza a darlle voltas a esa frase; a muller chámao repetidamente polo nome (Cyril George Henry Tompkins, cuxas iniciais C. G. H. coinciden con tres constantes fundamentais da física) e suxírelle ir ver un doutor, que resulta ser o mesmo do que fala o xornal. Tompkins exprésalle a súa preocupación polo crecemento celular e o risco de metástases e o doutor Streets proponlle dar unha volta polo interior do seu corpo para que vexa cos seus propios ollos o estado das cousas. O sistema (decididamente onírico) consiste en inxectar ao señor Tompkins no seu propio torrente sanguíneo. Así se inicia un percorrido imaxinativo polo corpo que os levará até ao corazón antes de que Tompkins esperte do sono, tan confundido coma confiado no seu bo estado de saúde. A maior parte da metraxe transcorre, pois, cos dous personaxes masculinos navegando polos vasos sanguíneos sobre microfotografías reais de células e capilares feitas nalgúns casos por equipos médicos da Universidade de Colorado mais tamén polo mesmo Stan Brakhage en colaboración con Igor Gamow, acreditado coma consultor técnico.

5. Epílogo (cun pouco de matemáticas)

A amizade entre Igor e Stan favoreceu certa relación entre os Gamow e os Brakhage. George separárase da súa esposa “Rho” en 1956 e casara en 1958 con Barbara Perkins, que traballaba en Cambridge University Press. Nesa época e xa até o final das súas vidas (Gamow morreu en 1968 dun fallo hepático, Barbara uns anos despois, en 1975) residiron en Boulder, Colorado, o cal posibilitou o contacto co cineasta. Os papeis da parella foron legados á Biblioteca do Congreso e entre eles se atopan as súas cartas. Grazas a iso podemos constatar que Barbara Perkins mantivo correspondencia con Stan e Jane Brakhage (na actualidade, Jane Wodening) durante doce anos, entre 1960 e 1972.

Nestes primeiros anos sesenta Stan Brakhage inicia a preparación dunha das súas obras maiores, Dog Star Man (1961-1964), que é literalmente un filme sobre o ser humano no universo. Menos na parte I, en xeral composta por unha imaxe única, as outras catro partes están feitas superpoñendo imaxes: hai dúas capas no Preludio e na parte II, tres capas na parte III e catro na cuarta. Entre a multitude de materiais manexados por Brakhage nesta odisea dun home cun machado nas montañas hai imaxes astronómicas (a Lúa e o Sol en abundancia, o ceo nocturno) e numerosísimas imaxes microscópicas, e aí é onde a experiencia recente do Mr Tompkins Inside Himself (e incluso a reciclaxe) se fai notar.

Os setenta minutos de Dog Star Man deron pé a outro filme diferente aínda que contén exactamente as mesmas imaxes. The Art of Vision (1965) estende ou expande a experiencia Dog Star Man cara ás catro horas e cuarto polo procedemento de amosar as distintas capas de cada parte do filme orixinal por separado e en todas as combinacións posíbeis (de dous, tres ou catro elementos, segundo os casos). Falamos de combinacións e non de permutacións ou variacións posto que na superposición de imaxes o que conta é a suma final e non “a orde” (é dicir, a mestura dunha imaxe A e outra B é unha imaxe AB, indistinguíbel dunha BA).

Fred Camper debullou a estrutura de The Art of Vision neste sensacional artigo, que emprego coma referencia. As dúas filmacións superpostas no Preludio de Dog Star Man preséntanse en The Art of Vision primeiro por separado e logo xuntas, de maneira que os vinte e cinco minutos dan lugar agora a setenta e cinco. A Parte I preséntase tal cal, mais na II volve suceder o mesmo, só que en orde inversa, primeiro a versión orixinal superposta e logo os dous rolos por separado. Cando chegamos á parte III o exercicio se complica: temos tres capas superpostas, as que chamaremos A, B e C, e iso permite presentalas de unha en unha, logo de dúas en dúas (AB, AC e BC) e logo a superposición das tres (que é a parte III orixinal). Coa cuarta parte, as combinacións medran: os catro rolos (A, B, C e D) vense primeiro “á vez”, logo en grupos de tres, que é tanto coma determinar as combinacións posíbeis de tres elementos tomados dun grupo de catro,


despois en grupos de dous, ou sexa, combinacións posíbeis de dous elementos tomados dun grupo de catro:


e finalmente por separado. Os cinco minutos da parte IV en Dog Star Man medran até hora e cuarto en The Art of Vision, repartidos en quince segmentos (1+4+6+4).

Martin Pawley. O CGAI, Filmoteca de Galicia, programa The Art of Vision de Stan Brakhage hoxe, 31 de maio de 2016, ás 19:30, asociada á programación do S8, Mostra de cinema periférico. A entrada é de balde.

xoves, 26 de maio de 2016

Cine galego: reinventando a historia

Coa efeméride dos vinte e cinco anos da presentación oficial das tres primeiras longamentraxes en 35 mm. producidas en Galicia, houbo voces que venderon ese ano, 1989, coma o do nacemento do "Cine Galego". En franco desacordo con esta afirmación, Miguel Castelo escribiu o presente artigo cunha visión diferente da considerada "oficial" e, en palabras do seu autor, “sustentada en criterios historiográficos”. Unha versión abreviada do texto foi preparada para a Revista Luzes mais, finalmente, non chegou a atopar acomodo nas páxinas da mesma. Deixamos, a seguir, o texto orixinal completo:

Cine galego: reinventando a historia

Todas as guerras marcan un punto de inflexión, un antes e un despois, na historia do país ou países que a padecen. Toda actividade, calquera orde da vida, é diferente en ambas etapas. O cine, neste sentido, non é unha excepción: en todo o país peninsular hai un cine anterior a 1936 e un cine posterior a 1939. Galicia ten, tamén nisto, as súas particularidades. No tocante ao segundo período, onde se poden situar os inicios do noso cine? Cando nace o cine en Galicia, logo de rematada a Guerra Civil?

Teño para min, aínda a risco de me trabucar, que non parece desencamiñado que, para establecer unha cronoloxía de feitos históricos, fixar datas e acontecementos, etc., se bote man de criterios historiográficos. De feito, paréceme que é así como se adoita facer. De que se está a falar cando se fala das orixes do cine galego? De historia? Se a resposta é afirmativa, a cousa no precisa de moitas voltas: haberá que aplicar criterios historiográficos.

Por que se afirma que o cinema galego nace en 1989? Porque se fixo unha presentación institucional a todo bombo, que tivo lugar en Vigo baixo o nome de “CineGalicia”, organizada desde a Consellería de Cultura, onde se proxectaron Urxa, Sempre Xonxa e Continental, presumiblemente as tres primeiras longametraxes galegas? É esa a razón? Porque se obtivo un rendemento mediático que agora, aproveitando un aniversario “redondo” -un cuarto de século- se quixo, institucionalmente, aproveitar de novo? Se cadra, hai algunha outra razón, pero non a dou apañado. En todo caso, digo “presumiblemente” as tres primeiras longametraxes galegas porque non é exactamente certo.

Vaiamos, con permiso, aos feitos: en 1980, Carlos Piñeiro realiza Malapata, que dura 75 minutos. Por outra banda, outro Piñeiro, Chano, inicia en 1978 a rodaxe de Eu, ou tolo, que conclúe catro anos máis tarde, en 1982, cunha duración de 110 minutos. Se as contas non me fallan, trátase de dúas longametraxes, dous filmes producidos e realizados con anterioridade aos tres títulos nos que se insiste en situar o nacemento do cinema galego. Por que non se teñen en conta estas películas precedentes? Por que están en 16 mm e Super 8, respectivamente? De ser así, o criterio que se está aplicando é estritamente o industrial: non están en 35 mm., logo non son películas. E a cronoloxía dos feitos indícanos que ademais existen outros títulos nos anos 70, anteriores polo tanto á data de referencia que se pretende impor, que están realizados en 35 mm., pero non alcanzan o tempo convencional dunha longametraxe. Que fatalidade! Agora está ben o do ancho de paso, pero non o da metraxe. E que acontece con toda a produción dos Equipos Lupa -Mesturanza, Berros na cova, Inqueda volta…- e Imaxe -Un pequeno incidente, Arredor, A fala do muiño mudo, …-, tamén na década dos 70, esforzados 8 e S-8 de diferentes duracións, sempre por baixo do tempo convencional -estándar- dunha longametraxe? Filmes concibidos e realizados cunha vocación identitaria e nacional, que, poño por caso, os autores de Miss Ledya (José Gil, 1916) e La tragedia de Xirobio (José Signo, 1930) non soñaran para os seus respectivos títulos. Tampouco contan a estes efectos? [1]

En 1984, coa Dirección Xeral de Cultura que comanda Luís Álvarez Pousa, nacen, entre outras cousas, as axudas institucionais ao cine e ao teatro. Nese mesmo ano cinco novos títulos (en 35 mm. e de metraxes diversas, sempre por baixo da hora) ven a luz: Morrer no mar (Alfredo García Pinal), Embarque (Carlos L. Piñeiro), O segredo (Daniel Domínguez), Sons e voces na noite (Juan Cuesta), Os homes e a noite (Antón Caeiro) e Mamasunción (Chano Piñeiro). Tampouco este punto de inflexión e estes filmes contan aos efectos.

Por cabo, se a historiografía mundial sinala como data de nacemento do cinema o 28 de decembro de 1895, cando os Lumière proxectan nos baixos do Grand Café, no parisiense Boulevard des Capucines, Saída dos obreiros da fábrica, Chegada do tren á estación, O regador regado, etc., que como se sabe non son películas de longametraxe, por que non se segue este criterio para o establecemento da cronoloxía do cinema en Galicia? Non será que, sen nos dar de conta, andamos a reinventar a historia? Mais, tanta teimosía por parte dos que opinan o contrario, mesmo me fai dubidar. Estarei trabucado? Se así fose, non tería dúbida en pedir desculpas e, arrepentido e contrito, sumarme á congregación dos que sosteñen a teoría dos vinte e cinco. Mais, en consonancia e harmonía coa súa tese, coido que sería pertinente que entre todos solicitasemos a revisión da historia do cinema, reclamando a súa data fundacional para o ano 1915, cando Griffith estrea Nacemento dunha nación.

Miguel Castelo

Nota [1]: Moitas outras pezas de semellantes características técnicas nacen por estes mesmos anos, da man de diferentes autores: Rafael Luca de Tena, Enrique R. Baixeras, Antonio F. Simón, Carlos F. Santander, Eloy Lozano, Miguel Gato, Ulises L. Sarry, Rafael Sabugueiro, Orestes P. Quiñones, Rafael Ballarín, Daniel G. Alén, Lorenzo Soler e Carlos V. Veiga, entre moitos outros.

luns, 2 de maio de 2016

Powers of Ten (Charles & Ray Eames, 1977)

Powers of Ten, a mítica curtametraxe de Charles e Ray Eames, con subtítulos en galego. Vídeo orixinal, aquí. Subtítulos subidos á rede a través da plataforma online Amara. Máis filmes destes cineastas no canal de Youtube da Eames Office.