xoves, 13 de abril de 2017

Cannes 2017: entre amigos

A presentación hoxe da selección oficial de Cannes 2017 alenta a que xa é unha tradición deste blog: o repaso dos nomes novos e os nomes que se repiten dentro da competencia. Dos 18 filmes anunciados, catorce (o 78%) son de autores que regresan á primeira sección do festival. Á cabeza dos repetidores está o austríaco Michael Haneke, que compite por sétima vez por unha Palma de Ouro que gañou nas súas dúas últimas visitas a Cannes (e faino vinte anos despois da súa primeira participación no concurso grande con Funny Games). Detrás del sitúase a xaponesa Naomi Kawase, a muller cineasta máis veces (5) en competencia.

O prolífico coreano Hong Sangsoo concursa por cuarta vez. Estivo antes con Woman is the future of man, Tale of cinema, In another country e agora con The day after; este mesmo ano coloca outro título en sesión especial, Claire's Camera, con Isabelle Huppert e filmado polo menos en parte no festival do ano pasado (e suma, ademais, outras catro participacións en Un Certain Regard). Sete son os cineastas que regresan por terceira vez: o húngaro Kornél Mundruczó, o ruso Andrey Zvyagintsev, os franceses François Ozon, Jacques Doillon e Michel Hazanavicius, o ucraíno Sergei Loznitsa e o estadounidense Todd Haynes. Curioso é o caso de Doillon, "recuperado" para un concurso oficial que non pisaba dende os 80: estivo con La Drôlesse (1979) e La Pirate (1984). A súa volta prodúcese da man de dúas glorias nacionais: Auguste Rodin e o actor que fai del, Vincent Lindon. Por segunda ocasión visitan Cannes o alemán Fatih Akin (antes, en 2007, con The edge of heaven), o grego Yorgos Lanthimos e dúas mulleres, a escocesa Lynne Ramsay e a estadounidense Sofia Coppola (son tres polo de agora en competencia, igual que o ano pasado; o record de 4 sobre 20 en 2011 mantense coma un "fito" illado).

Como tamén vén sendo habitual os debutantes non son precisamente descoñecidos do certame. A competición non adoita ser lugar para experimentos, así que os outros apartados da oficial e as seccións paralelas serven de "probas de acceso" para ir coñecendo e cociñando novas fornadas de cineastas. Así, o coreano Bong Joon-ho ascende á competición despois de estar dúas veces en Un Certain Regard con Tokyo! (filme a seis mans de 2008) e Mother (2009) e presidir en 2011 o xurado da Cámara de Ouro. Pola súa banda, os irmáns Benny e Josh Safdie pasaron pola Quinzaine des Realisateurs en 2008 (The Pleasure of Being Robbed) e 2009 (Go Go Get Rosemary) e agora saltan ao contedor de maior visibilidade con Good Time, que achega a dose de estrelas que parece esixírselle a todo filme norteamericano en liza, neste caso Robert Pattison, que comparte cartel con Barkhad Abdi e Jennifer Jason Leigh (os dous poden presumir dunha candidatura ao Oscar, cousa que sempre dá puntos).

Robin Campillo chega como director ao concurso co seu terceiro filme, 120 battements par minute; mais como colaborador habitual de Lauren Cantet (tamén do filme que vai este ano a UCR, L'atelier) escribiu e montou a Palma de Ouro Entre les murs. O único realmente novo para Cannes é entón Noah Baumbach, e dende logo non é un autor por descubrir (se alguén se empeña en buscarlle algunha conexión cannoise pode atopar esta, mais iso xa sería pasarse da rosca).

Martin Pawley

Ningún comentario:

Publicar un comentario