martes, 30 de maio de 2017

Ciencia e cinema: o medo atómico

A imaxe popular da ciencia e os científicos foi cambiando ao longo do século XX e o cinema, como arte que rexistra moi ben as tendencias do seu tempo, deu boa conta diso. O cambio de século, do XIX ao XX, é o do entusiasmo tecnolóxico e a ledicia ante os avances da ciencia que fará mellor a nosa vida. É o entusiasmo e a curiosidade que reflicten as novelas de Jules Verne (1828-1905) e outros pioneiros da ciencia-ficción. Na primeira década do XX son varias as curtas que parodian os progresos técnicos e inclúen no seu título ese fascinante mundo novo que se abre de Maxwell en adiante: o electromagnetismo. O hotel eléctrico é un exemplo paradigmático dunha non pequena serie de fantasías electromagnéticas fascinadas polo potencial, a miúdo delirante, de calquera cousa que poida ser “eléctrica”. Automatismos sen fin que ás veces tolean e provocan o desastre cómico, como acontece na citada curta de Segundo de Chomón.

A electricidade entrou devagar nas vidas da xente -moitas casas galegas aínda agardarían bastantes décadas por ela- e penetrou na cultura popular. De forma parecida, a mediados de século hai outro adxectivo que se introduce no vocabulario común: “atómico”. E desta volta o entusiasmo é pouco, máis ben todo o contrario, e non sen razón: a humanidade viulle as orellas ao lobo coas bombas de Hiroshima e Nagasaki, a demostración práctica e brutal do poder destrutor da enerxía atómica domesticada polo equipo científico do proxecto Manhattan, unha etapa fascinante da historia da ciencia apenas retratada no cinema.

Non era, no fondo, algo novo, mais fíxose moi evidente de golpe. A Segunda Guerra Mundial, a gran ferida do século, deixounos claro que a ciencia que nos axuda a vivir mellor tamén pode ser empregada para provocar moito dano (pensemos, tamén, nos atroces experimentos de todo tipo nos campos de concentración nazis). E o misterioso e invisíbel poder dos procesos atómicos abriu unha porta colosal á imaxinación, nun tempo que politicamente se volvía a complicar coa división do planeta en dous bloques liderados polos EEUU e a URSS e o comezo desa “Guerra Fría” que tivo ao planeta nun sen-vivir durante varias décadas e con ocasionais escaladas de tensión.

Ese foi un caldo de cultivo idóneo para a ciencia-ficción americana. Dunha banda está o medo ao inimigo que vén do espazo que alimenta unha longa listaxe de invasións extraterrestres, en particular marcianas. Doutra está o pánico ao uso da enerxía atómica, os ensaios nucleares e os efectos da radiación. Igual que noutrora bastaba que algo fose “eléctrico” para que adquirise propiedades inesperadas, os efectos do “atómico” podían ser igualmente imprevisíbeis. Un resultado típico da radiación foi o crecemento desmedido de seres habitualmente pequechos, como as formigas da fabulosa Them! [La humanidad en peligro] (Gordon Douglas, 1954). Un incidente atómico é o que volve “colosal” ao protagonista de The Amazing Colossal Man (Bert I. Gordon, 1957). Mais non sempre é así. N'O incríbel home minguante, dirixido por Jack Arnold en 1957 (e con Richard Matheson como guionista a partir da súa propia novela), acontece todo o contrario. Scott Carey, o personaxe principal, empeza a perder peso e altura de maneira alarmante. Fanlle todo tipo de probas até que os médicos dan coa causa. A progresiva miniaturización do personaxe e como iso cambia a súa visión do mundo dá moito para debater (incluso sobre os roles de xénero), mais o que nos interesa hoxe é a vontade de darlle unha interpretación "científica” (sic) ao fenómeno, mesturando o efecto da radiación e o dos pesticidas (e non faltaba moito para que Rachel Carson lle dera unha sacudida ao asunto co libro Silent Spring, de 1962).

Outra liña interesante é o dos filmes que falan, literalmente, da apocalipse nuclear. O filme fundacional é unha produción independente non demasiado vista, Five de Arch Oboler (1951). Os cinco do título son os superviventes dun holocausto nuclear que conflúen nunha casa illada, que por certo ten especial interese para os afeccionados á arquitectura: era do director e estaba deseñada por Frank Lloyd Wright. Menos superviventes vían na pantalla os espectadores de The World, the Flesh and the Devil de Ranald MacDougall (1959): Mel Ferrer, Inger Stevens e o por diversas razóns admirábel Harry Belafonte. Máis coñecida, e chea de estrelas, é On the Beach [La hora final] (Stanley Kramer, 1959, director de Inherit the wind). Un filme estrañísimo no que logo dunha guerra nuclear a maior parte do planeta quedou arrasado e só queda xente viva en puntos illados do sur. En Australia os personaxes do filme agardan a chegada da nube radioactiva, así que o filme é, en efecto, unha conta atrás. Se algún espectador agarda a que se salven Gregory Peck, Fred Astaire, Ava Gardner ou un noviño Anthony Perkins, que perda toda esperanza. Ese filme acaba con toda a humanidade.

Neste contexto tiña que vir alguén a poñer orde, e por suposto dende o espazo exterior. O título español de The Day the Earth Stood Still (Robert Wise, 1951) foi Ultimatum a la Tierra e facía explícita a mensaxe que o extraterrestre Klaatu viña dar aos terrícolas, empeñados en matarse os uns aos outros e así poñer en perigo a paz no universo.


Na obra mestra de Wise, un filme esencial para estudar a representación da ciencia no cinema, Klaatu expresaba en voz alta un diáfano "vós veredes”: a inestabilidade e os ánimos belicosos no noso planeta eran unha ameaza intolerábel para o conxunto do universo e de seguirmos así non lles quedaría máis remedio que aniquilarnos. E a mensaxe lánzaa, isto é o importante, ante unha audiencia de científicos, intelectuais e líderes relixiosos porque nesa altura do filme a Klaatu xa non lle quedaba gana ningunha de falar con autoridades políticas. Fiábase máis da xente da ciencia... e facía ben.

Martin Pawley

Ningún comentario:

Publicar un comentario