xoves, 3 de agosto de 2017

25º Curtas Vila do Conde: Cinema nacional, cinema universal

O Curtas de Vila do Conde naceu dunha decisión arroxada e quizais un pouco inconsciente: a de organizar un festival de curtametraxes nun país no que apenas se exhibían (e aínda menos se facían) curtametraxes. Detrás desa feliz arroutada estaban cinco homes por debaixo dos trinta anos que viñan de activar o cineclube local: Miguel Dias, Nuno Rodrigues, Mário Micaelo, Dario Oliveira e Rui Maia. A súa cinefilia tiña como referencia, entre outras fontes, o lendario Festival Internacional de Cinema da Figueira da Foz, oasis de modernidade fílmica que entre 1972 e 2002 dirixiu e promoveu José Vieira Marques. Mais o grupo vilacondense quería ir máis alá. No país había xa diversos festivais, mais todos eles “não chegam a constituir verdadeiros acontecimentos nacionais, nem possuem a tão desejada projecção internacional”, segundo afirman no catálogo do primeiro Festival Internacional de Curtas-Metragens. O obxectivo do ousado quinteto non era pequeno: crear unha cita nova co ánimo de facerse un oco no mundo dende unha vila de vinte mil habitantes. A súa vila.

Corría o ano 1993 e o correo electrónico non existía. Para ver filmes era preciso dispoñer dunha copia física e os contactos facíanse por teléfono, correo postal ou mesmo telegrama. As dificultades técnicas e loxísticas dun tempo non tan distante que agora parece prehistórico non impediron a audacia de traeren a Vila do Conde ao armenio Artavazd Pelechian ou ao estadounidense Gus van Sant en edicións temperás do festival. Nunha época na que cumprir o programa e horarios previstos xa era de seu un desafío, o Curtas optou por complicarse a vida e organizar retrospectivas laboriosas e actividades complementarias que tendían pontes con outras formas artísticas, nomeadamente a música, hoxe elemento básico da súa proposta anual. A boa resposta dos espectadores demostrou dende o inicio que a aposta tiña sentido. Devagar foi desenvolvéndose unha produción nacional de curtas alentada en parte pola convocatoria de axudas públicas e o Curtas estivo aí para celebrala como era debido. A finais dos 90 nace o sintagma “Gerações Curtas” para designar unha nova ola de autores nacidos nos 60 e 70 que non tardaron en obter recoñecemento internacional. Hoxe asociamos a Vila do Conde os nomes de João Pedro Rodrigues, Miguel Gomes, Sandro Aguilar e João Nicolau, figuras respectadas que fixeron que os cinéfilos pousáramos os ollos en Portugal, mais o asombroso é que dende eses felices anos de consolidación non deixaron de emerxer autores no país veciño. Nesta década vimos o espectacular florecemento dos nacidos nos 80, de João Salaviza e Diogo Costa Amarante (Osos de Ouro á mellor curta na Berlinale en 2012 e 2017) a Pedro Peralta, Ico Costa e Joana Pimenta, que colocaron filmes en Cannes, Rotterdam e Locarno. Mais incluso eles empezan a parecer maiores comparados, por exemplo, con Leonor Teles, nacida en 1992 e que ten tamén un Oso de Ouro na casa. Non é casual que en todos os grandes festivais de cinema haxa sempre presenza portuguesa, malia o exiguo (e variábel) da produción, con algo máis de medio cento de filmes por ano, sumando curtas e longas. A proporción de títulos destacados sobre ese modesto total parece escapar a toda lóxica. Hai non menos de tres ducias de creadores portugueses en activo susceptíbeis de colocar os seus traballos nas principais citas cinematográficas do planeta, e a listaxe non deixa de medrar. Dese fértil contexto benefíciase o festival de Vila do Conde, que á súa vez contribuíu decisivamente ao éxito do cinema portugués a través do seu fabuloso papel formativo e -sobre todo- do traballo de distribución e difusión desenvolvido pola Agência da Curta Metragem.

A edición que vén de rematar, que festexaba ademais o 25º aniversario do certame, deitou unha mirada ao pasado en forma de amplo ciclo e dun libro de lectura apaixonante, 25 Anos, 25 Histórias, mais non se limitou ao exercicio nostálxico; antes polo contrario, dedicou unha interesante sesión de debate a analizar o estado actual do sector, sacudido polo severo recorte no apoio público ao cinema emprendido por un goberno que se supón progresista. O aumento da cota de mercado nacional asociado a proxectos menos que mediocres de raíz televisiva está alimentando un discurso que opón ao “cinema de autor” un no fondo inexistente “cinema comercial”, unha evolución neoliberal da vella dicotomía entre os “filmes para París” e os “filmes para Bragança”, isto é, Manoel de Oliveira vs Kilas, o mau da fita. Mais os que sitúan a Portugal no planeta cinematográfico non son precisamente Leonel Vieira ou António Pedro Vasconcelos, senón os creadores que mostran as súas obras nos festivais máis importantes, algo impensábel para os Pátios das Cantigas contemporáneos.

Farpões, Baldios
Deu bos exemplos disto o 25º Curtas, que estreou no país unha colleita singularmente boa de filmes portugueses con ampla repercusión internacional. É o caso da gañadora absoluta, Farpões, Baldios, ópera prima de Marta Mateus que viña da Quincena de Cannes. Non é insólito acordarse de Pedro Costa ao ver a súa curta -unha influencia, por outra parte, pola cal é natural sentir orgullo-, mais para sermos xustos o ton de Farpões é diferente. Máis Straub e Huillet, máis fascinado pola voz e o relato oral da xente e pola paisaxe do Alentejo, pola memoria convertida en mitoloxía. E así é que o filme consegue ser luminoso e belo, unha celebración dun mundo perdido, fermoso e cru.

Coelho Mau
Où en êtes-vous, João Pedro Rodrigues ? é unha encomenda do Centro Pompidou vinculada á retrospectiva que lle dedicaron ao xenial director. João Pedro responde á pregunta do título repensando a súa traxectoria e integrando con suma habilidade materiais diversos, dende as gravacións de vídeo das primeiras viaxes ao Festival de Venecia aos textos de Thoreau e Nathaniel Hawthorne, no que acaba por ser unha suxestiva aproximación ao seu universo persoal e creativo. Altas Cidades de Ossadas de João Salaviza sinala un cambio respecto dos seus relatos urbanos, de Arena e Rafa a Montanha. O encontro co rapeiro caboverdiano Karlon alenta un filme máis espectral, nocturno e selvático, falado (ou recitado) en crioulo, que tamén fai pensar un pouco en Pedro Costa. Salomé Lamas en Coup de Grace adéntrase na ficción sen desviarse do atrevido formalismo e algúns temas -o traballo, o fogar- habituais dela nun relato de reencontro pai e filla con final a ritmo de Phil Collins. Coelho Mau, na miña opinión a mellor curta a concurso, é outro xesto de madurez dun autor que sempre merece atención, Carlos Conceição. O desexo (sexual) é un asunto central nos seus filmes e persiste neste conto de dous irmáns adolescentes, ela gravemente enferma, el a coidala con atenta dedicación -excelentes Julia Palha e João Arrais-. Mais na súa relación predomina o amor e o medo á perda do outro e iso dálle ao conxunto, máis alá dos xogos eróticos e o fetichismo, un emotivo pouso de tenrura e humanidade que o liga a unha obra a priori tan distinta coma Acorda, Leviatã.

O 25º Curtas ofreceunos ademais un sensacional agasallo: a segunda longa do Sandro Aguilar, Mariphasa. Nunha escena belísima, un neno acorda na noite cun pesadelo. A nai teima en tranquilizalo; iso non aconteceu na realidade, dille, e o neno responde que si aconteceu dentro da súa cabeza. O diálogo acaba por ser unha introdución perfecta ao cinema de Aguilar, nunca fácil de contar. Hai unha ausencia tráxica, unha filla que morreu nun accidente, que converte o protagonista nun morto andante a moverse entre ruínas. Arrastrado polo torrente de imaxes e sons que nos fornece Sandro, o espectador fica conturbado pola experiencia cinematográfica que representa Mariphasa, a clase de filme que xustifica a existencia dos festivais.

Martin Pawley. Artigo publicado no número 255 do semanario Sermos Galiza, con data 20 de xullo de 2017.

Ningún comentario:

Publicar un comentario