luns, 30 de xuño de 2014

O Consorcio non tivo quen lle escribise

Dous anos despois da desaparición do Consorcio Audiovisual de Galicia, recuperamos un vello artigo de Xurxo González sobre o nacemento e a caída deste organismo.

O Consorcio non tivo quen lle escribise

O 29 de xuño de 2012 produciuse o pasamento do Consorcio Audiovisual de Galicia, organismo da Xunta de Galicia dedicado á promoción do audiovisual galego. Unha desaparición que, tristemente, pasou totalmente inadvertida. Ningún medio de comunicación se fixo eco deste pasamento xa que, aparte de deferencias cara a administración que lexisla o ámbito, sería como recoñecer a propia derrota de todos os axentes que participan no negocio da comunicación. Un final sen pena nin gloria que amosa ben ás claras o grao de inanición que ultimamente caracterizaba o organismo e, en consecuencia, de todo un tecido industrial que intenta desesperadamente sobrevivir non só ante unha crise económica abismal senón ante as incertas vicisitudes que caracterizan o actual contexto.

A orixe do Consorcio estivo nas demandas do sector na década dos 90 cando se intentou lexislar e normalizar un sector que daquela parecía que non ía ter teito. Eran os tempos onde se intentaba expandir promovendo o “modelo gallego” que consistía en atraer producións foráneas aos escenarios de Galicia. Foi así como o sector comezou a encherse de expectativas e lle endosaron o adxectivo de “estratéxico” que contemplaba, sen dúbidas e con enorme esperanza, un teórico futuro prometedor. Neste panorama as produtoras audiovisuais, sobre todo a través da bulideira AGAPI, traballaron para amosar ás formacións políticas a necesidade de redactar e aprobar no parlamento o que finalmente sería a Lei do Audiovisual de Galicia (1999).

No seu Artigo 9º falábase da “potenciación das accións institucionais” e nomeábase o Consorcio Audiovisual de Galicia coma o organismo encargado de facelo. Os puntos seguintes debullaban por enriba as bases deste organismo: as súas accións tiñan que estar orientadas ao desenvolvemento do sector, se lle dotaría de personalidade xurídica, tería un carácter inter-administrativo, poderían participar entidades privadas, o seu orzamento correría por parte das entidades que o constituían e promovería a creación dunha Film Comission.

A pesar destas premisas iniciais o Consorcio nunca foi quen de aglutinar toda a política audiovisual dos distintos gobernos. Estaba chamado a ser o organismo “único e exclusivo” do audiovisual galego mais ao longo da súa vida (12 anos) nunca chegou a selo. Ningún dos seus directores (Alfonso Cabaleiro, Ignacio Varela e Anxo Quintanilla) foi quen de sacalo dun segundo plano, detrás do organismo que xestionaba as axudas á produción: nun principio foi a dupla Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual-CGAI, despois foi a Axencia Audiovisual Galega e, finalmente, o AGADIC.

Así, nesta posición subsidiaria, as súas accións sempre foron ao ronsel das políticas de axudas á produción. Unha situación que se aproveitou durante o bipartito para escenificar a descoordinación de goberno entre nacionalistas e socialistas. O Consorcio intentou centrarse en labores de promoción e formación, destacando as súas “misións comerciais” a mercados, apoio a festivais, formación de profesionais e educación audiovisual nas aulas. Malia esta especificidade, durante o bipartito os socios de goberno pisábanse nas súas competencias e o Consorcio chegou a fomentar á produción cos seus proxectos do Fondo Raíces e Sempre Cinema.

Este rol marcadamente secundario provocou que minguase a súa credibilidade nos seus cometidos, e isto fíxose notorio cando comezaron a desmarcarse as partes “consorciadas”. Tras o desmarque da Consellaría de Cultura e Deporte no bipartito comezou unha deserción paulatina dos seus socios. Ao recorte dos seus ingresos sumouse a xestión deficitaria, os problemas co persoal laboral, a pouca constancia dos seus logros, a súa escasa transversalidade e, sobre todo, a pouca versatilidade ás novas necesidades do medio.

Durante a última etapa do Consorcio fíxose máis evidente un cambio no modelo de produción audiovisual. Ao saírse da baralla a Televisión de Galicia xa non había comodín posible e desapareceu a rede que aseguraba o sector. Curiosamente o ente autonómico relaciónase co Consorcio na Lei do Audiovisual de Galicia xunto a organismos de necesaria actualización (Centro Galego de Artes da Imaxe), outros que non se sabe ben para que existen (Consello Asesor de Telecomunicacións e do Audiovisual de Galicia) ou que nunca se chegaron a crear (Rexistro Administrativo de Empresas Cinematográficas e Audiovisuais, a Comisión do Cine ou a Comisión do Usuario). Probablemente aquí está o grande erro da política audiovisual de Galicia ao longo dos distintos gobernos: non intentar mudar a lexislación dun sector altamente tecnificado que cambiou de maneira frenética ante as novas maneiras de produción e de consumo. O audiovisual de 2012 non ten nada que ver co de 1999.

Ante esta vida e obra do Consorcio Audiovisual de Galicia non é de estrañar que ninguén chorase pola súa desaparición, polo menos publicamente. De seguro que o amplo equipo de traballadores que ficaron sen emprego será quen máis o sinta. Porén, quen se alegrará será o sector, xa que deste modo tan paradoxal, por fin, cumpríase unha vella e devecida arela: a “ventanilla única”.

Xurxo González

Ningún comentario:

Publicar un comentario