venres, 23 de abril de 2010

Legado e porvir

Boa parte dos feitos excepcionais adoitan ser perpetrados por persoalidades igualmente singulares. A elección dunha fermosa primeira longametraxe, Todos vós sodes capitáns, dirixida polo cineasta galego Oliver Laxe, para a Quincena de Realizadores do Festival Internacional de Cine de Cannes 2010 –reforzada polo feito de ser a única película española participante no certame– atense a esta máxima, mais non convén levarse a engano. Laxe, autor de inusual talento, riguroso discurso, bonhomía enchida de xenerosidade, viaxeiro solitario á procura da autenticidade, xa fora deixando pegadas na sucesión de traballos anteriores realizados. Só a carencia de curiosidade e/ou coñecemento podería xustificar o esquecemento desta traxectoria previa, un feito que o convertía inmediatamente en máis ca unha promesa, un explorador heterodoxo, progresivamente maduro e sabio do que se podía esperar o mellor.

Dous experimentos, Y las chimeneas decidieron escapar (2006) e Suena la trompeta, ahora veo otra cara (2007), filtraban a súa vertente lúdica. E ben pensado, todo experimento non é outra cousa que parte íntrinseca da noción de xogo. Nestas pezas, a capacidade para manter certo hermetismo non será óbice para elaborar, no primeiro caso –peza codirixida por Enrique Aguilar–, unha notable (contra)sinfonía da cidade onde o antropocéntrico flutúa como unha guirnalda sutil que consente un ensaio sobre a dor e os espazos baleiros; e, no segundo, estabelecer unha aproximación iniciática a un mundo árabe onde a disolución de imaxes, faces e referencias constitúe unha impugnación do relativismo abrumador de toda mirada colonial, impura.

A obra de Oliver Laxe crece en sinxeleza ao tempo que a multiplicación do suxerente e a ductilidade poética lévano cara a unha decidida esencialidade, unha complexa e enriquecedora depuración. Os presupostos de París#1 (2008), un proxecto nos seus comezos intitulado As copas dos árbores tremen sobre os restos dun incendio, deixa ver a franqueza da súa perspectiva. A situación inicial, un grupo de amigos que comparten unha experiencia cinematográfica en Galicia, transfórmase nun relato de viaxes, un caderno cheo de bosquexos e miradas, unha ruta estimulante –próxima incluso aos mellores universos transitados por xentes como Esteva o Jordá– que supón unha intensa exploración en torno á mirada, as tradicións e a etnografía, os propios mecanismos de construción fílmicos.

Esa sinxeleza e ese carácter celebratorio da vida mesma eclosionan mesturando moitos destes rasgos en Todos vós sodes capitáns. Laxe presenta e artella unha experiencia, o obradoiro fílmico que comparte cuns rapaces en Tánxer, mentres parece ameazarnos coa destrución de toda categoría. Ficción e non ficción morren como expresións derivadas dos nosos límites e o íntimo e a colectividade converxen para amosar os austeros silencios, itinerarios e pálpitos da historia do cine, do noso devir e o dos cativos protagonistas.

Nunha ocasión escoiteille a Oliver unha frase clarividente: “O amor non se acaba, simplemente muta. É unha liberdade de mirada”. Na súa constante impregnación deste espírito de liberación, a película rima, enlaza e recorre as fontes do legado, todas as correntes e grandes nomes da historia do cine ao tempo que parece desfacerse deles e axudar a escribir o seu porvir. Kiarostami, Pasolini, Tarkovski, Cassavetes, Bresson e os grandes pioneiros ennoblecen esta obra de revelación, seleccionada no primeiro certame cinematográfico mundial. Beau Geste.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o venres 23 de abril de 2010

Ningún comentario:

Publicar un comentario