martes, 26 de xaneiro de 2010

Lara xa si!

De maneira sorpresiva apareceu en Internet un pequeno filme de Lara Bacelo que non chega aos cinco minutos de duración chamado Varona. A peza é do ano pasado, foi proxectada nalgúns espazos mais, outra vez –e xa van abondo-, ninguén reparou nesta pequena xoia do audiovisual galego. Ver a peza recentemente deume a motivación necesaria para escribir estas liñas. O texto que aquí introduzo non sabía como titulalo, contemplei varias opcións mais ningunha me convencía. Finalmente, nun pomposo delirio intelectuloide, parodiei o título do famoso libro da feminista Teresa Laurentis, Alicia ya no, remedo dun filme de Wenders (Alicia xa non vive aquí) que á súa vez era unha homenaxe a Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll.



Lara Bacelo: un xénero en si mesma

Este pequena peza irrompe na filmografía de Lara Bacelo despois de Ollos da cidade, Conversas con Deus e John Balan, detrás da porta e mentres agardamos polo seu novo filme, Territorios. Mais Varona si ten certo parentesco cunha chea de pequenas pezas que a autora fixo para Internet. Ese traballo de videoblogueira é o que máis a condicionou no desenvolvemento da súa actividade audiovisual. Propostas que raian a elexía íntima cun alto grao de introspección que converte as súas imaxes en textos chamados a percorrer camiños propios da literatura (ficción, poesía, ensaio).

O traballo de Lara Bacelo, marcado pola palabra versatilidade, está afastado, para ben e para mal, do encorsamento caduco dos xéneros audiovisuais. Varona é froito da súa experiencia na rede e do seu espírito amalgamador de materiais de distintas procedencias. Uns vimbios que farán pensar a moitos en certa videocreación dos 80 mais iso é practicar unha redución indiscriminada xa que precisamente Lara Bacelo non ten esa quentura formalista nin cinéfila. A cineasta o que fai é sacarlle partido as facilidades de edición dixital para triturar as imaxes a prol dun discurso feminista crítico e denso.

Varona: eséxese escachadora

O filme estrutúrase nunha dialéctica entre unha voz “en over” que le fragmentos da Biblia nos que se opina sobre as mulleres, e as imaxes, tanto de produción propia (fuxidas e eivadas) como de material encontrado (sobre todo imaxes pornográficas). Con esta estrutura Lara Bacelo comeza a golpear o espello “do país das marabillas” para deixar en evidencia os papeis da muller que aínda lle asigna a sociedade. Nesta contraposición a directora pon nun mesmo plano as consideracións da muller polo dogma cristiano e pola espectacularidade sexual da muller (suxeito-fantasía) imposta pola mirada do home (fetichismo, vouyerismo, exhibicionismo, representación…). Mais esta armazón non fica aquí e fai apuntamentos sobre os malos tratos, a prostitución, o sexo, o amor e a maternidade.
Unha panorámica completa e sintética da situación da muller a través dos seus ollos. A súa mirada faise patente coa súa presenza, coa súa voz tratada para aportar un desasogante androxenismo, polos seus “territorios” persoais (que explosionarán no seu seguinte filme) e pola manipulación das imaxes. Lara compenetra idealismo e resistencia, actúa como unha Penélope posmoderna para tecer e desfiañar as imaxes, clipealas, distorsionalas, invertilas,… Mais este afan construtivo non se debe a certa ostentación materialista senón que Lara Bacelo fai seu o rol xenesíaco de “muller tecedora”, contemplando o tecido como texto, sendo xeradora de significados, de vida.

Lara no audiovisual das marabillas

Mais a Lara quédalle outra reviravolta das máximas feministas que é a súa posición de poder nunha sociedade patriarcal, enténdase aquí por iso, a industria audiovisual galega. Non imos dicir nada novo se comentamos que Lara Bacelo non ten referencias en Galicia; as creadoras audiovisuais en Galicia sucedéronse, mais non hai ningunha que amose tanta liberdade e capacidade de risco. Quizais o único referente válido podía ser Peque Varela con 1977. As dúas coinciden na reflexión sobre o xénero e o carácter autobiográfico da súa obra, que combina teimas persoais e a manipulación do imaxinario colectivo, mais Lara Bacelo difícilmente pasará por Sundance. Porén, os referentes da cineasta de Mos habería que atopalos no outro lado do Atlántico, na figura de Barbara Hammer na que coincide en militancia, rebeldía e paixón polos límites.

Varona é unha “rara avis” no audiovisual galego, un traballo que por desgraza xa foi segregado e condenado á invisibilidade. Mais ao espectador habería que lembrarlle que non se pode falar da diferenzas e de marxinalidade de identidades dentro da sociedade facendo uso dun linguaxe dominante, é decir, clásico, porque iso sería reproducir contextos segregadores.

Lara Bacelo que estás nos ceos! Apíadate de nós!

Xurxo González

mércores, 13 de xaneiro de 2010

Eric Rohmer (1920-2010)

Manolo González, director da Axencia Audiovisual Galega mentres existiu, afirmaba onte que para el o mundo se dividía entre os que amaban a Rohmer e os que o detestaban. Sorprendeume moito lerlle tal frase porque se hai un director cuxa obra dificilmente pode producir animadversións furibundas ese é Eric Rohmer, o alcume co que pasou á historia Jean-Marie Maurice Scherer. Pode gustar máis ou menos, mesmo pode gustar inspirando sentimento de culpa, como confesaba neste mesmo xornal Iago Martínez, incapaz de explicar a súa debilidade por A miña noite con Maud; mais odio, o que se di odio, é algo que non pode nacer dun cinema, o de Rohmer, que puxo moito esforzo en non ferir, en non facerse notar. Así xurdiron as súas imaxes limpas e cálidas, sempre afastadas de calquera trampa exhibicionista, sempre empeñadas en eliminar “toda sorte de alardes técnicos innecesarios ou demasiado visíbeis”, como dicía en 2007 a conta do seu xa derradeiro filme, O romance de Astrea e Celadón.

A volta a unha “simplicidade antiga” seguramente era unha esixencia daquel relato cheo de sensualidade e hedonismo ambientado na Galia do século V, mais a simplicidade é realmente unha virtude esencial de toda a súa carreira, longa e coherente como poucas. Para describir os seus case sesenta anos de traballo ininterrompido como director hai que recorrer a unha serie de etiquetas inevitábeis. A sobriedade, por exemplo. O gusto polo cotiá, polas experiencias comúns, aparentemente intranscendentes; por un certo naturalismo que non consiste, claro que non, en pousar a cámara e filmar o que pasa diante, pois o que verdadeiramente interesa é capturar “non os acontecementos como tales, senón o relato que alguén fai deles”. O diálogo, alicerce dunhas secuencias que ás veces quedaban totalmente en mans duns actores e actrices (profesionais ou non) aos que lles deixaba improvisar as conversas, como fixo en O raio verde. A literatura, fundamental nun home que de cando en cando escapaba do seu tempo con personalísimas adaptacións como Percival o galo, A marquesa de O, Triple axente ou A inglesa e o duque, na que experimentou coas imaxes dixitais demostrando que manterse fiel a un estilo non é o mesmo que ficar ancorado no inmobilismo. O amor e a fidelidade, temas constantes do seu cinema e sempre tratados con sutileza e elegancia. É por iso que os seus filmes resultan tan acolledores. A exquisita sensibilidade que deitou Eric Rohmer nos seus fotogramas é a razón que explica que dentro deles o espectador se sinta a gusto. Como se estivese entre amigos. En parte é así: está entre amigos.



Os personaxes de Rohmer –os que poboan os seus ciclos emblemáticos, os 'Contos morais', as 'Comedias e proverbios' ou os 'Contos das catro estacións'– sentímolos cercanos porque son donos das nosas mesmas paixóns, medos, ilusións e covardías. A diferenza é que nas nosas vidas non temos a beleza morna das súas composicións, as cores coidadosamente recreadas polo mestre. O que nos falta é a luz das súas películas.

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o 13 de xaneiro de 2010

sábado, 2 de xaneiro de 2010

2010, o ano do Novo Cinema Galego

Digámolo xa ao principio: 2010 será o ano máis importante da historia do audiovisual galego. Non é unha arroutada chovinista: nos próximos meses presentarán as súas novas obras boa parte dos mellores directores do país, os máis deles moi novos, un feito que nos autoriza a falar en termos xeracionais. Non é tanto un relevo, posto que o cinema de noso non gozou até agora da estabilidade precisa para falarmos de grupos ou colectivos ben diferenciados, senón a consolidación dun conxunto de autores que se expresan con liberdade á marxe das convencións industriais e conectan cos debates e tendencias que caracterizan a creación contemporánea. Falamos pois dun grupo de cineastas que “non chega tarde”, que experimenta as modas e usos audiovisuais ao mesmo tempo que se manifestan no resto do planeta.

Este aliñamento non é algo casual, por outra parte; vén propiciado polo apoio –non só financeiro– prestado pola Axencia Audiovisual Galega, cuxa inusual audacia para mirar máis lonxe non foi suficientemente aplaudida nin polas autoridades –as de agora e as de antes– nin polo sector. Singularmente valiosa foi a creación dunha liña de pequenas axudas á produción audiovisual destinadas aos creadores, as chamadas “de promoción do talento”, que só ao longo de 2009 permitiron o nacemento de máis de trinta traballos cun investimento público equivalente ao que recibe unha soa longametraxe de animación. Máis que un desexo é algo a esixirlle á actual administración o mantemento –e se for posíbel o reforzo– desta política de subvencións cuxos primeiros grandes froitos empezaremos a gozar en breve.

Hai xusto un ano o suplemento de cultura deste xornal dedicáballe un par de páxinas a dous directores galegos cuxa obra completa collía daquela dentro dun DVD: Ángel Santos e Oliver Laxe. Aquel artigo foi unha tan xusta como atrevida aposta nacida do entusiasmo provocado nos meses precedentes polas súas anteriores películas, O cazador e París #1 respectivamente, recoñecidas pola revista Cahiers du Cinéma entre as mellores curtas de 2008 en España. Eles dous seguen a ser os cineastas sobre os que recae a máxima atención. Ángel gravou a comezos do outono a súa primeira longametraxe, Dous fragmentos / Eva, unha historia triangular de amor e desamor coa que volve unha vez máis aos seus temas preferidos, as relacións de parella e a distancia entre as emocións desexadas e as vividas, nun relato deambulante que ten a cidade de Santiago de Compostela como cuarto protagonista. Como resultado do obradoiro de cinema con rapaces en situación de exclusión social que desenvolveu en Tánxer, o galego Oliver Laxe ultima na actualidade a longametraxe Todos vós sodes capitáns, un dos títulos capitais de 2010. Oliver supera o debate sobre as barreiras entre a ficción e o documental para crear unha fermosa peza de cinema extremadamente puro que nos obriga a pensar na linguaxe fílmica, na súa beleza e na súa verdade, por riba de formatos e etiquetas.

O abraiante teaser de Arraianos amosounos un vello en paraxes invernais e neboentas declamando un texto coa forza espectral das películas dos Straub-Huillet. Pouco teñen que ver esas imaxes coas que encherán finalmente o traballo de Eloy Enciso, que rodou o seu documental ficcionado sobre o Couto Mixto durante unha esplendorosa primavera, mais como declaración de intencións é abondo elocuente. A austeridade e o rigor son tamén trazos característicos da obra de Xurxo Chirro, que en Vikingland se vale dun fascinante material alleo –as vídeo-cartas que un mariñeiro galego enviou á familia nos noventa– para elaborar unha relectura do Moby Dick de Herman Melville de dimensións monumentais. No extremo oposto en canto a duración está a curta de animación Gato encerrado de Peque Varela, que en menos de dez minutos fabula coa noción popular das varias vidas que ten un gato e a partir dela reflexiona sobre as desigualdades do noso tempo con sutileza e intelixencia.

Igualmente comprometida é a actitude de Manu Mayo en Dous de vintetantos, documental que lle pon rostro ás vítimas dos accidentes de tráfico e transcende as convencións televisivas grazas á presenza do director, que introduce de forma explícita aspectos íntimos da súa vida. A maior sorpresa vén de man de Vicente Vázquez e Usue Arrieta, os QQ, que con Canedo regresan ás orixes do primeiro, unha vila preto de Ourense. A tala dunha árbore e a elaboración a partir da súa madeira dun libro que conterá unha foto de familia é a escusa artística dunha película-performance que festexa e honra de maneira libre e lúdica os elementos cos que se constrúe unha identidade.

Manuscritos pompeianos de Marcos Nine, Fatum de Pablo Millán, Contra a morte de Alexandre Cancelo e Iago Martínez, Territorios de Lara Bacelo, Entre linguas de Sánchez Maragoto, Varela Aveledo e Vanessa Villaverde, Roger de Flor: Naturalidade Silvestre de Carlos Alberto Alonso, Gaiteiro! de Rubén Pardiñas, Corpos arbóreos de Andrés Victorero... unha listaxe exhaustiva de títulos de interese está fóra do alcance dun artigo coma este. As obras e os autores xa os temos; agora só falta que o noso país sexa por fin consciente do seu potencial creativo.

Martin Pawley. Publicado o sábado 2 de xaneiro de 2010 en Xornal de Galicia