martes, 22 de xullo de 2014

A non-política audiovisual galega

Unha política pódese definir tanto polo que fai como polo que non fai. Manolo González sinalaba recentemente que na actualidade non existe ningunha política audiovisual e que o que existe é simplemente ignorancia. Por un lado concordo coa ignorancia supina do actual goberno na materia máis difiro na cuestión da non existencia de política audiovisual. Esta orfandade coincide co período máis glorioso do cinema galego polo que esa ausencia altamente significativa ergue o “non-saber” á categoría de política.

Coa intención de non caer nun xuízo apresurado lin a valoración da Consellaría de Cultura na Memoria de Cultura do 2013 onde se pretende facer un mal chamado “balance” do que deu de si a acción gobernamental nos distintos eidos da cultura galega. No que atinxe ao audiovisual agrúpase en catro campos: liñas de axudas que esmorecen con contías minguantes, unha internacionalización baseada en sufragar o paseo de produtores por mercados, a pedagoxía limitada a proxecto Audiovisual nas Aulas e o papel do CGAI intentando sobrevivir á inanición.

Todas estas actividades están condicionadas pola tan cacarexada baixada de recursos orzamentarios. Unha escusa que se emprega para xustificar a pouca efectividade da actual política audiovisual galega que exclúe algún grao de autocrítica de que o que hai se gasta mal. Esta folla de ruta esluída materialízase nas presións que exercen tanto AGAPI coma o Clúster, únicos interlocutores válidos para a administración. Unha óptica condicionada que propicia unha alarmante fractura no audiovisual galego derivada da irrupción das novas concepcións cinematográficas que o único que procuran é unha pura adaptación darwinista á inestabilidade do contexto actual.

Ante este panorama cumpriría facer unha política que olle o futuro. Todo o mundo sabe da redución do apoio económico á produción audiovisual mais poderíanse facer moreas de cousas para aliviar a carestía que se presupón para os vindeiros anos. Mais que nunca vese a necesidade de trazar unhas novas regras do xogo. Para iso habería que comezar por facer unha nova Lei do Audiovisual de Galicia, a que que hai é de 1999 e está totalmente desfasada. Tamén habería que engadir unha emenda a Lei de Subvencións de Galicia do 2007 onde mellorar o trato ás empresas das industrias culturais. O arranxo destas dúas ferramentas unicamente require de recursos humanos e de vontade política.

O organismo que tería que levar estas dilixencias é o AGADIC, unha torre de marfil situada no Gaiás distante dos problemas do sector que todo o que fai é para saír airoso das obrigas que fixan os seus vaporosos estatutos. Os seus responsábeis demostran un alto descoñecemento dos “tixolos” do sector e son incapaces de poñer en práctica proxectos complementarios que establezan sinerxias.

E non fai falta imaxinar moito. Así, urxe encadrar o deseño das subvencións dentro das máximas que marca a UE para o período 2014-2018. Teríase que intentar non deixar morrer a fórmula das “axudas de talento” que tanto deu á cultura galega contemporánea por tan pouco. Os filmes ben valorados son a mellor ferramenta para a internacionalización do audiovisual galego polo que habería que apoiar os directores no seus periplos internacionais. Teñen que saber colgarse as preseas dos logros conseguidos e sacar peito do realizado. Colaborar en focos ou ciclos de cinema galego que poidan chegar a festivais e organismos tanto de dentro como de fóra de Galiza. Actualizar a formación académica mentres se produce a tan necesaria organización do mapa das titulacións universitarias de Galicia. Apoiar a rede de cineclubs e intentar unha maior difusión nas vilas pequenas e medianas. Fomentar a presenza coherente do cinema galego na TVG (e para iso hai que trocar os responsábeis que negocian o apoio a produtos). Pór en marchar o tan anunciado circuíto cinematográfico de exhibición. Incentivar os festivais de cinema galego para que sexan un punto de encontro entre a creación galega e a do resto do mundo. Coordinar os proxectos de valoración e conservación do arquivo.

Isto só é unha mostra do que se podería facer sen necesidade de grandes partidas económicas. É dicir, unha política audiovisual áxil e flexíbel capaz de capear as esixencias dun sector cultural en constante mutación. E para que isto ocorra precísanse responsábeis que non estean parapetados no eco das arcas da Xunta senón xente con sensibilidade e empatía capaz de provocar ilusión e esperanza a un sector especialmente maltratado pola crise.

Xurxo González

Ningún comentario:

Publicar un comentario