mércores, 16 de setembro de 2015

Mentres exista o canto dos paxaros

Calquera achegamento a As Mil e Uma Noites empeza polo asombro ante a súa natureza colosal, a súa condición de proxecto extraordinario. Extraordinario por dimensión e por intención, a de establecer un retrato dun país, Portugal, cruelmente azoutado polo exercicio austericida dun goberno que bailou ao son único da apocalíptica Troika, entidade que tamén é singular e tripla, coma o filme de Gomes, mais infinitamente menos amorosa. A crise, palabra maldita que deveu comodín oco para xustificar calquera cousa, merecía un acto artístico de rebelión. Fíxoo un xenial cineasta portugués en forma de eloxio da narración e da palabra, de voces e de acentos que fían unha morea de historias, grandes e pequenas, transcendentes e banais, que nacen unhas doutras e van e volven para relatar este mundo e este tempo. Para facer relato hoxe e para que se lembre no futuro: isto era así e había que contalo, dunha forma nova, imperecedoira e inesgotábel.

As Mil e Uma Noites é, si, un filme político, aínda que non militante, ou polo menos non no sentido tradicional. Non é unha obra repleta de certezas, disposta a sinalarnos un camiño recto -ou máis ben “o” camiño-; antes polo contrario, prefire navegar ao desvío e explorar outras derrotas para coñecer mellor o rumbo. A prensa diaria foi unha perfecta guía para a viaxe. Durante máis dun ano un equipo de xornalistas -María José Oliveira, Rita Ferreira e João de Almeida Dias, xusto é citar os seus nomes e aplaudir o seu espléndido traballo- escrutou as noticias para localizar boas historias portuguesas. Foron ao encontro de personaxes que non sempre atopan sitio nos medios xeneralistas, puxéronlle cara ao desemprego, a precariedade e o sufrimento ao longo de ducias de entrevistas, investigaron toda sorte de feitos curiosos, reveladores do estado dun país máis aló das grandes cifras. Fixeron, en suma, xornalismo do bo, ese que infelizmente xa non é tan común, para alimentar un sitio web memorábel -enriquecido polas ilustracións de Tiago Manuel- e con iso suxerir contidos para os relatos dunha Xerazade do século XXI. Relatos que nacen da “realidade” e converte en ficción o chamado “Comité Central”, composto por Miguel Gomes, a guionista e actriz Mariana Ricardo, o asistente de realización Bruno Lourenço e o montador Telmo Churro. E é unha ficción libérrima, que asume sen medo a necesidade da imaxinación para entender o mundo en que vivimos. Válese da fábula e xoga ás veces co absurdo coa mesma enerxía e convicción coa que escapa da crueldade, que esquiva mesmo no seu episodio máis satírico. Aquí non hai espazo para o sadismo. A máis terríbel das historias pode contarse con elegancia, con compaixón e pudor. Non é un acto de caridade, é só xustiza. Xustiza e cariño.

As Mil e Uma Noites é un filme en tres volumes. Mais o verdadeiro filme, é importante que isto quede claro, é o que ordena o espectador na súa cabeza unha vez que experimentou as tres entregas en que se presenta. A primeira delas, O Inquieto, é a que propón máis rexistros diferentes, a máis mutante, a máis electrizante. O Desolado, a segunda, é a máis canónicamente ficcional, tamén a máis amarga e desesperada, aínda a pesar de Dixie, o can transmisor de alegría que se acaba apropiando da función. O volume final, O Encantado, arranca coma un festín hedonista, puro pracer visual e sonoro nunha Bagdad marsellesa de fantasía, para levarnos logo á Lisboa actual e alcanzar a cima grazas a unha galería excepcional de personaxes, a desarmadora comunidade de passarinheiros que impresiona e emociona pola súa dedicación en favor da beleza, polo seu amor e o seu compromiso. Foron precisas seis horas, mais a mensaxe calou fondo. Necesitamos beber soños como necesitamos beber auga, afirmou unha vez o escritor galego Álvaro Cunqueiro. Xerazade engadiría agora: mentres exista alguén que atenda o canto dos paxaros será posíbel a esperanza.

Martin Pawley. Versión galega dun texto escrito para o catálogo do FIC Valdivia 2015. En español, aquí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario