Quen somos

ACTO DE PRIMAVERA é un blog creado polos críticos e programadores Xurxo González, Martin Pawley e José Manuel Sande, que defende as expresións fílmicas máis creativas -as que fixeron e fan avanzar o cinema- e aposta de maneira especial polos novos talentos, nomeadamente en Galicia.

A páxina está aberta á participación e colaboración doutras persoas. Se desexas contribuír con textos á nosa páxina, envíaos para a súa avaliación ao seguinte enderezo:


ACTO DE PRIMAVERA resérvase o dereito de non publicar os textos que fiquen á marxe da liña e intencións editoriais que definen este espazo.

 * * * * * 

Cuestionario Proust: Martin Pawley

O aspecto principal da miña personalidade: a calma.
A calidade que prefiro nun home: o humor.
A calidade que prefiro nunha muller: o humor.
O que máis aprecio dos meus amigos: que o sexan.
O meu principal defecto: unha tendencia natural á dispersión e a desorde.
A miña ocupación favorita: falar con outros individuos da miña especie.
A miña idea de felicidade: liberté, egalité, fraternité.
Cal sería a desgraza máis grande para min: morrer. Ou non querer vivir.
Que me gustaría ser: nada que non mereza.
O lugar onde me gustaría vivir: Lisboa.
A miña cor favorita: azul Klein.
A flor que máis me gusta: a gardenia.
O meu paxaro favorito: a anduriña.
Os meus autores en prosa favoritos: Charles Dickens, Dashiell Hammett, Stefan Zweig.
Os meus poetas favoritos: Nicanor Parra.
Os meus heroes de ficción: Ahmed, o protagonista do filme Onde está a casa do meu amigo?.
As miñas heroínas favoritas de ficción: O personaxe (real) de Anna Sullivan interpretado por Anne Bancroft en The miracle worker.
Os meus compositores favoritos: Charles Mingus, Jeff Tweedy, Sufjan Stevens.
Os meus pintores favoritos: Velázquez, Edward Hopper.
Os meus heroes na vida real: Albert V. Baez, Nelson Mandela, Gianni Rodari, Ousmane Sembene.
As miñas heroínas na vida real: Émilie du Châtelet, Marie Curie, Lise Meitner, Rosa Parks.
A miña comida e bebida favorita: as vieiras, o polbo, os ovos fritidos con patacas. Para beber, o leite (mais non para comer, claro).
Os meus nomes favoritos: Ariel, Miranda.
O que máis odio: a intolerancia.
As figuras históricas que máis desprezo: os fabricantes de odio.
O feito militar que admiro máis: a deserción.
A reforma que máis admiro: a que conduza á liberté, egalité, fraternité.
O talento natural que me gustaría ter: cantar ben.
Como quero morrer: sen dor e mantendo a lucidez até o final.
Estado actual da miña mente: (des)ilusionado.
Faltas que me inspiran máis indulxencia: calquera que non teña consecuencias tráxicas.
O meu lema: «Malo será».