sábado, 30 de maio de 2009

Almodóvar vs Boyero

A polémica cultureta da semana ofrece unha xusta combinación (axitada, non removida) de lercheo e cinefilia: á volta do Festival de Cannes Pedro Almodóvar escribiu no seu blog unha longa anotación cuestionando a actitude do colaborador de El País Carlos Boyero cara o cinema en xeral e os seus filmes en particular. Egos e personalismos á parte, o escrito do gran autor manchego apunta na mesma dirección que a carta promovida en setembro por Víctor Erice, José Luis Guerín, Miguel Marías e Álvaro Arroba e á cal se sumaron logo unha morea de directores, programadores e críticos até completar case trescentos nomes, incluído o meu. O detonante daquilo foi o tratamento que Boyero dera nese xornal da Mostra de Venecia, e o que se criticaba non era o seu innegábel dereito a marchar dunha sala na que proxectan a última obra mestra de Abbas Kiarostami para contalo logo como se fose unha fazaña, senón o desprezo explícito que ese medio manifesta acotío polas obras máis innovadoras e arriscadas que procuran camiños alternativos aos de sempre. A intención era facerlles notar que ao ignorar esoutro cinema que raras veces chega ás salas comerciais estaban desinformando aos seus lectores, que merecen un tratamento dos contidos cinematográficos non menos rico e variado en opinións que o que se lles proporciona no ámbito do libro, a música, a política ou o deporte. E da mesma maneira que ninguén mandaría a cubrir a final da Champions League a alguén que odie o fútbol, non parece sensato enviar unha e outra vez aos grandes certames internacionais a unha persoa que se limita a ver unha porción mínima da programación e aínda por riba faino con evidente desagrado.

Desta volta o Comité de Redacción de El País saiu en defensa do seu compañeiro cunha nota na que califican o ataque de Almodovar de “descarnado”, coma se os textos de Boyero fosen polo usual xentís e xenerosos, e na que acaban contándolle ao director o que ten que facer: o seu deber é seguir creando boas películas, explican, e o deles dar as opinións que lles pareza, un xeito pouco sutil de dicirlle “cala a boca que aquí os que falamos somos nós”. Pois menos mal que traballan nun xornal supostamente “progresista”; se chega a ser reaccionario, non quero nin imaxinar o que farían.

Martin Pawley. Publicado o sábado 30 de maio no sitio web de Xornal de Galicia

sábado, 9 de maio de 2009

Acto de primavera

En tempos de crise económica a sexta edición do Indielisboa volveu obter unha xenerosa resposta do público lisboeta, que olla con entusiasmo a variada oferta e enche con inesperada frecuencia o cada vez maior número de salas. Pola altura na que se celebra, no medio e medio da primavera, enmarcado por dúas datas emblemáticas, o 25 de abril e o 1 de maio, o Indie vén sendo o derradeiro acto dunha tempada cinematográfica que arrinca sempre co festival de Cannes, o lugar onde todo comeza. Lisboa recolle pois obras das que se empezou a falar case un ano antes e tamén outras, as menos, descubertas nos festivais inmediatamente precedentes, sobre todo o de Rotterdam, que proporcionou os filmes gañadores das dúas anteriores edicións, a malaia Love conquers all de Tan Chui Mui, directora da que puidemos ver agora unha magnífica curta, Everyday, everyday, e o empachoso pasteliño Wonderful town, do tailandés Aditya Assarat.

O Indielisboa non é un festival que ofreza oportunidades únicas e irrepetíbeis para ver filmes; o mellor que se proxecta alí ou xa pasou ou pasará logo por outros certames peninsulares, por exemplo o de Xixón. Lisboa non adoita traer nunca grandes novidades e descubrimentos; o que procura e ofrece é unha programación ampla e esixente, con máis contidos de interese que tempo para velos, e un ambiente relaxado e amigábel que facilita o contacto entre todos os membros da familia festivaleira grazas ao esforzo dun equipo de organización modélico que atenciona o visitante con impagábel amabilidade e simpatía. O Indielisboa é a clase de festival ao que queres ir todos os anos, coa seguridade de que del sempre se volve con grandes recordos fílmicos e un bo número de teléfonos novos anotados na axenda. É unha mágoa que desta volta non viñera Werner Herzog, si, mais para que negalo, non é nel en quen estás pensando mentres socializas co resto da humanidade a altas horas da madrugada no fabuloso Cabaret Maxime ou nunha casa de fados na Alfama.

Martin Pawley. Publicado o sábado 9 de maio no suplemento Nós de Xornal de Galicia

O cinema portugués, de costas ao público

No ano 2007 vendéronse en Portugal case dezaseis millóns de entradas de cinema, mais delas só 447 mil foron empregadas para ver filmes do propio país. A cota de mercado da produción nacional é a máis baixa de toda Europa: non chega ao 3%. No último ano e medio unicamente un biopic sobre Amalia Rodrigues conseguiu achegarse ao millón de euros de recadación ao levar ás salas a algo máis de douscentos mil espectadores, unha cifra que multiplica por dez a que obtivo o filme que ocupa o quinto posto na listaxe dos portugueses de máis éxito, Aquele querido mês de agosto de Miguel Gomes, exhibido con espléndidas críticas e mesmo premiado en varios dos máis importantes festivais de cinema do mundo. Bastante máis modestos son os números de Manoel de Oliveira, que malia ser venerado coma un patriarca apenas lle interesa a cinco ou seis mil paisanos.



Non hai público mais si hai cinema, e magnífico. E aínda que soe cínico, hai moi bo cinema xustamente porque non hai espectadores, porque grazas ás axudas públicas é posíbel facer películas que non están obsesionadas cunha hipotética comercialidade e en consecuencia asumen riscos estéticos e artísticos, desde a certeza de que os intereses industriais non alentan en ningún lugar do mundo a aparición de obras capitais como Juventude em marcha. A alfaia de Pedro Costa obtivo na convocatoria do ICA de 2003 unha axuda de 650 mil euros, unha suma que representa unha porcentaxe altísima do seu orzamento total e que fai viábel un filme que dificilmente podería atopar logo un oco no mercado. Esa política de subvencións limitada e elitista deixa fóra moitos proxectos e autores, mais tamén fai de Portugal un dos focos de creación fílmica máis interesantes do planeta, onde son posíbeis propostas tan radicais como as de Sandro Aguilar, Hugo Vieira da Silva ou João Pedro Rodrigues e se manteñen en activo cineastas recoñecidos internacionalmente coma João Botelho, que estreou hai unhas semanas A Corte do Norte, adaptación dunha novela de Agustina Bessa-Luís. A vizosa realidade do cinema portugués aliméntase tamén da existencia dunha nova xeración de cineastas que apostan pola creación absolutamente independente, á marxe dos apoios estatais, caso do Gonçalo Tocha de Balaou, que agora prepara un documental de intencións case enciclopédicas sobre a illa máis pequena dos Açores, a do Corvo.

Ben sexa pola excelente iniciativa paralela das Lisbon Screenings ou pola axenda das súas diferentes seccións, o Festival de Cinema Independente de Lisboa ofrece sempre unha moi boa oportunidade para testar o estado de saúde do audiovisual portugués, desta volta con dúas curtametraxes a ocuparen o centro de atención: Canção de amor e saúde de João Nicolau, unha peza intelixente e de grande frescura seleccionada para a Quincena de Realizadores, e Arena de João Salaviza, a competición na Sección Oficial de Cannes, un filme sobre a (ausencia de) liberdade cheo de forza, sensualidade e lirismo que se beneficia da contundente presenza física do seu protagonista, Carloto Cotta.

Bizarra e cínica é Visionary Iraq de Gabriel Abrantes, unha curta incómoda de claro espírito transgresor que conta a historia dun mozo portugués e a súa adoptada irmá angolana que manteñen unha relación incestuosa e deciden ir loitar na liberación do Iraq, onde o seu pai está a facer negocios fabulosos. Moito máis interesantes foron os dous traballos que presentou Manuel Mozos, tanto Aldina Duarte: Princesa Prometida, un exultante achegamento á figura dunha fadista nova con conciencia de clase, coma Ruínas, un louvado traballo experimental que explora espazos esquecidos e abandonados para construír con eles un retrato alternativo e mortuorio do país.

Martin Pawley. Publicado o sábado 9 de maio de 2009 no suplemento "Nós" do Xornal de Galicia